Delegadas da CIG poñen o foco de atención na precariedade e a explotación que sofren as traballadoras de atención a domicilio
Delegadas da CIG de Ferrol realizaron unha concentración este xoves diante das oficinas da empresa People Plus Innovation SLU, que presta o servizo de atención a domicilio en varios Concellos da comarca, no marco da campaña que a a Secretaría das Mulleres está a desenvolver contra a precariedade e a explotación laboral que padecen milleiros de traballadoras en Galiza. A decisión de levar a protesta até as oficinas de People Plus tomouse porque esta empresa "é un exemplo das relacións laborais que precarizan o traballo en sectores feminizados como o traballo no fogar e de coidado das persoas dependentes".
Con esta mobilización quérese chamar a atención sobre as condicións das traballadoras da axuda a domicilio, un sector altamente precarizado, feminizado e cunha actividade na maioría dos casos invisibilizada ao realizarse nos domicilios privados dos usuarios e usuarias. "A temporalidade dos contratos, a escasa duración destes, os baixos salarios que non se corresponden co grao de responsabilidade do labor realizado ou a falta de formación específica por parte das empresas ou a realización habitual de horas extras non remuneradas son algunhas das características que marcan o sector dos coidados", explica Nicolasa Castro, secretaria das Mulleres da CIG-Ferrol.
Engade que este colectivo de traballadoras a miúdo sofre enfermidades profesionais que non están recoñecidas e debido ás baixas cotizacións, cando chegan á idade de xubilación acaban percibindo pensións moi cativas.
Cada vez máis empresas prestan estes servizos
Castro advirte que cada vez son máis as empresas que realizan este tipo de servizos, xa que as administracións públicas en lugar de ofrecer directamente estas prestacións básicas, garantindo as condicións do persoal e o servizo ás usuarias e usuarios, están privatizando a súa xestión mediante subcontratas, afondando así na precariedade laboral e no deterioro da atención. "Mentres as empresas do sector incrementar os seus beneficios as traballadoras vén cada vez máis recortados os seus dereitos", denuncia.
A este respecto, pon como exemplo o feito de que o último convenio colectivo de axuda domiciliaria asinado en Galiza tiña unha vixencia para os anos 2009-2011, "pero resulta imposíbel sentar a negociar un novo convenio, xa que a día de hoxe non hai constituída unha asociación patronal galega que o negocie".
Como práctica xeral, subliña, as empresas teñen conxelados os salarios do seu persoal dende o ano 2012, no que se publicou a última actualización de táboas salariais, a pesar de que o convenio está en situación de ultraactividade por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza. Nesa resolución, o alto tribunal galega especifica que á falta de negociación dun novo marco regulador, os salarios téñense que actualizar tomando como referencia o IPC.
No caso concreto do SAD de Ferrol, Castro lembra que PeoplePlus Innovation SLU (que forma parte de Optima Grupo, coñecido aglomerado empresarial transnacional de multiservizos), ten a concesión do contrato dende outubro de 2018 e un cadro de persoal absolutamente feminizado, xa que de 104 persoas só unha é home.
Incumprimentos laborais acotío
Pero os incumprimentos laborais non son algo novo nin exclusivo desta empresa. De feito, en xaneiro de 2018 o comité tivo que presentar denuncia diante da Inspección de Traballo contra a anterior concesionaria (Valoriza Servicios a la Dependencia), principalmente por incumprimento en materia de tempo de traballo.
Entre outras cuestións, denunciouse que a empresa tiña persoal con contratos inferiores a 25 horas semanais, que é a xornada mínima estabelecida por convenio; que non se respectaban os descansos entre xornada e semanais; e que había traballadoras a tempo completo pero coa súa xornada dividida en mais de dúas franxas de traballo e empregadas con contrato parcial obrigadas a realizar xornada partida. Xunto isto, os tempos de desprazamento resultaban insuficientes para o correcto desempeño do servizo, que nalgúns casos nin sequera computaban como tempo efectivo de traballo, e mesmo producíndose solapamento de servizos.
Con todo, a Secretaría das Mulleres da CIG incide en que a precariedade non é específica no sector dos coidados, senón que afecta a todos os traballos feminizados, que xeralmente se encadran no sector servizos: limpeza, hostalaría, telefonía, servizos sociosanitarios, comercio, lecer, actividades financeiras, industria téxtil, alimentación ou conserva. De feito, o 85% das mulleres galegas traballan no sector servizos, que é o que en maior medida sofre a precariedade laboral, o que incide directamente na situación das mulleres.
As demandas da CIG
Para enfrontar esta discriminación e precariedade, a CIG ten unha batería de demandas que comezan pola derrogación inmediata das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva; reforzar o sistema de prestacións por desemprego; incrementar o SMI até acadar o 60% do salario medio; a posta en marcha dun salario de inserción laboral e social para as desempregadas maiores de 18 anos; fortalecer compoñentes non contributivos do sistema de protección social; redución da xornada laboral ás 35 horas semanais; racionalización dos horarios de traballo e do calendario escolar; ou eliminar as ETT, as empresas multiservizos, a subcontratación en cadea e a figura das mal chamadas “falsas autónomas”.
De igual xeito, a CIG reclama a incorporación dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados (incluída a prestación por desemprego, a cotización por salarios reais e iguais condicións para o cálculo das pensións), con recoñecemento pleno no ET e integración completa no Réxime Xeral da Seguridade Social; universalizar a atención á dependencia con servizos profesionais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público. Cando a xestión destes servizos sexa por concesión, as empresas deberán cumprir coa igualdade salarial, garantir as mesmas condicións de traballo, coa estabilidade no emprego e cumprir coas súas responsabilidades laborais e administrativas.
Axilizar e garantir o cumprimento da lei no que respecta á revisión da clasificación profesional e o valor dos traballos, así como o rexistro dos valores medios salariais; e reactivar a campaña de igualdade na Inspección de Traballo e dotala de persoal con perspectiva de xénero, son outras das reivindicacións da Secretaría das Mulleres da CIG.