Delegadas/os da CIG nas tendas de Inditex mobilízanse contra a modificación arbitraria dos calendarios laborais
Traballadoras e traballadores das tendas de Inditex mobilizáronse este venres diante de varios establecementos que o grupo ten na céntrica Praza de Lugo da Coruña para denunciar o recorte de dereitos laborais que a multinacional pretende impor a conta da emerxencia sanitaria.
Durante as protestas, convocadas pola CIG, denunciouse que "a pesar de ser unha das partes máis importantes do grupo Inditex, as traballadoras e os traballadores das tendas somos as máis castigadas". Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara na Coruña, explicou que baixo a escusa da pandemia, Inditex modificou todos os calendarios laborais que estaban acordados, mudándolle as xornadas e os horarios ao persoal, mesmo a aquelas traballadoras que teñen concreción horaria para o coidado de crianzas.
Aínda que a compañía presentou esta medida como algo temporal, a realidade é que está impondo "quendas estancas" que impiden a conciliación e supoñen unha importante perda de cartos para o persoal, que se ve na tesitura de ter que elixir entre traballar ou conciliar. A maiores, con estas mudanzas, a compañía eliminou de golpe o día libre, o límite de tardes e a librada de fin de semana, e as traballadoras nin sequera poden gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei.
Esta modalidade de horarios estancos, apunta Naveiro, non se aplica en ningunha outra área do grupo nin noutras empresa do sector e "non ten outro obxectivo que aforrar cartos e aumentar a produtividade nas tendas. A súa única finalidade é eliminar as melloras nas condicións laborais que fomos conseguindo durante anos sobre os nosos horarios, calendarios e tempo de traballo".
O TSXG instou a Inditex a negociar unha solución
A CIG ten presentadas 9 demandas de conflito colectivo e no día de onte celebrouse o primeiro xuízo na cadea Stradivarius. Unha vez escoitadas ás partes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza aprazou uns días o resto de xuízos e instou a Inditex a sentar negociar unha solución global para todas as cadeas. Hai que sinalar que a CIG realizou varias propostas para avanzar unha solución, mais a empresa nin sequera respondeu.
Por iso, as delegadas e delegados da CIG subliñan que "seguiremos pelexando nesa mesa e na rúa, nos medios, na Inspección, nos xulgados… onde faga falta, para evitar regresar ao pasado, cando a empresa facía o que lle daba a gana cos nosos calendarios e os nosos dereitos".
Neste senso, Naveiro aseverou "que non se pode consentir que unha empresa como Inditex, que se vende publicamente como alma caritativa e que fai moitas doazón, as faga a conta dos nosos dereitos e de precarizar as nosas condicións laborais".