Cúmprense 15 días de folga indefinida en Beatriz Seijo Art Studio + Gallery sen avances por parte da empresa

Santiago de Compostela - 25 Set 2024

O 90% do persoal docente segue secundando unha folga que se mantén enquistada malia a insistencia por parte do persoal para solventar esta situación, á que se chegou despois de varios meses de intentos frustrados de diálogo coa xerencia da empresa.

Este luns produciuse unha reunión a petición das traballadoras e da representación sindical coa empresa Beatriz Seijo Art Studio + Gallery na que non houbo avances significativos a respecto das demandas do persoal sobre mellorar o funcionamento do centro, do servizo ao alumnado e das condicións laborais e salariais.

As principais reivindicacións que levaron á convocatoria da folga, lembra a CIG-Ensino, son o recoñecemento da categoría profesional con carácter retroactivo, a equiparación salarial e a eliminación da fenda salarial de xénero, o cumprimento da normativa de xornada e rexistro horario, así como a redución das ratios nas actividades formativas. Xunto a isto, a elaboración dun plan de igualdade e outro de formación, así como o recoñecemento da relación laboral que tiña a traballadora despedida e que exerceu máis de un ano en situación de “falsa autónoma”.

Vulneración do dereito á folga

Nesa reunión, a CIG volveu a reiterar a necesidade de que a empresa deixe de vulnerar o dereito á folga, como xa denunciou a semana pasada ante a Inspección de Traballo, e esixiulle a corrección inmediata das datas dos chamamentos das fixas discontinuas, que deberan estar dadas de alta desde o día que se iniciou o curso.

Durante a xuntanza representantes do sindicato volveron poñer enriba da mesa algunha destas cuestións como liñas vermellas para chegar a calquera acordo que implique a desconvocatoria da folga. Así mesmo, trasladáronllas por escrito e agardan unha resposta rápida por parte da empresa para poder retomar as clases canto antes.

Novas accións de protesta

O persoal en folga, dado que levan 15 días sen cobrar e a situación comeza a ser moi difícil de soster, van activar un “crowdfunding” para intentar paliar a falta de ingresos e teñen pensado realizar novas accións de protesta.

  • Sábado 28, de 12 a 18 horas, no parque de Santa Marta. Levarán a cabo o que denominan a "NON festa de fin de curso" que no seu día se cancelou despois de que demandaran cobrar polo traballo feito antes e durante ese día. Entre as actividades que organizan para ese día está un pasarrúas, amenizado por un sesión musical cun DJ e un xantar popular, sempre que o tempo acompañe.
  • Martes 1, ás 12 horas. Concentración diante do espazo da empresa en Santa Marta.
  • Martes 1, ás 17 horas. Aula aberta alternativa dirixida a toda a comunidade educativa e á poboación en xeral na que elaborarán materiais artísticos e explicarán a súa situación.