De bloqueo a asfixia: a guerra dos EUA contra Cuba entra na súa fase máis brutal

Manolo De Los Santos - 11 Feb 2026

A loita do pobo cubano por manter acesas as súas luces é unha loita fundamental polo dereito de todos os pobos a determinar o seu destino, libres da coacción dun imperio que confunde dominio con seguridade e crueldade con forza

 Na quietude dunha noite na Habana, os únicos sons son o zunido dun xerador nun hospital afastado e o murmurio dunha familia reunida á luz das candeas. Para eles, a “seguridade nacional dos Estados Unidos” non é un concepto abstracto debatido nas novas por cabo estadounidenses; é a realidade tanxíbel dun apagamento de 20 horas, o cheiro a comida podre e o medo polas medicinas refrixeradas dun neno. Este é o rostro dunha política que o Goberno dos Estados Unidos cualifica de resposta a unha “ameaza extraordinaria”. A verdadeira ameaza, porén, non é militar: é o desafío de 67 anos dunha pequena nación insular que se negou a renunciar á súa soberanía.

 O 29 de xaneiro de 2026, a administración Trump transformou unha campaña de presión de longa data nun instrumento contundente de asfixia. Cunha orde executiva, converteu o sistema arancelario dos EUA nunha arma contra calquera nación —incluídos países como México— que se atreva a vender petróleo a Cuba. Xa non se trata de illar ou conter o pobo cubano respecto do resto do hemisferio; trátase dunha estratexia deliberada de asfixia económica total, un movemento cuxo nivel de agresión non se vía desde a Guerra Fría.

A maquinaria da asfixia

 A rede eléctrica cubana, as bombas de auga, o transporte público, os hospitais e as escolas funcionan con combustíbel importado. Ao coaccionar terceiros países, os EUA non buscan só sancionar, senón interromper o metabolismo mesmo dunha nación. A declaración do goberno cubano foi directa: isto é “chantaxe, ameazas e coacción directa” deseñadas para impedir a entrada de combustíbel no país. O resultado é un castigo colectivo, unha violación do dereito internacional que emprega a fame, a escuridade e a enfermidade como armas políticas para quebrar a vontade dun pobo.

Unha guerra constante: o manual imperial de Eisenhower a Trump

 Chamar a isto “política exterior” é subestimar a súa natureza. É un instrumento de guerra multilateral e evolutivo, perseguido implacabelmente por dez presidencias consecutivas dos Estados Unidos cun único obxectivo: a destrución do proxecto socialista cubano.

- Eisenhower (1960) iniciou a agresión co primeiro bloqueo despois da nacionalización das refinarías propiedade de compañías estadounidenses.

- Kennedy (1961-1962) intensificou coa fracasada invasión de Bahía de Cochinos, fixo total o bloqueo e autorizou a Operación Mangosta, un programa secreto de sabotaxes e intentos de asasinato de líderes cubanos, incluíndo máis de 630 atentados contra Fidel Castro Ruz.

- Clinton (1992-1996) lanzou o que se esperaba fose un “golpe de graza” tras a caída da Unión Soviética, promulgando as leis Torricelli e Helms-Burton. Estas ampliaron o bloqueo de forma extraterritorial, castigando empresas estranxeiras por comerciar con Cuba e afirmando a autoridade estadounidense sobre o comercio global.

- Trump (2017-2026), tras un fráxil desxeo con Obama, non só reverteu o rumbo senón que afondou na crueldade. Reintegrou Cuba na listaxe de “Estados patrocinadores do terrorismo” —unha medida amplamente condenada como ficción política— e impuxo 243 novas sancións. O seu acto máis recente, a orde executiva de 2026, busca selar o destino da illa privándoa de enerxía.

 A estratexia sempre foi clara. Un memorando desclasificado do Departamento de Estado de 1960, redactado por Lester D. Mallory, instaba a provocar “fame, desesperación e o derrocamento do Goberno” mediante a denegación de “diñeiro e abastecementos”. O custo humano é o obxectivo, non un efecto colateral.

O “dilema brutal” e o seu custo humano

 

 Esta crise provocada ten consecuencias medíbeis e atroces. Na década de 1990, o endurecemento do bloqueo causou unha caída do 40% na inxestión calórica e un aumento do 48% nas mortes por tuberculose. Hoxe impide a compra de ventiladores médicos, pezas de reposto para sistemas de purificación de auga e, sobre todo, o combustíbel para facelos funcionar.

 Este sufrimento preséntase como sacrificio necesario por parte de membros da mafia cubano-americana que serven no Congreso dos Estados Unidos. A representante María Elvira Salazar, de Florida, expresou recentemente este cálculo arrepiante: “É devastador pensar na fame dunha nai, nun neno que precisa axuda inmediata... Pero ese é precisamente o dilema brutal ao que nos enfrontamos: aliviar o sufrimento a curto prazo ou liberar Cuba para sempre”.

 Esa prometida “Liberdade” é un retorno ao pasado anterior a 1959, cando as corporacións estadounidenses controlaban o 80% dos servizos públicos de Cuba e o 70% das terras cultivábeis. É a “Liberdade” de explotar, comprada co sufrimento calculado de toda unha xeración.

A “Doutrina Donroe”: o imperialismo desatado

 A escalada de Trump é a pedra angular da chamada “Doutrina Donroe” da súa administración, un renacemento no século XXI da Doutrina Monroe de 1823, que declaraba que toda América Latina e o Caribe eran propiedade dos Estados Unidos.

 Tras o ataque ilegal do 3 de xaneiro de 2026 contra Venezuela, Trump declarou abertamente: “A dominación estadounidense no Hemisferio Occidental nunca volverá ser cuestionada”. Baixo esta doutrina, calquera nación que elixa un camiño independente —nomeadamente aquelas que organizan a súa economía para satisfacer as necesidades humanas, como o recoñecido sistema sanitario cubano— é considerada unha “emerxencia nacional”.

A guerra no exterior e no interior

 Para o pobo estadounidense, é fundamental ver isto non como un problema afastado, senón como parte dunha mesma lóxica. A mesma administración que invoca “emerxencias nacionais” para estrangular a economía cubana emprega esas “emerxencias” para ordenar redadas do ICE en cidades dos EUA e matar os seus propios cidadáns, como Renee Good e Alex Pretti. A mesma mentalidade que etiqueta 11 millóns de cubanos como unha ameaza colectiva por exercer a súa autodeterminación, etiqueta tamén inmigrantes e minorías como ameazas internas. A lóxica do bloqueo e a lóxica da fronteira son a mesma: o control violento de poboacións e recursos, e a designación de colectivos enteiros de seres humanos como desbotábeis.

 A trémula candea nese fogar habaneiro é máis que unha luz contra a escuridade: é un desafío a toda unha orde imperial. A loita do pobo cubano por manter acesas as súas luces é unha loita esencial polo dereito de todos os pobos a determinar o seu destino, libres da coacción dun imperio que confunde dominio con seguridade e crueldade con forza. Como no pasado, os cubanos ergueranse colectivamente ante o desafío non só para sobreviviren, senón para venceren o bloqueo.

 

[Artigo tirado do sitio web Peoples Dispatch, do 31 de xaneiro de 2026]