Declarado nulo o despedimento dunha condutora de Ambuibérica da zona do Barbanza
Ambuibérica terá que readmitir a unha condutora de ambulancia da zona do Barbanza tras ser declarado nulo o seu despedimento, en novembro de 2018 por, segundo alegou a empresa, “ineptitude sobrevida”. Ambuibérica terá que aboar ademais todos os salarios deixados de percibir até que a súa readmisión sexa efectiva, a razón de 63,86€/día e unha indemnización de 6.251€ por danos morais. A súa readmisión será no 061 para garantirlle un posto adaptado ás súas circunstancias.
A traballadora sufriu varios accidentes laborais derivados de cargar soa con doentes e tras unha baixa por incapacidade temporal decrétase que non pode realizar os traballos en solitario e as cargas deben ser compartidas. Porén a empresa comunicoulle que non podía adaptar o posto de traballo con esas limitacións e limitouse a prescindir dela.
Accidentes laborais
Segundo a acta da Inspección, que na sentenza se recolle como feitos probados, sinálase que en abril de 2017, no exercicio das súas funcións habituais, “procedía á recollida dunha doente para o seu transporte, no seu domicilio particular –un terceiro piso sen ascensor-, o que fixo necesario baixala polas escaleiras cunha cadeira de rodas, sendo inmobilizada en solitario pola traballadora”.
A acta engade que cando se atopaba á altura do primeiro piso a traballadora notou un pinchazo forte na zona lumbar o que a obrigou a interromper o servizo, dando aviso á central, que enviou dúas ambulancias para a atención da doente trasladada e máis da traballadora.
A raíz desta lesión a traballadora sufriu unha lumbalxia pola tivo que coller unha baixa médica por “accidente de traballo leve”. Unha lesión pola que requiriu de intervención cirúrxica por hernia discal tras da que foi dada de alta en outubro de 2017.
Reincorporada no traballo, nas mesmas condicións que antes e coas mesmas tarefas, en novembro de 2017, durante o traslado dun doente en cadeira de rodas ao interior da ambulancia, empurrando a rampla da que dispón o vehículo asistencial a traballadora volveu sufrir outro pinchazo nas costas o que a obrigou a solicitar asistencia médica novamente. E tamén de novo volve ser considerado accidente de traballo leve, con baixa médica e unha nova intervención cirúrxica.
Cando se reincorpora ao traballo, en outubro de 2018, o Servizo de Vixilancia da Saúde da empresa faille un recoñecemento médico por ausencia prolongada para determinar se é apta para o posto de traballo, co resultado de “non apta”. É aí cando se remite informe médico á inspección que constata que en ambos accidentes laborais a traballadora “sufriu sobreesforzos motivados pola mobilización de doentes en condicións que conlevan un risco para a súa seguridade e saúde”.
Incumprimento de Lei de Prevención de Riscos Laborais
A Inspección tamén sinala que “non consta que a empresa proporcione medios auxiliares, como cadeira salvaescaleiras, que permitan a mobilización de doentes en cadeira de rodas naqueles domicilios que non dispoñen de ascensor, o que obriga a esta traballadora a empregar só a súa forza física para salvar tales obstáculos”. Isto provoca o risco de “lesións dorsolumbares, provocados polo esforzo da realizar polo traballador, que se materializaron no caso que nos ocupa”.
Diante disto na sentenza considérase que Ambuibérica vulnerou os dereitos fundamentais da traballadora, declara o despedimento nulo e obriga á súa inmediata readmisión porque “a empresa non adoptou medidas de prevención nin de protección vulnerando o dereito á integridade física e moral”.