Declarado culpábel o concurso de acredores da empresa ourensá Comescor
O Xulgado de Instrución número 4 de Ourense declarou culpábel o concurso de acredores da empresa Componentes Metalúrgicos Orensanos (Comescor) e condenou os seus administradores a catro anos de inhabilitación e a devolver os bens e as cantidades económicas obtidas indebidamente. A CIG-Industria personárase no proceso en representación dos seus afiliados/as na compañía que tiña a súa sede no polígono de San Cibrao das Viñas.
O xuíz entende que os condenados falsearon os datos do inventario cunha alteración da contía das existencias, que resultaron ser moi inferiores ás declaradas: de 370.500 euros que constaban de existencias a 60.566,95 euros, segundo puido comprobar o administrador concursal.
Ademais, considera que dende a declaración do concurso a empresa non colaborou nin co Xulgado nin coa administración concursal, como é a súa obriga legal, e a pesar dos distintos requirimentos para que proporcionara información e documentos ao procedemento, “tan só se obtivo por resposta o silencio, pois nada do solicitado foi aportado”.
Os feitos que motivaron a sentenza que se vén de coñecer remóntase ao ano 2013, cando o administrador concursal trasládalle á Fiscalía un informe reclamando a cualificación do concurso como culpábel, cualificación que foi aceptada. A raíz disto iníciase o proceso xudicial que agora conclúe a culpabilidade do concurso e condena os seus responsábeis, decisións contra as que aínda cabe interpoñer recurso.
En total foron declaradas responsábeis do concurso culpábel tres persoas, como administradoras da compañía: Emilio Quintas Gómez, Hilario Simón Cid e Sergio Blanco Estévez. Mentres que outras dúas foron consideradas cómplices, como administradoras de feito: o avogado Félix Menor e o asesor Vicente Rodríguez Castaño. Todas elas foron inhabilitadas durante catro anos para administrar bens alleos ou para representar ou administrar a calquera persoa.
Tamén a devolver os bens ou dereitos que obtiveran indebidamente do patrimonio da empresa ou que recibiran da masa activa, así como a indemnizar conxunta e solidariamente á empresa concursada ou a cubrir o déficit patrimonial na suma que se determine durante o procedemento concursal, establecendo que en todo caso abonarán o valor da finca que ocupaba a empresa no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, que ascende a un millón de euros.
Cooperativa descapitalizada
A sentenza recolle que Componentes Metalúrgicos Orensanos ten a súa orixe na sociedade cooperativa limitada Construcciones Metálicas Orensanas, creada en 1979 e liquidada en 2012. “Os socios desta cooperativa, para evitar as responsabilidades patrimoniais derivadas das débedas e das sancións tributarias, pretenden transformala noutra sociedade, Construcciones Metálicas”. Mais como a transformación en cooperativa foilles denegada polo Rexistro de Cooperativas da Xunta, constituíron a mercantil Minius Sociedad de Promociones e Inversiones Inmobiliarias.
Precisamente a esta inmobiliaria foille traspasada a nave que ocupaba a empresa concursada no polígono de San Cibrao das Viñas, valorada nun millón euros, que á súa vez concedeulle un préstamo a outra terceira compañía -Cupers Fundiciones- por un importe de 259.658 euros, cantidade que saíu de Componentes Metalúrgicos Orensanos. Posteriormente, nas contas da empresa concursada figurou un crédito a Minius que ascendía a 287.635,27 euros.
Emilio Quintas xa fora condenado en 2015 polo Xulgado do Penal número 2 de Ourense a un ano e medio de prisión por alzamento de bens e a reintegrar á masa activa do concurso de Componentes Metalúrgicos Orensanos un total de 36.334,31 euros por apropiarse, en beneficio propio, de parte dos bens mobles e de equipo, mercancías e materias primas da empresa.