Delegadas/os da CIG nos centros de chamadas seguen coas protestas por un convenio digno
Delegados/as da CIG no sector dos centros de chamadas mobilizáronse hoxe diante da delegación da Xunta de Galiza en Ourense para reclamar un convenio digno para o sector e denunciar a súa situación laboral e os nulos avances na mesa de negociación.
Dende a federación de Banca da central sindical critican que a patronal pretenda precarizar aínda máis a contratación no sector tras dous anos de negociacións nas que o persoal soportou condicións de precariedade laboral e salarios conxelados, co agravante de que o IPC pechou o ano 2021 no 6,5%.
Lembran que nestas empresas foron declarados ilegais os contratos de obra por sentenza xudicial, polo que tiñan que converter ao persoal en indefinido. “Mais agora, coa nova reforma laboral, o Goberno español deulles un novo instrumento para continuar cunha temporalidade que, ademais, pretenden utilizar en todas e cada unha das súas modalidades, estendendo prazos e circunstancias de aplicación”.
Compañías que durante toda a pandemia aproveitaron para presentar ERE e ERTE e mandaron ao persoal a teletraballar cos seus propios. “A maior parte delas nunca compensou os gastos derivados desa situación, utilizándoa como premio ou castigo en función dos resultados”. Por iso durante a protesta de hoxe un dos lemas que máis se escoitaron facía referencia a esa circunstancia: “Enriquécense coa pandemia e déixannos na miseria”.
A CIG ten previstas outras dúas mobilizacións que se desenvolverán en Lugo o vindeiro 22 de febreiro e en Compostela o 15 de marzo. Dende a central sindical advirten que esta é unha primeira chamada de atención, polo que non dubidarán en avanzar na conflitividade coa convocatoria de paros parciais ou folgas “se a negociación segue polo mesmo camiño”.