Ducias de bombeiros/as forestais reclaman mellores condicións laborais
Decenas de traballadoras e traballadores dos servizo de emerxencias de incendios forestais da Galiza manifestáronse esta mañá fronte a consellería de Medio Rural, convocados pola CIG-Administración Autonómica, para reclamar unha mellora efectiva das súas condicións laborais, máis estabilidade, máis seguridade e un aumento do tempo de traballo para o persoal fixo-descontinuo.
Trátase de bombeiros e bombeiras forestais, vixiantes e emisoristas, que fan fronte, ano tras ano, ao maior índice de lumes de todo o estado español. “Incendios forestais que debido o cambio climático e o abandono do medio rural, cada vez son máis perigosos e máis difíciles de xestionar”, explicaron.
Condicións laborais “obsoletas”
Un colectivo que ten que lle facer fronte a estes incendios nunhas condicións laborais que cualificaron como “obsoletas”, poñendo en risco a súa seguridade e saúde, con “horarios abusivos de xornadas maratonianas”, mais sen compensación algunha polo traballo realizado en fins de semana e festivos. Un dereito que lembraron que foi “recortado pola crise do capital en 2012, que pagamos os traballadores e traballadoras e que despois de tanto tempo e de probado crecemento económico, seguimos sen recuperar”.
Xunto a isto denunciaron que as e os compañeiros de seis meses, “son obrigados a vivir por debaixo do limiar da pobreza” porque, malia as denuncias, “a Xunta négalle a compatibilidade para poder traballar no período de inactividade do seu contrato”. Por iso clamaron contra o Goberno da Xunta, que consideraron que “non ten escusas para que se lle amplíe o tempo suficiente de traballo para poder vivir dignamente, xa que hai un aforro considerable derivado do proceso de funcionarización do persoal laboral fixo e da resolución dos procesos selectivos, que son a prazas funcionariais e que suporá un considerable aforro a administración, de cando menos 2,5 millóns de euros”.
Porén, aseguraron que nin o persoal funcionarizado desde o mes de xullo deste ano, nin as brigadas helitrasportadas de nova creación, nin os compañeiros e compañeiras que van ser reconvertidos proximamente, logo dos procesos dos procesos selectivos en marcha, contan cun acordo que regule e protexa as súas condicións laborais. “A Administración irresponsablemente, deixounos a centos de compañeiros conscientemente sen regulación: coa obriga da prestación do servizo pero sen os dereitos laborais”.
Por iso tiveron que recorrer á Valedora do Pobo, denunciar nos medios de comunicación e presentar máis de 700 sinaturas, para que Medio Rural os convocara a unha mesa de negociación que tivo lugar o pasado 29 de setembro. Unha xuntanza na que a Administración se comprometeu a seguir negociando e traer propostas á mesa, aínda que “transcorrido un mes, non soubemos nada: nin proposta nin reunión”.
Casualmente, unha vez convocada esta manifestación para reclamar a continuación das negociacións e un bo acordo de condicións laborais si recibiron noticias da Administración que os citou a unha mesa que tivo lugar o pasado día 9 de novembro. “Alí levounos unha proposta de horarios completamente lamentable, que empeora de maneira manifesta as condicións laborais que recolle o V Convenio. Unha burla máis aos traballadores do servizo, outro desprezo máis a este persoal tan indispensable para a protección do medio ambiente e para a seguridade de todas as galegas. Outro agravio comparativo máis con respecto o resto do persoal dependente da administración”.
Reclaman da administración condicións laborais dignas
Así, o que lle exixen á Xunta de Galiza é unha carteleira negociada, única e anual; compensación por traballar fins de semana e festivos; horarios que permitan o descanso e a conciliación; ampliación do tempo de traballo do persoal de seis meses; a aplicación de coeficientes redutores e catálogo de enfermidades profesionais que corresponden por lei as bombeiras e bombeiros forestais.
Isto xunto a mellora das instalacións e maior implantación de medidas para reducir os riscos laborais; a regulación do réxime de horarios, tempos de descanso, funcións, permisos, vacacións… sempre mellorando o V Convenio do persoal laboral, ademais dun plan formativo que inclúa a formación en apoio en continxencias no medio natural e rural, tal e como lles corresponde como servizo de emerxencias que son.
Un novo acordo que, en síntese, mellore o anterior e sexa de aplicación tanto para persoal funcionario como laboral que traballa neste dispositivo “para que non se produzan máis desigualdades entre compañeiros”.