
De Gaza a Siria: a persistente realidade do colonialismo de asentamentos israelí

Israel non dubidará nin un minuto en entrar militarmente en calquera espazo xeográfico árabe no momento en que sinta capaz de facelo, e sempre atopará o apoio dos Estados Unidos e o silencio de Europa, independentemente do destrutivas que sexan as súas accións
O debate sobre o colonialismo de asentamentos non se debe reducir ás discusións académicas, xa que a devandita forma de colonialismo é unha realidade política, evidenciada claramente polo comportamento cotián de Israel.
Israel non é soamente un réxime expansionista desde un punto de vista histórico, senón que segue a selo nos nosos días. Ademais, o núcleo do discurso político israelí, tanto no pasado como no presente, xira ao redor da expansión territorial.
Con frecuencia sucumbimos á trampa de culpar desa linguaxe a un conxunto específico de políticos de dereitas e extremistas ou a unha administración estadounidense concreta. A verdade é moi distinta: o discurso político sionista israelí permanece fundamentalmente inalterado ao longo do tempo, aínda que poida cambiar de estilo.
Os líderes sionistas sempre asociaron o estabelecemento e a expansión do seu Estado coa limpeza étnica dos palestinos, algo ao que se fai referencia na literatura sionista como: “o traslado”.
Theodor Herzl, fundador do sionismo político moderno, escribiu no seu diario en relación coa limpeza étnica da poboación árabe de Palestina: “Tentaremos animar a poboación sen recursos a cruzar a fronteira procurándolle emprego nos países de tránsito, á vez que lle negamos calquera emprego no noso propio país… Tanto o proceso de expropiación como o traslado dos pobres deben levar a cabo con discreción e circunspección”.
Non está claro que ocorreu co grandioso plan de emprego de Herzl destinado a “espoliar” a poboación de Palestina e repartila por toda a rexión. O que sabemos é que a chamada “poboación sen recursos” resistiu ao proxecto sionista de numerosas maneiras. En última instancia, o despoboamento de Palestina produciuse pola forza e culminou na Nakba, a Catástrofe de 1948.
O discurso do desarraigamento do pobo palestino foi o fundamento compartido por todos os funcionarios e gobernos israelís, aínda que se expresou de diferentes maneiras. Sempre tivo un compoñente material, manifestado na lenta pero decisiva apropiación de vivendas palestinas en Cisxordania, a confiscación de granxas e a constante construción de “zonas militares”.
Malia o que diga Israel, este “xenocidio gradual” non está directamente relacionado coa natureza e o nivel da resistencia palestina. Yenín e Masafer Yatta ilustran claramente a este respecto.
Vexamos, por exemplo, a limpeza étnica en curso na Cisxordania setentrional, que, segundo a UNRWA [o organismo da ONU para os refuxiados palestinos], é a peor desde 1967. Israel xustificou o desprazamento de decenas de miles de palestinos por necesidades militares, por mor da feroz resistencia nesa rexión, sobre todo en Yenin, pero tamén noutros lugares.
Con todo, en moitas outras partes de Cisxordania, incluíndo a zona de Masafer Yatta, nunca houbo resistencia armada. E aínda así, foron elixidas por Israel para a expansión das súas colonias.
Noutras palabras, o colonialismo israelí non está relacionado coa resistencia, a acción ou a inacción. E isto foi así durante décadas.
Gaza é un claro exemplo. Mentres se estaba producindo un dos xenocidios máis terríbeis da historia recente, empresas inmobiliarias israelís, membros da Knéset (o Parlamento) e líderes do movemento de asentamentos ilegais reuníronse para discutir as oportunidades de investimento nunha Gaza despoboada.
Os insensíbeis magnates dedicábanse a prometer chalés na praia a prezos competitivos mentres os palestinos morrían de fame, no medio dun reconto de cadáveres cada vez máis elevado. Ningunha ficción pode ser tan cruel como esta realidade.
Non resulta sorprendente que os estadounidenses se sumasen, como mostran os comentarios igual de desapiadados feitos por Jared Kushner, xenro do presidente Trump, e posteriormente polo propio presidente.
Aínda que moitos falaron entón da estrañeza da política exterior estadounidense, poucos mencionaron que ambos os países son exemplos paradigmáticos do colonialismo de asentamentos. A diferenza doutras sociedades coloniais, tanto Israel como os Estados Unidos seguen comprometidos co mesmo proxecto.
O desexo de Trump de se apoderar do Golfo de México e cambiarlle o nome, a súa ambición de ocupar Grenlandia e reclamala como territorio estadounidense e, desde logo, os seus comentarios sobre facerse coa propiedade de Gaza son todos eles exemplos da linguaxe e a conduta típica do colonialismo baseado nos asentamentos de colonos.
A diferenza entre Trump e anteriores presidentes é que os outros empregaban o poder militar para ampliar a influencia dos EUA mediante guerras e centos de bases militares en todo o mundo sen utilizar de forma explícita unha linguaxe expansionista. No canto diso referíanse á necesidade de acabar coa “ameaza vermella”, “restaurar a democracia”, lanzar unha “guerra global contra o terror” para xustificar as súas accións. Trump, porén, non sente a necesidade de enmascarar as súas accións cunha lóxica falsa e mentiras descaradas. A súa marca é a sinceridade brutal, aínda que en esencia non se diferencia dos demais.
Israel pola súa banda raras veces sente a necesidade de dar explicacións a ninguén. Segue sendo un modelo de feroz sociedade colonial tradicional á que non lle preocupa a rendición de contas nin respecta o dereito internacional.
Mentres os israelís continuaban a conquista e limpeza étnica de Gaza, seguían atrincheirados no sur de Líbano e insistían en permanecer en cinco zonas estratéxicas, violando así o acordo de cesamento do fogo con Líbano, asinado o 27 de novembro.
Un exemplo perfecto disto foi a expansión inmediata -e quero dicir inmediata- cara ao sur de Siria no momento en que o réxime sirio se derrubou o 8 de decembro. En canto os acontecementos en Siria ampliaron as marxes de seguridade, os tanques israelís entraron en acción, os avións de guerra destruíron case a totalidade do exército sirio e o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, cancelou o acordo de armisticio asinado en 1974.
A devandita expansión seguiu adiante aínda que Siria non presentaba ningunha suposta ameaza de seguridade para Israel, que agora controla o monte Sheikh e Quneitra, no interior do país. O insaciábel apetito pola terra de Israel segue a ser tan forte como cando se formou o movemento sionista e se apoderou da patria palestina hai case oito décadas.
Decatarse disto é crucial, e os países árabes en particular deben entendelo. Sacrificar os palestinos á máquina de morte israelí co cálculo erróneo de que as ambicións de Israel se limitan a Gaza e Cisxordania é un erro fatal.
Israel non dubidará nin un minuto en entrar militarmente en calquera espazo xeográfico árabe no momento en que sinta capaz de facelo, e sempre atopará o apoio dos Estados Unidos e o silencio de Europa, independentemente do destrutivas que sexan as súas accións.
Xordania, Exipto e outros países árabes poderían estar no mesmo apuro en que se atopa Siria nestes momentos: observando como se apoderan dos seus territorios e sen recursos para responder ante iso. Esta constatación tamén debería importar a quen se ocupa de buscar “solucións” ao “conflito” palestino-israelí, que circunscriben o problema ao da ocupación israelí de Cisxordania e Gaza.
O colonialismo baseado en asentamentos de colonos nunca se pode resolver mediante solucións creativas. Un Estado colonial de asentamentos deixa de existir, e unha sociedade colonial de asentamentos deixa de funcionar se a expansión territorial deixa de ser a norma.
A única solución a isto é que o colonialismo de Israel sexa cuestionado, restrinxido e, en última instancia, derrotado. Poida que sexa unha tarefa difícil, mais é ineludíbel.
_____________________________________________________________________________
Artigo orixinal en: https://www.counterpunch.org/2025/03/11/from-gaza-to-syria-the-unyielding-reality-of-israeli-settler-colonialism/
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 15 de marzo de 2025]