Declarado improcedente o despedimento da traballadora do colexio da Fundación Junior´s
O xulgado do Social nº 1 de Compostela vén de emitir a primeira sentenza do conflito laboral na Fundación Junior´s declarando improcedente o despedimento da que ía ser candidata da CIG. O auto tamén confirma as sospeitas arredor desta fundación, na órbita do OPUS DEI, que actúa como un grupo empresarial con varias ramas constatando que esta traballadora tivo contratos e nóminas de ata catro empresas diferentes nos 22 anos que prestou servizos neste centro. Ademais ditamina que terán que indemnizala e pagarlle todos os salarios adebedados.
A CIG-Ensino parabénizase pola sentenza favorable sobre o recurso ante o despido disciplinario efectuado pola xerencia do Colexio Junior´s a inicios deste ano 2019. Logo de denunciar en varias ocasións, e ata en rolda de prensa, a situación que se vivía neste colexio, con impagos de varios meses a traballadoras e irregularidades contractuais, a xerencia despediu “por motivos disciplinarios” a esta traballadora, con acusacións (invencións) gravísimas que agora desmonta unha por unha esta sentenza.
Máis ao contrario, o auto xudicial pon de manifesto “a falta de veracidade dos feitos que se consignan na carta extintiva e que a redacción do documento é abstracta e inconcreta”. A improcedencia do despido leva aparellada a condena á empresa ao abono dos salarios de tramitación desde a data de efectos do despido ata a da resolución, (198 días). Ademais deberá pagarlle unha indemnización e os salarios que lle adebedaba antes do despido.
Entramado de empresas
A sentenza tamén estima as sospeitas da CIG-Ensino a respecto de que a Fundación Junior´s forma parte dun grupo empresarial, con distintas ramificacións, a efectos laborais. De feito a demandante tivo contratos con catro empresas diferentes durante a súa vinculación laboral co centro: Colegio Junior´s SL, Junior´s Servicios Integrales SL, Fundación Junior´s CAESGA e Diego Rosales, algunha delas con obxectos sociais tan peculiares como “actividades de hostalaría e restauración, adquisición de bens inmóbeis e publicación de libros”.
Represalia sindical
Mediante este despedimento a empresa pretendía amedrentar as traballadoras malia deberlles á maioría os soldos desde decembro de 2018, “nunha burda estratexia que mantiveron todo o ano a pesar das reiteradas peticións do sindicato e das traballadoras a negociar o pago das débedas”, explica Rubén F. Monteagudo, secretario comarcal da CIG-Ensino.
Ademais pretendían neutralizar a posibilidade de que a CIG puidese presentar candidatura ás eleccións sindicais do centro, “cousa que non só non ocorreu senón que finalmente presentamos outra candidata que foi a elixida como delegada das traballadoras”, indicou.
En calquera caso, “quedou demostrado con esta primeira sentenza (á que seguramente se lle unirán outras) que as denuncias da CIG-Ensino, cualificadas como “falacias” por parte do empresario, eran unha realidade”, sentenciou.
A CIG aproveita este fallo xudicial para instar á Consellería e á inspección laboral a continuar tomando cartas no asunto ante a lamentable situación deste centro e das súas traballadoras.