O xulgado declara a nulidade do despedimento de cinco traballadores do GES de Guitiriz
O Xulgado do Social nº 3 de Lugo vén de decretar a nulidade do despedimento de 5 operarios do GES de Guitiriz no pasado mes de maio. Esta sentenza ratifica o que no seu día se denunciou desde a CIG: que a extinción do servizo dos GES e os despedimentos correspondentes non atendían a ningunha razón obxectiva, senón a un capricho da alcaldesa por aquel entón, Regina Polín, por desfacerse duns traballadores e traballadoras que lle resultaban incómodos por ter reclamado dereitos que lles eran propios, tal como se ten demostrado nas resolucións da Inspección de Traballo e en varias sentenzas anteriores dos xulgados do social ao respecto.
A sentenza considera a nulidade dos despedimentos pola vulneración dos artigos 24 e 28.1 da Constitución española, e así literalmente di: “non consta ningunha razón que xustifique a decisión extintiva adoptada polo Concello de Guitiriz, polo que resulta clara a conexión entre a presentación dos actores a eleccións de representantes dos traballadores e as anteriores reclamacións e demandas presentadas polos actores, coa posterior decisión extintiva adoptada pola empresa”.
Represaliados por reclamar dereitos
Con esta sentenza, que o Concello pode recorrer ante o TSXG, "desde a CIG entendemos que se fai xustiza con este grupo de traballadores e traballadoras que se viron represaliados por ter a ousadía de reclamar dereitos inherentes ao seu posto de traballo, tales como ter cadrantes de traballo, dispor de EPI´s para desenvolver a súa actividade, dereito a participar en accións formativas, etc.", asevera o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
A esta sentenza hai que sumarlle a do outro traballador do GES despedido, que gañou a improcedencia co dereito a optar pola reincorporación, polo que o Concello está na obriga de reincorporar a estes 6 traballadores.
A CIG considera que a decisión máis responsábel a tomar polo Concello de Guitiriz "debera de ser a de solicitar adherirse de novo ao convenio dos GES e prestar de novo o servizo, mais cando que desde a FGAM xa se comeza a falar da posibilidade futura de traspasar estes servizos a consorcios provinciais de emerxencias".
Malgasto pola incongruente xestión do servizo
Alén do propio persoal, engade Neto, os maiores afectados e afectas da tolemia de xestión do GES de Guitiriz "son os veciños e veciñas, posto que no presente ano 2019 os experimentos da anterior alcaldesa vanlle custar mais de 100.000€ en conceptos salariais e de cotización á Seguridade Social destes traballadores, cartos que deben de abonarlles por non traballar, cando se estiveran traballado no GES, o custo salarial dos mesmos sería asumido pola Xunta e pola Deputación".
Por iso, a CIG agarda que, nun acto de responsabilidade, dende o Concello non se afonde nesta política de malgasto dos cartos públicos e non se recorra a sentenza, "ao fin de non alongar este despropósito arredor dos GES que dura xa case un ano".