Delegadas/os da CIG mobilízanse contra a violencia machista e o acoso sindical en Prosegur
A CIG continuou este venres as mobilizacións en rexeitamento á represión sindical que está a padecer un delegado da CIG que exerce as funcións de vixilante no Carrefour do Centro Comerciais Os Rosais (A Coruña), e para denunciar a complicidade da empresa no caso da agresión machista sufrida por unha traballadora e delegada do persoal en Ourense. Con esta protesta, ademais de esixir responsabilidades e actuacións inmediatas á empresa, a CIG quere trasladar todo o seu apoio e solidariedade coa compañeira Ángela.
Hai que lembrar que malia de ter coñecemento da agresión (cometida por outro traballador da empresa nun cambio de quenda), Prosegur negouse en todo momento a aplicar o protocolo de acoso e nin sequera actuou de xeito cautelar contra o agresor apartándoo do seu posto. Ao contrario, durante meses, a compañía avalou o comportamento violento e machista deste vixilante, destinándoo incluso a cubrir o posto da compañeira no campus universitario de Ourense, xa que ela está de baixa dende que aconteceron estes inadmisíbeis feitos en agosto do pasado ano.
O desleixo de Prosegur é tal que foi a Inspección de Traballo quen lle tivo que requirir que aplicara o protocolo de acoso recollido no Plan de Igualdade, mais a día de hoxe a empresa continúa sen atender dito requirimento nin pórse en contacto coa compañeira vítima da agresión. Unha postura que a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, cualificou de "intolerábel" e por iso xa adiantou que a central sindical proseguirá coas mobilizacións "porque non imos consentir actitudes machistas nin comportamentos violentos nos centros de traballo".
Castro puxo o acento no desamparo no que Prosegur deixa a súa traballadora, que ademais é representante legal do persoal, pois "non consta que abriran o protocolo de acoso a pesar de todos os meses transcorridos dende a agresión e do requirimento do Inspección. Non chamaron a compañeira para nada, nin temos constancia de que chamaran a outras persoas para tomarlle testemuño", apunta. Neste senso, lamentou que a Inspección non actuara aínda contra Prosegur por non acatar o seu requirimento, algo que a empresa aproveita para manterse nunha total pasividade ante a agresión machista cometida.
A complicidade de Prosegur chega ao punto de que incluso a principios de ano o traballador foi cambiado de posto, pero non en cumprimento da resolución da Inspección ou por activación do protocolo, senón por circunstancias que nada teñen que ver coa agresión. "Fronte a isto, Castro reitera que "insistiremos na Inspección para que actúe e para que máis ala de que o agresor sexa xulgado, tamén Prosegur se faga cargo da súa responsabilidade, porque en todo momento se inhibiu deste problema".
A este maltratado empresarial hai que sumarlle o desamparo administrativo que sofre a compañeira Ángela, xa que está penalizada a nivel económico porque a mutua de Prosegur non lle recoñece o carácter de accidente laboral e o INSS limítase a dicir que non pode resolver o recurso que presentou até que non remate o proceso aberto no xulgado do penal.
Persecución ao delegado da sección sindical da CIG
Ademais da agresión machista, con esta concentración tamén se quere denunciar o acoso sindical que está a sufrir o delegado da sección sindical da CIG, que presta servizos no Carrefour do Centro Comercial dos Rosais. A persecución contra o compañeiro comezou despois de que denunciara na Inspección de Traballo a falta de medios técnicos para poder realizar o seu labor como vixilante e como delegado sindical.
A reacción da empresa, en vez de corrixir as deficiencias denuncias, consistiu en iniciar un proceso de imposición de sancións arbitrarias e inxustas ao compañeiro, a última delas con carácter grave por un presunto deixamento de funcións na súa actividade. Infracción da que non achegaron ningún tipo de proba ou evidencia e que derivou nunha suspensión de emprego e soldo totalmente inmerecida. A sanción foi recorrida en vía xudicial e nas vindeiras semanas terá lugar o xuízo.
Este tipo de prácticas, engade a sección sindical da CIG, estase convertendo en algo habitual en Prosegur e inclúe todo tipo de artimañas como o revisado de cámaras para tentar descubrir calquera tipo de falta coa que poder sancionar o persoal