Cuba: ONU, bloqueo e cifras

Omar Rafael García Lazo - 03 Nov 2023

Cuba tivo unha gran vitoria na ONU. E aínda que mañá, ao amencer, como o dinosauro de Monterroso o bloqueo seguirá activo, íntegro e xenocida, tratando de render por fame un pobo invencíbel, a Revolución manterá o seu curso emancipador

A maioría dos países membros da ONU acaban de condenar o bloqueo económico, comercial e financeiro que os Estados Unidos lle aplican a Cuba.

 Esta é a 31 vez que se cumpre este exercicio de condena a Washington sen que cambie a súa actitude, agás nos tempos de Obama, quen se atreveu a probar por outros camiños a destrución do socialismo cubano. Curiosamente, iso mesmo recomendou a representante de España cando, no nome tamén da Unión Europea, explicou o respaldo unánime de Europa á resolución cubana.

 Para Cuba, esta votación (187 países contra o bloqueo e só Estados Unidos e “Israel” a favor desa política, cunha abstención, Ucraína) constitúe unha vitoria política, diplomática e moral, en tanto desvirtúa publicamente o cúmulo de argumentos que utiliza a Casa Branca para xustificar a guerra económica contra a Illa.

 Adicionalmente, Cuba logra minimizar as accións de illamento; mostra o seu músculo diplomático; mantén o seu liderado nos espazos multilaterais; e compromete, aínda que en diversos graos, a importantes países na súa loita contra os efectos políticos e concretos do bloqueo.

Cifras e datos

 O goberno cubano calculou que o PIB da Illa tería medrado un nove por cento no ano 2022 se non existise o bloqueo.

 E é precisamente iso, impedir a viabilidade do socialismo cubano, o que busca o máis complexo e integral sistema de medidas coercitivas unilaterais e extraterritoriais que se deseñou e aplicou contra un país.

 Todos os gobernos de Estados Unidos, desde 1959 até hoxe, tiveron a asfixia económica como unha das súas principais ferramentas para atacar a Revolución.

 Contra Cuba aplícanse sete leis, dúas delas cun marcado carácter extraterritorial, fronte ao cal moi pouco fixeron os gobernos dos países cuxas empresas se viron afectadas. Para algunhas chancelarías europeas e asiáticas votar contra o bloqueo na ONU é máis que suficiente para lavar un pouco o rostro e iluminar con neón a dignidade.

 Xunto a esas sete leis, Estados Unidos aplica disposicións, directivas, e outras medidas executivas que pechan aínda máis o cerco.

 Un exemplo diso foron as 243 medidas implementadas por Donald Trump e mantidas por Biden, que apuntaron con certa eficacia á xugular da economía cubana.

 Unha desas agresións é a vulgar e inxusta inclusión de Cuba na lista de países patrocinadores do terrorismo.

 Falar sobre a limpa conduta de Cuba nesta materia non é obxectivo destas liñas, pois ademais foi vítima dese flaxelo. O máis importante deste asunto é o impacto económico e financeiro que entraña esta medida.

 O comercio internacional da Illa foi severamente afectado, especialmente o seu sistema bancario e financeiro. A inclusión na espuria Listaxe logrou intimidar a decenas de bancos de todas as rexións do planeta, que suspenderon as súas operacións con entidades cubanas.

 Desta maneira, engadiuse un atranco máis aos esforzos por acceder a mercados, créditos e socios para a compra de alimentos, medicamentos, insumos, combustíbeis e outras materias primas.

 Un total de 130 bancos se negaron operar coa Illa no período que analiza o texto cubano. Deles, 75 son europeos, 21 do continente americano e 34 do resto do mundo.

 Non existe un só sector económico ou social que non estea afectado polo bloqueo estadounidense.

 Os danos ao sistema de saúde nacional superan os 239 millóns de dólares.

 A persecución aos subministradores de insumos, equipos e tecnoloxías reflíctense no desabastecemento de medicamentos e na situación tensa dos hospitais. Indicadores como a mortalidade infantil son un exemplo do que ocorre.

 Se en 2019 faleceron cinco nenos por cada mil nados vivos, en 2022 a taxa alcanzou a cifra de 7,5. Aínda que son números envexábeis para calquera país en vías de desenvolvemento, para Cuba este incremento é doloroso en termos humanos e retardatario en termos demográficos.

 A imposibilidade de acceder a tratamentos de primeira liña para determinados tipos de cancro en idades pediátricas é tamén unha traxedia para os pacientes, familiares, médicos e funcionarios cubanos.

 Decenas de empresas estadounidenses ou as súas filiais se negaron a fornecerlle a Cuba medicamentos por temor ser sancionados polas autoridades do seu propio país.

 O cerco alcanza non só aos subministradores, senón tamén ao transporte de cargas. Por concepto de incremento dos fretes debido aos temores de operar con Cuba, a Illa perdeu 490 millóns de dólares adicionais que puideron destinarse a outros fins. O asedio chega ao momento de investigar as nóminas dos barcos, pois se hai algún mariñeiro cubano contratado, a navieira podería ser penalizada.

 O turismo, polo seu dinamismo, tamén foi obxecto das accións de bloqueo. Diversas medidas tomáronse para frear o fluxo de turistas europeos e norteamericanos, así como as operacións de cruceiros, o que, sen perder de vista o cerco financeiro apuntado e as presións tamén a aeroliñas, impediu a recuperación do sector, deixando de percibir máis de mil millóns de dólares.

 Así acontece noutras moitas áreas. Os ingresos deixados de recibir de maneira global no período superan o catro mil millóns de dólares, cifra que, como dixemos antes, impacta de maneira notábel no desenvolvemento do país.

 O bloqueo tamén ten correlatos políticos e sociais, así como fins subversivos. Ao profundar as dificultades, aspírase a crear condicións que debiliten a unidade do pobo e o seu apoio á Revolución. A emigración é unha das súas consecuencias máis visíbeis e máis custosas en termos de perda de forza técnica e en termos mediáticos e simbólicos. Con todo, como noutras ocasións, o efecto bumerán é un feito, pois os cálculos de Washington seguen sendo erróneos.

 Cuba tivo unha gran vitoria na ONU. E aínda que mañá, ao amencer, como o dinosauro de Monterroso o bloqueo seguirá activo, íntegro e xenocida, tratando de render por fame un pobo invencíbel, a Revolución manterá o seu curso emancipador, tal e como presaxiou Fidel: por si mesma e cos seus propios esforzos.

 

[Artigo tirado do sitio web Al Mayadeen, do 2 de novembro de 2023]