Un grupo de delegadas do comercio vario realizaron este mércores un encerro simbólico na Confederación de Empresarios/as da Coruña para demandarlle á federación provincial que atenda a petición de reunión e sente negociar un acordo interprofesional que blinde a prioridade aplicativa do convenio da Coruña fronte ao convenio estatal de ARTE que se está a negociar en Madrid. O peche iniciouse pouco despois das 13 horas e preto das 19:30 horas, e coa sede patronal xa pechada ao público, as traballadoras decidiron levantar a medida de presión ante a advertencia de seren desaloxadas pola forza pola policía se non abandonaban o local..
Nun breve encontro mantido ao incio do peche, unha representante da patronal trasladoulles a postura da CEC "que di representar xa só pequeno comercio e lávase as mans neste conflito", explica Lucía Domínguez, delegada da CIG. "Tamén nos cominou a protestar diante de Inditex, algo que aínda fixemos este pasado luns, e indignouse ante as nosas acusacións pola evidente obediencia da patronal provincial aos ditados de Inditex".
Non obstante, a acción protesta rematou sen ningunha data de reunión para abordar a posibilidade de asinar un acordo marco "nin tampouco para renovar o convenio provincial, que caducou o 31 de decembro, que é xusto o que quere Inditex para impor o convenio estatal, moi inferior en condicións", crítica Domínguez.
Mobilizacións contra un convenio estatal para precarizar o sector
Esta acción de protesta enmárcase no intenso calendario de mobilizacións e folgas que as traballadoras e traballadores do sector veñen realizando en resposta ás pretensións da gran patronal do téxtil e do calzado (agrupadas na patronal ARTE) de impor un convenio estatal que suporía un retroceso de 20 anos nos dereitos laborais e salariais acadados polo persoal nos sucesivos convenios de comercio vario da Coruña.
Para evitar este empobrecemento dos salarios e a precarización do traballo, a CIG estalle solicitando reunións ás diferentes patronais provinciais do comercio para iniciar a negociación dun acordo interprofesional que protexa os convenios provinciais das inxerencias da negociación estatal, na mesma liña que xa asinou a patronal vasca. Porén, a patronal galega négase a avanzar nun marco propio, que permite e avala a lexislación vixente, sendo a patronal coruñesa a máis reticente neste aspecto.
Neste senso, as delegadas da CIG chaman a atención sobre o feito de que o vicepresidente de ARTE é o director de relacións laborais de Inditex, e que esta multinacional é quen controla a patronal que negocia o convenio provincial.
Critican esta postura intransixente do empresariado galego e reiteran que o realmente persegue ese futuro convenio estatal de ARTE “é impoñer condicións uniformes que van a ser moito peores para o noso comercio, formado maioritariamente por pequenas e medianas empresas galegas, e non grandes corporacións multinacionais que solo buscan un maior beneficio a costa de recortar os dereitos das traballadoras e traballadores do sector”.
O próximo luns está prevista unha nova reunión da mesa estatal e as traballadoras e traballadores xa adiantan que continuarán defendendo os seus dereitos e unhas condicións xustas.