Declaración da plataforma sindical europea en apoio ás presas e presos palestinos en folga de fame
A CIG, como membro da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina, adhírese á declaración que a plataforma vén de elaborar en solidariedade coas prisioneiras e prisioneiros palestinos en cárceres israelís, en folga de fame dende o pasado 17 de abril para reclamaren unhas condicións dignas nas prisións, concretamente atención médica axeitada, visitas familiares e poderse comunicar coas súas familias.
A Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina está conformada por 31 sindicatos que representan a máis de tres millóns de traballadores/as, comprometidos en cuestionar a complicidade dos gobernos europeos e a UE coas violacións do dereito internacional e o estabelecemento dunha plataforma europea de solidariedade co pobo Palestino.
As continuas violacións do dereito internacional e dos dereitos humanos por parte de Israel están creando na realidade un apartheid. Israel continúa ocupando ilegalmente, colonizando Palestina e levando a cabo unha limpeza étnica do pobo palestino das súas terras; ao tempo ás persoas refuxiadas palestinas ségueselles a negar o seu dereito ao retorno. Numerosas resolucións da ONU e recomendacións da Unión Europea non remataron coa actitude de Israel, que continúa coa súa política colonial e de discriminación contra o pobo palestino.
Segundo as informacións que se veñen recibindo desde medios palestinos e dende distintas organizacións e entidades sociais, varios/as dos presos en folga sofren xa un grave deterioro da súa saúde -non inxeriren vitaminas, nin glucosa, tan só auga e sal-. Porén, a administración penal israelí continúa a tomar represalias contra deles/as, confiscando as súas pertenzas e mesmo o sal, utilizado como antiséptico para protexeren o intestino e o estómago baleiros. Xunto a isto prohíbenlles ver a televisión, redúcenselles os tempos de descanso, son pechados/as en confinamento solitario e trasladados dun cárcere a outro.
Para a CIG resulta indignante a actitude o goberno israelí e demándalle que atenda os dereitos básicos que reclaman estes presos e presas palestinas ou, do contrario, será responsábel das súas mortes.
Comunicado íntegro da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina
O 17 de abril de 2017, uns 1500 presas e presos políticos palestinos anunciaron o comezo dunha folga de fame aberta. Os presos e presas en folga están pedindo que se poña fin á práctica israelí de abuso, illamento, tortura, neglixencia médica e negación dos dereitos garantidos polo dereito internacional, incluído o dereito a un xuízo xusto e á visita de familiares.
Varios prisioneiros/as palestinos/as que propiciaron a folga de fame foron trasladados/as ao confinamento en solitario. A todas as persoas presas en folga négaselles a visita de avogados/as e familiares.
Hai arredor de 6.300 prisioneiras e prisioneiros políticos palestinos, incluídos, cando menos, 300 nenos e nenas, encarcerados en cárceres israelís, segundo a Asociación Adameer - Apoio aos Presos/as e Dereitos Humanos. As e os prisioneiros palestinos de Cisxordania e Gaza están detidos nos cárceres de Israel e moitas veces négaselles a visita regular das súas familias, unha política de décadas que Amnistía Internacional xa ten cualificado de "violación non só cruel senón tamén flagrante do dereito internacional".
Como sindicalistas europeas e europeos, estamos abraiados/as de que, a pesar desta clara inxustiza inflixida ao pobo de Palestina, os Estados europeos, a Unión Europea (UE) e as institucións representativas non cumpran co seu deber de responsabilizar a Israel das súas graves violacións do dereito internacional e dos dereitos humanos. A UE e as corporacións multinacionais obteñen beneficios, ao facilitar a continua represión e encarceramento da poboación palestina.
A Unión Europea inclúe á Policía Nacional de Israel en proxectos de investigación, como LAW TRAIN, financiado con cartos dos/as contribuíntes da UE, e que ten como obxectivo, entre outros, asesorar ás policías dos países europeos nas técnicas de interrogación.
As empresas como Hewlett-Packard (HP) e G4S benefícianse destes encarceramentos de palestinos/as: ademais de prestar servizos ao exército de ocupación israelí e tecnoloxía biométrica que permite a Israel controlar e facer impoñer o seu sistema de segregación racial e apartheid contra a poboación palestina, HP é profundamente cómplice por asesorar tecnicamente ao sistema penal israelí cargado de tortura. A corporación de seguridade británico-danesa G4S aínda ten contratos na formación da policía israelí e, como tal, segue sendo cómplice das violacións israelís dos dereitos humanos das palestinas e palestinos.
Cremos que, como sindicalistas e cidadáns/ás conscientes deste mundo, temos o deber e o poder de tomar posición. Solidarizámonos coas prisioneiras e os prisioneiros palestinos en folga de fame, e na súa demanda de trato xusto e xustiza coa súa causa. Comprometémonos a traballar dentro dos nosos respectivos sindicatos para non renovar contratos con corporacións como HP e G4S, que se benefician do encarceramento de palestinos/as. Asemade, facemos un chamamento aos Estados membros da UE e aos países europeos para que poñan fin á súa complicidade e responsabilicen a Israel das súas graves violacións dos dereitos humanos.