Delegadas e delegados da CIG concéntranse contra a represión sindical en Inditex e en apoio as traballadoras denunciadas

A Coruña - 16 Dec 2024

Delegadas e delegados da CIG concentráronse este luns diante dos xulgados da Coruña en rexeitamento á represión sindical e en solidariedade coas traballadoras e traballadores das tendas denunciadas por Inditex na vía penal por un delito leve de usurpación da propiedade, por permanecer nas instalacións de Arteixo "reclamándolle a empresa que cumpra os compromisos asinados".

Os feitos que motivaron a denuncia, lembraba Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, remóntanse ao mes de xuño cando un grupo de delegadas e delegados da CIG nas distintas cadeas "fomos á sede de Inditex para tentar que cumprira co acordo asinado a finais de 2023 para retomar a negociacións das condicións laborais das tendas da provincia da Coruña".

Con esta acción pretendían ser recibidas pola empresa, desatascar a situación cunha reunión ou cando menos obter o compromiso dunha xuntanza para tentar avanzar naquelas reivindicacións que ficaran pendentes despois do acordo salarial acadado en decembro de 2022. "Pero non só non nos recibiron nin se retomou a negociación, senón que ademais atopámonos coa sorpresa de ser denunciadas e desaloxadas das instalacións da empresa", lamentou.

Actuación exemplarizante cara ás dependentas

As propias traballadoras e traballadores cualificaban a denuncia de Inditex como "inédita e sen sentido" tendo en conta que outros compañeiros que realizaron protestas similares na sede da multinacional "non só foron recibidos, senón que conseguiron chegar a acordos coa empresa".

A este respecto, Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara na provincia, chamaba a atención sobre a discriminación de xénero que subxace nesta actuación de Inditex, "pois a maioría do persoal das tendas somos mulleres". En contraposición sinalou que un mes antes das dependentas ir á sede de Arteixo, compañeiros do almacén de loxística realizaran unha acción similar "e despois de pasar oito horas nas instalacións, sen ningunha incidencia, saíron cun compromiso por escrito, e posteriormente houbo negociación e chegaron a acordo".

Naveiro considera que ao recorrer aos xulgados "Inditex pretende dar un castigo exemplarizante cara ás traballadoras". E critica que unha empresa como esta, que busca dar unha imaxe de compromiso e igualdade, manteña este tipo de "actuacións discriminatorias coas dependentas das súas tendas. Xa é hora de que Inditex non só venda valores de cara á galería, senón que os poña en práctica nas súas relacións laborais".

A loita pola mellora das condicións segue adiante

Finalmente a empresa non se presentou polo que o xuízo foi suspendido e agárdase agora resolución de absolución das compañeiras e compañeiros. Non obstante,  a representación da CIG subliñaron que a loita para reclamar as melloras laborais e sociais que xa teñen noutras empresas do grupo e para avanzar na equiparación entre todas as cadeas continúa adiante "porque as dependentas das tendas da provincia da Coruña non imos renunciar a facer valer ese acordo que Inditex firmou con nós".

Domínguez explicou que aínda que a principios de ano, Inditex fixo un amago de reactivar a mesa, suspendeuna ao pouco e trasladou as negociacións a Madrid "ignorando e desprezando as traballadoras da provincia, posto que ninguén vai decidir por nós". Neste senso, lembrou que as demandas das traballadoras son sobre todo de carácter laboral e social (redución de xornada, horarios, axudas sociais, etc.) e que o acordo asinado pola empresa con CCOO e UGT en Madrid non supuxo ningunha mellora para as dependentas da provincia da Coruña "polo que seguiremos reivindicando negociar aquí as nosas condicións de traballo".