A CIG e a CGTP-IN manteñen varias reunións de traballo no marco do protocolo de colaboración conxunto
Unha delegación da CIG, encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril, e outra da CGTP-IN, encabezada pola secretaria xeral, Isabel Camarinha, desenvolven varias xuntanzas de traballo este martes 19 e o mércores 20 de xullo no Porto no marco do protocolo de colaboración conxunto asinado por ambas organizacións en 2018 co obxectivo de “facer posíbel que a dignificación das condicións de vida da clase traballadora sexa unha realidade a un lado e a outro da fronteira”.
Na primeira xornada participan responsábeis das federacións de Industria, Construción e FGAMT (Pesca e Transportes) xunto ao secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, e o responsábel da União de Sindicatos do Porto. Ao remate do encontro os sindicalistas galegos coñecerán de primeira man o proceso de loita que está a desenvolver o cadro de persoal de CaetanoBus.
Para o día seguinte está previsto un encontro ao máximo nivel entre os máximos responsábeis das dúas centrais sindicais, co secretario xeral da CIG e a secretaria xeral da CGTP-IN á cabeza, no que tamén estarán presentes por parte da CIG os secretarios/as confederais de Organización, Susana Méndez, e de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío, ademais do responsábel do departamento de Internacional e Cooperación, Xosé Lois Rivera.