Curso gratuíto de teleformación dirixido ao sector da limpeza: Risco químico no sector da limpeza

Comeza o día 9 de novembro e adaptarase ao tempo e horario do que dispoña o alumno/a
Nacional - 22 Out 2020

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral (CIG) abre a matrícula para o curso gratuíto de teleformación dirixido ao sector da limpeza: Risco Químico no sector da limpeza, que dará comezo o vindeiro 9 de novembro de 2020. Para matricularse pódese contactar vía correo electrónico gabinete@cigsaudelaboral.org ou chamando ao teléfono 981359449, de 10 a 14 horas.

Cando falamos de contaminantes químicos facemos referencia a substancias que poden ser absorbidas polo noso organismo e poden producir danos á saúde nun período curto de tempo, ou ben ao longo dos anos.

Sen dúbida algunha no sector da limpeza o risco químico é un dos máis importantes. Para a realización das tarefas de limpeza, desinfección, pulido, encerado…, empréganse a diario diferentes produtos químicos (decapantes, abrillantadores, disolventes, desengraxantes, lexivias e outros) que desprenden vapores nocivos, e o seu contacto coa pel, ollos ou mucosas poden chegar a constituír un importante risco para a persoa traballadora se esta non está axeitadamente protexida..

Os produtos de limpeza son, en xeral, mesturas de varias sustancias cada unha das cales ten diferentes propiedades e diversos efectos nocivos, segundo estas se presenten por separado ou en combinación con outra ou outras sustancias, expoñendo á persoa traballadora a variados efectos nocivos sobre o seu organismo.

No presente curso de teleformación: Risco químico no sector da limpeza que se oferta para as persoas traballadoras do sector da limpeza, abordarase dun xeito ameno, sinxelo e doado de entender, cales son os conceptos e elementos básicos que permitirán entender e identificar os riscos químicos asociados aos traballos de limpeza; como podemos coñecer os riscos asociados aos distintos produtos de limpeza que utilizamos; os efectos contaminantes dos distintos produtos de limpeza comunmente empregados; as vías de exposición aos produtos químicos e cales son os seus efectos e consecuencias; perigosidade e riscos asociados á mestura dos produtos de limpeza de uso máis común; Etiquetas, Fichas de Seguridade e Fichas Toxicolóxicas; Almacenamentos de produtos Químicos ou Identificación e uso de EPIs.

Esta actividade formativa realizarase de forma asíncrona, atendendo ao tempo e horario do que dispoña o alumno/a, sempre dentro do período temporal de vixencia do curso.

Non o dubides, se traballas no sector da limpeza e te preocupa a túa seguridade, protéxete, matricúlate e participa.