Delegadas da CIG claman ante a patronal polo dereito a termos un traballo digno e sen violencias
Delegadas da CIG manifestáronse este venres dende o edificio sindical na Coruña até a Confederación de Empresarios/as para denunciar a actitude de permisividade da patronal ante as situacións de acoso que padecen moitas mulleres nas súas empresas. A mobilización enmárcase na campaña da secretaría das Mulleres con motivo do 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que este ano se desenvolve baixo o lema "Traballo digno e sen violencias".
A secretaria confederal das Mulleres, Nicolasa Castro, subliñou que as situacións de acoso sexual ou por razón de xénero no traballo seguen estando fóra do foco mediático e nin sequera existen estatísticas oficiais sobre a incidencia desta problemática. “É moi difícil para as traballadoras que sofren estas violencias machistas denunciar, porque na maioría dos casos a vítima é posta en cuestión por parte da empresa e incluso por parte do resto do persoal”, lamentou.
Castro engadiu que no X Encontro Nacional de Mulleres da CIG que se celebrou antes da manifestación, “constatamos que este é un problema que afecta a todos os sectores e canto máis precarizado está, maiores son os abusos”. Neste punto, lembrou que todas as empresas teñen que contar con protocolos de acoso e deben poñelos a funcionar no momento en que hai unha denuncia. “O que non cabe é obviar as denuncias ou darlle voltas e voltas para que finalmente queden en nada”.
Xunto a isto destacou a importancia de que, unha vez existen os protocolos, estes se difundan e coñezan entre as traballadoras e traballadores, "porque en moitas ocasións o persoal non sabe da súa existencia ou descoñece como funcionan”.
Por iso, a secretaria das Mulleres da CIG animou a todas aquelas persoas que poidan estar expostas ou ser coñecedoras dunha situación de acoso ou violencia no traballo, “a que acudan ao sindicato para asesorárense a fin de combater esta situación". Porque atallar as situacións de acoso e a violencia nos centros de traballo é responsabilidade da patronal.
“E por esta razón hoxe nos manifestamos até a sede da patronal, para que teñan claro que non imos consentir máis acosos nos centros de traballo”, aseverou. Referiu Castro que a partir de xuño do 2023 será de obrigado cumprimento o Convenio nº 190 da OIT: o primeiro tratado internacional que recoñece o dereito de toda persoa traballadora a desenvolver a súa actividade libre de violencia e acoso e que inclúe de xeito expreso a violencia e o acoso por razón de xénero.
Con esta norma, engadiu, refórzase a obriga xa introducida pola Lei de Igualdade de 2007 de contar en todas as empresas con procedementos específicos para a prevención e actuación ante o acoso e incorporando aos mesmos todo tipo de violencias. “Dende a CIG imos pedir a súa aplicación e imos ser tallantes no seu cumprimento. Estamos no século XXI e non podemos consentir máis violencias contra as mulleres”.
X Encontro nacional de Mulleres
Previamente á manifestación tivo lugar no salón de actos do edificio sindical o X Encontro Nacional de Mulleres da CIG no que delegadas e afiliadas de todo o país fixeron unha posta en común de coñecementos, experiencias e puntos de vista sobre a situación sociolaboral, política e sindical das galegas e debateron arredor da organización da acción sindical desde unha perspectiva feminista.
Na busca dunha maior proximidade coas compañeiras das diferentes comarcas, este ano a secretaría decidiu descentralizar a convocatoria nacional do Encontro, que até agora sempre se veu celebrando en Compostela.
Chamamento a participar nas mobilizacións da MMM
Dende a secretaría das Mulleres da CIG tamén se fai un chamamento á participación nas mobilizacións do feminismo galego, nomeadamente nas convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, que terán lugar esta mesma tarde.