Defender as pensións é cousa de todos e todas

A CIG convoca unha manifestación nacional en Santiago o 26 de xaneiro
Nacional - 20 Dec 2018

As reformas do sistema público de pensións atrasaron a idade de xubilación aos 67 anos, desvincularon o seu incremento do IPC, ampliaron a 25 o número de anos para calcular a base reguladora, atrasaron a idade de acceso á xubilación anticipada e eliminaron, na práctica, a xubilación a tempo parcial.

Isto provocou unha enorme deterioración das súas contías, máis dificultades para acceder a elas e, no último ano, numerosas mobilizacións en demanda de que se volvese tomar o IPC como índice de referencia para o seu incremento anual. Porén, o realmente grave son os efectos que terán -e xa están tendo- o resto das medidas introducidas, contra as que a CIG vén mobilizándose desde o mesmo día en que se anunciaron estas reformas en 2011.

Esas reformas provocaron que un traballador/a que se xubile hoxe cobre xa menos que quen se xubilou en 2009. Pero a deterioración das pensións non quedará aí. Se non nos mobilizamos e presionamos os gobernos, quen se xubile dentro de 5, 10 ou 20 anos verá como apenas lle queda unha pensión de subsistencia, sempre que consiga sumar os suficientes anos traballados para que se lle recoñeza o dereito a unha pensión contributiva.

E a situación é esta porque este era xustamente o obxectivo que tiñan esas reformas, desmantelar o sistema público de pensións para obrigar a clase traballadora a subscribir plans privados de pensións cos que seguir alimentando o negocio da banca. Desmantelamento que están a conseguir -non así a introdución de plans privados, dada a nula capacidade de aforro da clase traballadora, que apenas pode subsistir nas condicións actuais- e que desde a maioría social temos que frear e reverter.

Situación dramática

A situación é dramática porque o cálculo das pensións futuras se fará conforme a uns salarios que nos últimos 10 anos perderon poder adquisitivo e para unha clase traballadora que sofre unha precariedade laboral inimaxinábel e intolerábel, con traballos temporais, a tempo parcial e mal pagos. Unha situación que será peor para as moitas traballadoras e traballadores que sofren nas súas carnes o desemprego nos últimos anos da súa vida laboral; para a mocidade de hoxe, que padece unhas condicións peores que as que tiñan os seus pais e nais e, sobre todo, para as mulleres, que teñen, en non poucos casos, lagoas de cotización por coidado das súas crianzas e sofren unha fenda salarial que supera o 23%.

Por iso a CIG convoca para o vindeiro día 26 de xaneiro unha mobilización nacional á que chama a maiores e novas, a traballadoras e pensionistas, a desempregados e precarias a mobilizarse en defensa do noso sistema público de pensións. En defensa do dereito a ter unhas condicións de vida dignas ao chegar á xubilación tras toda unha vida traballando.

Á clase traballadora nunca nos regalaron nada. Foi grazas á mobilización é a loita como conseguimos os avances. Toca agora saír de novo á rúa a defender o noso dereito a unhas pensións públicas dignas e garantidas. Esta é unha loita de todos/as.