Declarados nulos os despidos represivos de dous traballadores de Comfica en Ourense
O Xulgado do Social de Ourense vén de recoñecer a nulidade dos despedimentos de dous traballadores de Comfica e obriga a empresa de telecomunicacións a readmitir os afectados, que volverán aos seus postos este xoves día 9, segundo comunicou a compañía.
Dende a CIG-Industria de Ourense amosan a súa satisfacción por unha decisión xudicial que vén facer xustiza cos dous traballadores que foran inxustamente despedidos tras participar nas mobilizacións convocadas pola central sindical para denunciar o incumprimento do convenio por parte da empresa. “Despois diso a resposta represiva da dirección de Comfica fora fulminante, optando por rescindirlle o contrato a quen reclamou cobrar o que lle corresponde”, lembran.
Dúas das persoas das catro afectadas polos despidos decidiron reclamar xudicialmente, e agora o Xulgado do Social vén de ditar sentenza declarando nulos os despidos e obrigando a Comfica a readmitilos, decisión que foi recorrida pola empresa diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
“Pero de xeito inédito decidiu pagarlles os salarios, pero con dispensa de traballar, á espera de resolución do TSXG; o que vén a demostrar unha vez máis que non se trata duns despidos fundamentados, senón dunha represalia pura e dura”, sosteñen.
Ao mesmo tempo, dende a CIG-Industria adiantan que seguirán a reclamarlle a Comfica cumpra o convenio “que tanto esforzo colectivo nos costou conseguir, ademais de continuar apoiando os compañeiros afectados até o final”.