É necesario afondar na quebra das caixas, no rescate e na privatización "a prezo de ganga"
O rescate das caixas galegas e a posterior privatización tivo un custe para o erario público de 9.500 millóns de euros, o equivalente ao orzamento da Xunta de Galiza de todo un ano. Pero ademais, o rescate bancario no seu conxunto, levou ao rescate do Estado español e á imposición de duros axustes e contrarreformas por parte dos homes de negro do FMI, do BCE e da Comisión Europea.
En novembro do 2011 cando se coñeceron as indemnizacións millonarias, a CIG solicitou do Fiscal Xeral do Estado que se abrise unha investigación, que a máxima autoridade fiscal remitiu á Fiscalía Anticorrupción. Finalmente, os exdirectivos procedentes de Caixanova veñen de entrar en prisión, sen responder co seu patrimonio persoal. Pero, ademais, para a CIG a entrada en prisión non completa a investigación xudicial e política.
Dende a central nacionalista lembran que non foi só un problema das indemnizacións multimillonarias con cargo ao erario público, hai que investigar tanto a quebra das caixas, coma o propio rescate e posterior privatización a prezo de ganga.
Un rescate bancario opaco que deixou un oco no erario público
O rescate tivo un custe coñecido de 9.500 millóns de euros, o cal recibiu críticas por parte da CIG, e agora o propio Tribunal de Contas vén de chamar a atención sobre os abusos e opacidade por parte do FROB (organismo público que o xestionou).
Dende o punto de vista social o recente rescate italiano da súa banca, aprobado por Bruxelas a finais do 2016 evidencia que o rescate español foi mal negociado polo Goberno Rajoy. “Bruxelas non impuxo unha quita aos preferentistas italianos, ao contrario do que sucedeu aquí por unha mala xestión do PP”, afirman dende a CIG Banca.
Pero a CIG tamén reclama investigar o precipitado proceso de privatización de NCG Banco, entregado ao grupo venezolano Banesco, deixando un saldo negativo para o Estado de máis de 8.000 millóns de euros. E con garantías opacas, que farán que o Estado siga pagando a factura coma no caso das cláusulas chan.
Denuncia na fiscalía no 2014
A CIG lembra ademais que en setembro do 2014 recibiu unha información sobre operacións do clan dos Méndez (exdirector de Caixa Galicia) coa entidade por valor de 1.8 millóns de euros, da que se deu traslado á Fiscalía de Santiago, sen que a central tivera contestación até o día de hoxe.
Responsabilidade política
A CIG considera que no caso concreto dos exdirectivos de Caixanova, estes puideron autoaprobarse prexubilacións multimillonarias por unha modificación legal que lles permitiu seguir no seu cargo despois da fusión. “Cando un político blinda legalmente a un banqueiro, sabe que este tamén se blindará economicamente”, din dende a CIG Banca.
Neste senso lembran que a Lei de Caixas de Aforros foi modificada polo PP a instancias do PSOE, despois da campaña do alcalde de Vigo, Abel Caballero, a favor dos directivos agora xulgados.
Dende a CIG Banca subliñan que cando se aprobou a fusión, deixando a estes directivos de Caixanova á fronte, os representantes da central nacionalista na asemblea xeral da Entidade votaron e contra, mentes Caballero aparecía nos medios cun “ha ganado Vigo”. “Nós advertimos que perdería Vigo, A Coruña e toda Galiza; o tempo deunos a razón” sentencia a Federación de Banca da CIG.