
“De luns a venres queremos traballar, sábado e domingo que traballe a patronal”

Un grupo de persoas traballadoras do sector do siderometal da provincia de Ourense convocadas pola CIG e a UGT levaron a cabo hoxe unha intensa xornada de protestas en varios concesionarios de automóbiles para reclamar un convenio colectivo digno ao berro de “De luns a venres queremos traballar, sábado e domingo que traballe a patronal” ou “Salario digno para o metal”.

As mobilizacións foron acordadas recentemente en asemblea para demandar unha suba salarial que permita recuperar a perde da poder adquisitivo, “xa que a maior parte do persoal cobra o soldo máis baixo do convenio, e a carestía da vivenda e da vida en xeral fai que teñamos dificultades para chegar a fin de mes”, tal e como explican dende a CIG-Industria. E desenvolvéranse diante de Iveco e Apersa ás 10:00 horas, en Rodosa ás 11:00 horas e en Autogal ás 12:00 horas.
Na central sindical consideran que o acordo sobre o convenio está lonxe de producirse pola actitude dalgunhas empresas como o Grupo Pérez Rumbao, “que no canto de traballar na procura dun pacto actúan coma pirómanos, baixando incluso a dirección aos talleres a interpelar o persoal”. Con todo, agardan que a situación se reconduza e se poidan producir avances na negociación porque do contrario intensificarán as protestas.

Medalla Castelao
Por outra banda, a CIG-Industria de Ourense fixo público un comunicado rexeitando a concesión dunha Medalla Castelao por parte da Xunta de Galiza ao presidente do Grupo Pérez Rumbao, “xa que hai persoas ou institucións que merecen en maior medida este recoñecemento, tendo en conta que este grupo empresarial nin destaca precisamente pola defensa da nosa lingua (nin en galego ten a súa páxina web) nin da nosa cultura, por non falar de que representa a ala máis dura da patronal na negociación do convenio”.
Por iso consideran que o Goberno galego “mancha” o nome de Castelao con esta decisión, “porque non hai que esquecer que o de Rianxo é o pai da nación galega e salientou pola súa defensa do idioma e da cultura propia do país e por posicionarse cos febles fronte aos poderosos”.