
Defendamos o noso! Emprego, industria e servizos públicos

O Goberno galego pretende aprobar a “Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza”. Un texto que, lonxe de promover beneficios sociais para o pobo, como di o seu título, converte o público nun facilitador para que, desde o ámbito privado, se entre a eito nos recursos naturais do noso país.
Esta lei, aínda en fase de anteproxecto, foi avaliada polo Consello Económico e Social (CES), organismo institucional de carácter consultivo que, como é preceptivo, analizou e avaliou a proposta que pretende poñer o Executivo en marcha. Unha avaliación da que resultou un ditame moi crítico, na liña da valoración da CIG.
Porén, cando se tiña que ratificar o ditame produciuse unha actuación sen precedentes do Goberno galego que, facendo un uso partidista do recentemente elixido presidente do organismo, secuestrou primeiro o ditame e pretendeu mudalo no pleno, despois, malia estar por dúas veces aprobado na súa comisión redactora.
Este intento do Goberno galego e do PP de mudar o ditame do CES responde á súa desesperación por impedir que os recursos naturais de Galiza teñan que reverter no beneficio social e económico do pobo
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, este intento do Goberno galego e do PP de mudar o ditame do CES responde á súa “desesperación” por impedir que os recursos naturais de Galiza “teñan que reverter no beneficio social e económico do pobo galego” e que as reivindicacións sociais de anos sigan desatendidas.
Creación de emprego
Fronte a iso a CIG considera que, tal e como se recolle no ditame, a lei debe contemplar cuestións esenciais para defender os nosos recursos naturais, garantir a creación de emprego e industria, crear unha empresa pública e poñer a enerxía ao servizo do pobo galego fronte ao espolio que se facilita e promove para beneficio de empresas privadas.
Entre outras moitas propostas -que podes consultar aquí- a central sindical considera necesario que as novas actividades acheguen emprego ao contorno económico e social afectado; que hai que elaborar un novo Plan Sectorial Eólico para todo o territorio galego que se someta ao procedemento de avaliación ambiental e estratéxica; que as terras, e mesmo o mar, dedicadas a abastecemento de alimentos deben estar protexidas para priorizar a soberanía alimentaria sobre os intereses industriais e enerxéticos ou, en materia de parques eólicos, que cómpre priorizar a repotenciación dos parques eólicos e as liñas de evacuación existentes sobre outros novos.
O Goberno do PP, na teima por facilitar o negocio privado non ten problema ningún nin por ofrecer de saldo os nosos recursos naturais, nin por reducir os nosos sectores públicos esenciais, como os servizos sociais, o ensino e o sanitario, á mínima expresión. Por iso, para aumentar a privatización contempla uns orzamentos raquíticos para a nosa sanidade pública para 2024. Partidas orzamentarias insuficientes para resolver a problemática que enfronta e que perpetúan a súa deterioración.
SOS Sanidade Pública
Diante disto, a nosa central sindical súmase ao chamamento de SOS Sanidade Pública, que vén de anunciar mobilizacións conxuntas de todas as Plataformas de Galiza en Defensa da Sanidade Pública, para o domingo día 4 de febreiro, contra o desmantelamento da Atención Primaria, as listaxes de agarda hospitalarias, o abandono da Saúde Mental e o abandono da Atención á Dependencia e das Residencias de Maiores. Ademais, ten convocada tamén unha concentración diante do Parlamento de Galiza para o vindeiro martes 19 de decembro ás 12:00 horas.