O xulgado declara nula a modificación substancial das condicións de traballo que Leche Celta quería impor en Pontedeume
O xulgado do Social número 1 da Coruña vén de ditar sentenza sobre o conflito colectivo interposto pola CIG diante da modificación das condicións de traballo que a dirección de Leche Celta SLU pretendía impor na factoría de Pontedeume. Dita modificación consistía na redución dunha quenda semanal, pasando de 21 a 20 quendas, deixando de traballar os domingos pola tarde, de 14 a 22 horas, nos departamentos de envasado e loxística, así como de calidade e proceso.
As persoas afectadas pola medida foron 94 traballadores/as dos postos de proceso, físico/químico, piloto, técnicos/as de mantemento e xerentes do centro de traballo de Pontedeume.
A empresa, explica a FGAMT-CIG de Ferrol, pretendía eliminar a quenda da tarde dos domingos para “aforrarse” deste xeito ter que pagar a prima de domingos ao persoal. Así mesmo, pretendía detraer do calendario esas quendas dos domingos á tarde e que o persoal compensase as xornadas nos días que a empresa decidira, cun preaviso de tan só de 72 horas.
A CIG, maioritaria no comité (conta con 7 de 9 representantes), sempre entendeu que a medida non tiña fundamento nin base algunha e o que buscaba a empresa era ter o cadro de persoal a súa disposición para cando o considerase oportuno, degradando así as condicións de traballo do persoal, que debería realizar parte da súa xornada anual en función da chamada da empresa.
"O xulgado veunos dar a razón, declarando nula a medida", subliña a FGAMT-CIG de Ferrol, quen engade que "a prepotencia da empresa levouna a practicamente non entregar documentación xustificativa, pois non había xustificación algunha que amparase a imposición da medida e quedou ben clara a súa mala fe na negociación entendendo o período de consultas como un mero trámite para impor a súa vontade".
A execución da medida até esta sentenza ten xerado modificacións da xornada do persoal, que evidentemente a empresa deberá compensar, posto que ten realizado así unha cantidade inxente de horas extras a conta duns domingos que supostamente non ía traballar. "Exiximos polo tanto a inmediata compensación as traballadoras e traballadores polos danos xerados pola imposición dunha medida sen sentido nin xustificación".