Delegadas da CIG de Vigo protestan na residencia Ballesol polo despido dunha traballadora que solicitou medidas de conciliación
Delegadas sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante da residencia de maiores Ballesol de Vigo para rexeitar o despedimento dunha traballadora por solicitar medidas de conciliación da vida laboral e familiar. Previamente celebraron unha asemblea no local do sindicato na cidade para preparar as xornadas de mobilización que terán lugar arredor do 8M.
O encontro de delegadas convocado pola Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo centrouse especialmente nos coidados no ámbito familiar, unha realidade invisibilizada sobre a que xirarán este ano as reivindicacións do feminismo galego ao tratárense de todos eses traballos imprescindíbeis para a reprodución da vida que a sociedade naturalizou e asignou ás mulleres tirándolle todo o valor social que lle corresponde.
Na xuntanza abordáronse as distintas xornadas de mobilización convocadas pola asemblea Galegas 8M marco da celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, como a manifestación que terá lugar en Verín o domingo 1 de marzo ou as que se celebrarán o propio día 8 por todo o país.
No caso de Vigo a xornada comezará as 12:00 horas no Farol de Urzaiz coa intervención de rúa 'Un violador no teu camiño'. A continuación, por volta das 14:00 horas, haberá recital de poesía e foliada na Praza de Portugal. Para rematar o día de loita celebrarase unha manifestación, que arrincará de Vía Norte ás 18:00 horas.
Na asemblea de delegadas tamén se debateu sobre o Encontro Nacional de Delegadas da CIG que terá lugar en Santiago o vindeiro día 4.
O despido en Ballesol, a xuízo
Despois da asemblea as delegadas desenvolveron unha protesta diante da residencia Ballesol, na Gran Vía, para denunciar o despido disciplinario dunha supervisora do centro o pasado 11 de decembro “sen outra razón que a de ser nai, separada, con necesidade de conciliar o seu traballo co coidado da súa filla de catro anos”.
Diante disto, a central puxo en marcha unha campaña para rexeitar a actitude machista da dirección e reclamar a readmisión da traballadora que comezou o 23 de decembro cun reparto informativo na porta e que continuará até lograr a readmisión da afectada.
De xeito paralelo, a central presentou unha demanda nos xulgados para reclamar a nulidade da rescisión de contrato, cuxo xuízo terá lugar o vindeiro 23 de marzo despois de que o SMAC rematase sen acordo por que a empresa propuxo unicamente aceptar a improcedencia do despido.