Delegadas/os da CIG no sector TIC abordan a implantación do teletraballo e a negociación do convenio
Delegadas e delegados da CIG no sector TIC mantiveron unha xuntanza a pasadas semana para abordar, principalmente, a implantación do teletraballo e como está a negociación do XVIII Convenio de consultorías, a cuxa mesa a CIG está acudindo como parte interesada e sindicato máis representativo.
Aínda que a asistencia estivo limitada por mor das restricións existentes e das precaucións debidas á pandemia da covid19, achegáronse a Compostela delegadas/os de varios puntos do país para abordar o traballo a distancia e a súa actual regulación vía Real Decreto-lei.
O posíbel comezo dunha deslocalización encuberta, a ausencia dunha desconexión real, o aumento dos gastos no fogar, a máis que probábel evolución cara a converterse en persoal falso autónomo, a fraude no control horario e coas baixas médicas, a limitación da acción da Inspección de Traballo e o evidente retroceso na organización colectiva e na defensa laboral no sector foron algunhas das conclusións que se tiraron do encontro "e que fan que o teletraballo, unha vez pasada a 'euforia inicial', se vexa desde as TIC como un verdadeiro 'cabalo de troia' da explotación laboral".
Este conxunto de circunstancias, analizaron as delegadas e delegados, vese agravado polo Real Decreto-lei sobre o traballo a distancia aprobado en datas recentes "e trazado en conivencia entre os sindicatos españois e a patronal do estado, que non tenta corrixir estas eivas, senón que, ao contrario, deixa en mans da negociación colectiva melloras que achamos imprescindíbeis e que, como tal, se indicaban que ían engadirse si ou si nos primeiros bosquexos da lei".
Desde a CIG TIC reiteran que seguirán na loita, "informando os compañeiros e compañeiras sobre os aspectos que o teletraballo nos está a deixar e pulando por un convenio TIC galego, que reflicta fielmente a nosa idea dun teletraballo adaptado ás circunstancias particulares dos traballadores e das traballadoras, regulado e limitado no seu alcance".