
Anulado o despido dun traballador de Ilunion en Ourense por vulnerar o dereito de igualdade e non discriminación

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de declarar nulo o despedimento dun traballador de Ilunion Servicios Industriales en Ourense ao que o centro especial de emprego do grupo ONCE lle rescindira o contrato xunto a outros/as seis compañeiros/as cando se atopaban de baixa laboral. A sentenza considera que a empresa vulnerou o seu dereito de igualdade e non discriminación.
A decisión xudicial chega despois do recurso presentado pola CIG contra a sentenza do Xulgado do Social número 1 de Ourense que declaraba procedente o despido e condena a empresa ao pago dos salarios que o afectado deixou de percibir, ademais de fixar unha indemnización de 7501 euros por danos morais derivados da discriminación á que foi sometido por motivos de saúde.
O operario afectado traballaba na operativa da empresa de automoción Faurecia xunto a outros/as 12 compañeiros/as. Ilunion alegou causas produtivas e organizativas (baixada da facturación pola perda do contrato con Faurecia) para rescindirlle o contrato a sete deles/as, curiosamente os que se atopaban de baixa por incapacidade temporal. Mentres que resto foi recolocado dentro da empresa.
O traballador decide entón impugnar a decisión, mais o Xulgado do Social número 1 de Ourense declara a procedencia do despido. En consecuencia, os servizos xurídicos da CIG presentaron recurso de suplicación diante do TSXG, que vén de darlle a razón ao afectado ao establecer a nulidade da rescisión de contrato por vulneración do dereito de igualdade e non discriminación. Os outros/as despidos foron considerados improcedentes, polo que os afectados/as cobrarán a pertinente indemnización.