"Defender os nosos dereitos non é delito". A CIG mobilízase contra a represión sindical na xustiza
A CIG continuou este venres coas mobilizacións en rexeitamento á represión sindical que están a sufrir, máis de oito meses despois de rematado o conflito, delegados e delegadas sindicais por exercer o seu labor durante a folga de xustiza. Nesta circunstancia atópase á compañeira Chelo Rodríguez, delegada da CIG na Administración de Xustiza, que está pendente dun expediente disciplinario e dun xuízo, por mor da denuncia presentada pola Fiscalía provincial por feitos acontecidos no marco da folga.
Desta volta á concentración desenvolveuse diante do edificio dos xulgados da rúa Monforte, onde se puideron escoitar consignas a prol da liberdade sindical, o dereito á folga e contra a represión sindical. Para a delegada da CIG atopámonos ante unha campaña de represión sindical froito dunha decisión política que "busca penalizar as organizacións que defenden os dereitos dos traballadores/as e servir de exemplo para o resto do persoal do sector público" á hora de reivindicar melloras salariais e laborais.
Persecución sindical
A compañeira Chelo ten un expediente disciplinario aberto por uns feitos ocorridos o pasado 23 de abril coa Letrada do Xulgado do Penal nº 6, que quedou en suspenso xa que á apertura do expediente seguiulle a apertura de instrución por eses mesmos sucesos. A denuncia que motivou a instrución tivo a súa orixe na queixa presentada por esa funcionaria diante do TSXG despois de que un piquete informativo falase con ela nunha das xornadas da folga por mor da interpretación abusiva dos servizos mínimos.
"A Letrada emitiu unha instrución cambiando a orde de servizos mínimos (para ampliarllos), cando é algo que non pode facer. Fomos a falar con ela para sinalarlle que non era competente para cambiar a orde de mínimos, debeuse sentir cuestionada e presentou a queixa", explica Rodríguez. "A raíz deses feitos é polo que estamos agora pendentes dun xuízo por coaccións e dun expediente".
Rodríguez cuestionou o verdadeiro obxectivo destas actuacións e considera que "estamos ante unha clara persecución contra os delegados e delegadas sindicais máis reivindicativas na folga de xustiza e unha caza de bruxas contra daquelas centrais que non asinaron o mal acordo". Diante disto, preguntouse "onde está a Fiscalía cando se trata de defender a liberdade sindical?".
O primeiro xuízo, desestimado
A principios de decembro, a central xa realizara unha concentración ás portas da antiga Audiencia, coincidindo con outro proceso aberto contra esta compañeira e diversos membros do comité de folga que rematou cunha sentenza absolutoria porque, a pesar da insistencia da Fiscalía, non se puido identificar a ningunha persoa implicada nos feitos denunciados, Demostrando así que non había motivos para levar os feitos máis alá do contexto da folga.
Así as cousas, a o secretario nacional do sector de Xustiza da CIG, Xesús Sánchez, advertiu que estas mobilizacións "terán continuidade no tempo, con protestas mensuais, até que se resolvan os procesos". A próxima mobilización terá lugar o 7 de febreiro, data na que se cumprirá un ano do inicio da folga na xustiza.
Os efectos do mal acordo
Sobre a situación na Administracións de Xustiza galega, Rodríguez lamentou a "traizón" das centrais sindicais que, tras unha loita exemplar dos traballadores e traballadoras, asinaron un acordo que non está a supor ningunha mellora nin das condicións laborais e salariais, nin supón unha mellora do servizo público, porque reivindicacións básicas que levaron á convocatoria de folga seguen sen resolverse, como a falta de persoal ou a falta de medios materiais.
Criticou tamén os "ridículos plans de recuperación" postos en marcha pola Xunta que non serviron para desatascar uns xulgados que xa estaban colapsados antes de iniciarse a folga. Neste senso, Rodríguez subliño que "se esta Administración funciona é porque os compañeiros e as compañeiras se esforzan ao máximo para sacar adiante o traballo".