Cuarta xornada de folga na recollida de lixo do Concello de Valdoviño por unhas condicións de traballo dignas
Os traballadores e traballadoras da recollida do lixo do Concello de Valdoviño están secundando este luns a cuarta xornada de folga consecutiva para exixir das empresa concesionaria, FCC Medio Ambiente, que cumpra os pregos e respecte os dereitos laborais. Este é o último día do calendario aprobado, mais xa avanzan que, de non acadar solucións inmediatas, o persoal non descarta iniciar unha folga indefinida no mes de agosto.
A CIG-Servizos de Ferrol fai unha valoración moi positiva do desenvolvemento da folga, que foi secundada pola totalidade do persoal indefinido, "a pesar das presións que recibiron tanto o delegado de persoal como o resto de compañeiros e compañeiras por parte da empresa, chegando incluso a ser ameazados con abrirlles expediente por participar da folga".
Cómpre recordar que a empresa leva incumprindo os pregos de condicións desde que se fixo coa concesión do servizo, hai 14 anos, vulnerando así os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras da recollida de lixo. Mais a CIG-Servizos quere chamar a atención tamén na responsabilidade que ten o Concello nesta situación, ao permitir que unha empresa incumpra o contratado de maneira reiterada no tempo e sabendo do deficitario servizo que se lle está a prestar ás veciñas e veciños de Valdoviño.
"Parece que o grupo de Goberno está máis preocupado por arrincar as pancartas que os traballadores/as colocan para denunciar publicamente as problemáticas que sofren, que por tentar buscar solucións que garantan unhas condicións de traballo dignas e que, á vez, permitan que a veciñanza do concello teña un servizo axeitado", critica Bea Fernández.
Por último, CIG- Servizos adiante que vai presentar denuncias contra a empresa Fomento Medio Ambiente ante a Inspección de Traballo por esquirolaxe e incumprimento da normativa laboral, tanto por facer dúas contratacións para cubrir ao persoal que participa na folga, como por modificar as quendas e horarios de traballo. "Estas prácticas mafiosas da empresa incluso chegaron ao punto de obrigar o persoal eventual a iniciar a xornada laboral fóra do seu centro de traballo, incumprindo así coa lexislación laboral establecida".