Delegadas/os de CIG-Abanca concéntranse en Compostela para manifestar o seu máis rotundo rexeitamento ao ERE
Delegados e delegadas da CIG en Abanca e Caixa Geral concentráronse esta mañá diante da sede de Afundación, en Compostela, coincidindo coa xuntanza de negociación do ERE presentado pola entidade, que atinxe a 250 traballadoras e traballadores, baixo o lema “Nin despedimentos, nin abusos en materia de xornada”.
Segundo explicou Alberte Alonso, delegado da CIG en Abanca, “estamos ás portas de Afundación porque non nos queda máis remedio que manifestar o noso máis rotundo rexeitamento á proposta de ERE e de modificación das condicións de traballo. Medidas que coartan os dereitos das traballadoras e traballadores”.
Para Alonso tanto o ERE como a modificación das condicións laborais son máis graves aínda tendo en conta que “esta é unha empresa que está a gañar nestes momentos máis de 400 millóns de euros ao ano que quedan nas mans dunha soa persoa”.
Medidas
Para a CIG é moi grave que se pretenda despedir a unha parte do persoal e aplicar a reforma laboral en toda a súa extensión para rematar de rebentar, ademais, a xornada continua.
Segundo explicaron desde a entidade, o ERE afectará a 94 persoas nos Servizos Centrais en Madrid e 156 na rede, 129 en Galiza, cun reparto que levaría a “baixas indemnizadas” que “son despedimentos baixo ameaza”, tal e como ten explicado o representante de CIG-Abanca, Clodomiro Montero.
Para Montero tamén é inadmisible a proposta presentada pola entidade para as prexubilacións, que en Madrid serán desde os 55 anos de idade e, en Galiza e no resto, desde os 58, a 30 de maio deste ano.
Ademais, denuncia que as condicións propostas “son das máis baixas do sector” porque pretenden prexubilar con 5 anualidades do 70% do salario bruto fixo (descontando desemprego e subsidio) e cotización até os 63.
Se non se cobren saídas, o cal pola idade de corte proposta a nivel galego será así en Pontevedra, o resto sairían con estas condicións:
Baixas indemnizadas: 25 días, máximo 18 mensualidades.
Despedimentos: se non se cobren as saídas con "persoal voluntario", farán despedimentos co mínimo legal de 20 días, máximo 12 mensualidades.
Horarios: xornada partida (por quendas) traballando 4 días pola tarde á semana (ata ás 17:30 da tarde ou 18:30).
Reducindo tempo con horario de verano.
E isto tendo en conta, como subliña Clodomiro Montero, que “Abanca xa non aplica o Convenio, ten os horarios máis amplos do sector, implantou un rexistro “fake” e ameaza ao cadro de persoal para que non teclee o exceso de xornada”.
Por iso demanda explicacións sobre “como se compaxina o de restrinxir os horarios ao público, pechando as oficinas ás 11 da maña; alegar a dixitalización como causa do ERE e logo pretender ampliar horarios laborais.
A CIG-Abanca considera positiva unha saída xeral vía prexubilacións, pero non a proposta pola entidade, que debe ser coa mesma idade en toda a empresa, mellorando as condicións e aproveitando tamén para regularizar o exceso de contratos temporais. Respecto dos horarios Montero é taxativo, “non se tocan co visto bo da CIG. A unha empresa que non cumpre os horarios, os sindicatos non debemos permitirlle rebentar os horarios do sector”.