Declarado nulo o despedimento dunha traballadora de Mercadona por ser unha discriminación por razón de enfermidade

A sección sindical da CIG convoca unha concentración o 10 de marzo na tenda de Carballo
Carballo - 27 Feb 2025

O xulgado do Social nº1 da Coruña vén de declarar nulo o despedimento dunha traballadora do Mercadona de Carballo ao considerar que a decisión da empresa constitúe unha discriminación por razón de enfermidade. A sentenza condena a compañía de distribución alimentaria a readmitir a traballadora nas mesmas condicións que tiña e a pagarlle os salarios deixados de percibir neste tempo, así como a abonarlle unha indemnización por danos e prexuízos por vulneración dos seus dereitos fundamentais.

Tras coñecer esta sentenza, a sección sindical da CIG na provincia da Coruña acordou convocar unha concentración o luns 10 de marzo, de 12 a 13h, diante do Mercadona de Carballo (Avda. da Revolta), coincidindo co día no que a traballadora se reincorpora ao seu posto. Coa protesta quérese trasladar a solidariedade coa traballadora e denunciar a persecución e discriminación, por parte da empresa, ás persoas que enferman e ás que reivindican os seus dereitos.

Mercadona recolle información protexida das persoas que están de baixa

Durante o xuízo quedou acreditado que Mercadona utiliza formularios que traslada ás encargadas/os-responsábeis de tenda para recoller determinada información sobre as traballadoras e traballadores que están en situación de baixa médica de longa duración, incluíndo as previsións de reincorporación. Tamén, que existen formularios que estas coordinadoras deben cumprimentar das baixas denominadas “KO” –aquelas coas que non están de acordo nin as coordinadoras nin o médica/o da empresa- que se utilizan para estabelecer estratexias co persoal enfermo, como a retirada do complemento de IT recollido no convenio colectivo ou incluso futuros despedimentos. 

Recoller esta información por parte da empresa, sinala a sentenza, “ademais de poder vulnerar certos dereitos fundamentais á intimidade e saúde e o dereito á protección de datos”, supón que a empresa teña coñecemento de datos sobre a enfermidade ou a duración da IT que están protexidos e que de feito non se reflicten no parte da baixa que chega á empresa. Esta información, que ademais se pode conseguir por terceiras vías -preguntando a compañeiras/os, por exemplo- “vulnera non só o dereito fundamental á integridade física, senón o dereito fundamental á intimidade persoal”.

Vulneración da liberdade sindical

A esta resolución condenatoria hai que sumar dúas sentenzas máis gañadas nas últimas semanas por dous traballadores de tendas de Ourense (A Valenzá e As Lagoas) por vulneración da súa liberade sindical. Nestas, recoñécese o dereito de ambos traballadores a percibir a prima anual que lles quitaron inxustamente, condénase a empresa a abonarlles estas primas que deixaron de percibir, a indemnizalos por danos morais e instase a Mercadona a que cese na súa conduta antisindical contra a CIG.

Esta conduta da empresa de persecución á CIG é reincidente, pois un dos compañeiros afectados reincorporouse no seu posto o pasado ano despois de declararse nulo o seu despedimento, precisamente porque a empresa vulnerou o seu dereito á liberdade sindical.

“Non é nada novo que nesta empresa, que presume de modélica, arremetan contra o verdadeiro sindicalismo nin contra o persoal enfermo”, asevera a presidenta do comité de Mercadona da Coruña, María López. Critica que con estas prácticas de medo e persecución, a empresa busca que o persoal “estea ‘dentro do modelo’; é dicir, non ser da CIG, nin reclamar ningún dereito, nin estar enfermo/a e que vaias traballar así esteas morrendo”.

Advirte dun agudizamento desta estratexia patronal nos últimos tempos, nomeadamente dende que a CIG consolidou a súa presenza, ademais de no comité da Coruña, nos de Pontevedra e Ourense, producíndose un elevado número de suspensos de primas xerais por obxectivos e permanencia (que Mercadona utiliza como sistema de premio-castigo ao persoal), despedimentos inxustos e acoso a aquelas persoas que a empresa considera que “non están no modelo de calidade total”.

O persoal ten que reaccionar

Para López trátase dunha estratexia moi perigosa, que hai que frear e contra a que o persoal “e mesmo toda a sociedade debe reaccionar porque o que pretende Mercadona é que sexamos escravas e escravos, non traballadoras e traballadores”. Advirte que, “para conseguir este obxectivo, a empresa está a cometer verdadeiras barbaridades que sen dúbida son un atentado, non só legal senón tamén moral, contra a clase obreira e a sociedade en xeral”.

Apunta que incluso esa “proclamada suba salarial nos salarios dos empregados/as de Mercadona é discriminatoria co persoal que está ou cae enfermo (xa que non lla aplican) , e non queren que se coñeza a realidade, mais todo isto a xente debería sabelo”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.