Internacional - 17 Abr 2018

As organizacións Intersindical-CSC, de Catalunya, ELA e LAB, de Euskal Herria, e a CIG mantiveron esta mañá un encontro en Compostela diante do “ataque sen precedentes” que se está dando no Estado español “á democracia e ás liberdades”. En posterior rolda de prensa presentaron un manifesto conxunto no que reclaman a restitución da normalidade democrática en Catalunya; a liberdade de Puigdemont e de todas as persoas presas políticas; o retorno das exiliadas; o cesamento do acoso policial e xudicial contra cargos políticos e institucionais e a inmediata negociación dunha saída que recoñeza o dereito dos pobos a decidir sobre o seu futuro.

O secretario xeral da Intersindical-CSC, Carles Sastre, denunciou que esta organización sindical se enfronta a un xuízo, que terá lugar o vindeiro día 25 de abril, pola folga xeral que tivo lugar en Catalunya o 8 de novembro, a raíz da denuncia presentada pola gran patronal catalá Foment del Treball Nacional.

Vivimos nun contexto de causa xeral en Catalunya, non xa contra o independentismo, senón contra os máis básicos dereitos democráticos

 Unha denuncia pola que se demanda a ilegalización desta convocatoria -por considerar que CSC non é abondo representativa e que se trataba dunha folga política- e unha indemnización de 100.000€, “non se sabe en concepto de que, para indemnizar a non se sabe quen”.

Un xuízo máis, subliñou Sastre, “nun contexto de causa xeral en Catalunya, non xa contra o independentismo e o soberanismo, senón contra os máis básicos dereitos democráticos e fundamentais”, afirmou.

Fronte  a isto, o secretario xeral da CSC, lembrou que a folga xeral foi convocada para exixir a recuperación de dereitos, mais tamén contra o Decreto 15/17, máis coñecido como Lei de Deslocalización exprés, polo que se cambia a Lei de Sociedades para que as empresas poidan trasladar a súa sede social a outras comunidades sen pasar polo Consello, o que, “alén de efectos fiscais máis ou menos importantes, pode provocar o traslado da operativa e dos ámbitos produtivos, afectando así aos intereses lexítimos das traballadoras e traballadores cataláns”.

Xunto a isto explicou que, con esta convocatoria de folga, tamén se trataba de denunciar a suspensión de máis de 30 leis aprobadas polo Parlament de Catalunya, impugnadas polo Goberno español e automaticamente suspendidas polo Tribunal Constitucional. Leis referidas a igualdade de xénero, contra a pobreza enerxética, contra a pobreza habitacional ou mesmo, nas últimas semanas, unha lei para a universalización da asistencia sanitaria, para que tanto as persoas inmigrantes que viven en Catalunya como as e os cataláns que viven, traballan e cotizan fóra poidan ter garantida asistencia sanitaria gratuíta cando estean en Catalunya.

Por iso, Sastre cuestionou que se considere unha folga política do momento no que “si responde a unha defensa dos intereses cataláns”. Denunciou ademais que esa mesma patronal si “abonou a saída de empresas de Catalunya” e logo pediu ao goberno do Estado que facilitase “algunha cousa a cambio de que volvesen”. Unha demanda que entendeu que demostra que por esa banda si houbo “un uso político propagandístico” desa cuestión.

Cuestionamento do dereito á folga

Ao entender das organizacións sindicais presentes, o que está en xogo, no fondo, é o propio dereito á folga. Neste sentido, Joseba Vilarreal, da Executiva de ELA, asegurou que “asistimos a unha persecución e criminalización salvaxe do único instrumento de loita que temos para conseguir transformar a realidade na que vivimos, que é a folga, tanto desde o poder executivo, como lexislativo e xudicial”.

Asistimos a unha persecución e criminalización salvaxe do dereito de folga tanto desde o poder executivo, como lexislativo e xudicial

 Unha persecución que afecta, segundo afirmou, aos sindicatos que convocan as folgas, ás/aos sindicalistas que as impulsan e ás traballadoras/es que a practican, así como a todas as persoas que defenden e exercen o dereito fundamental á folga. Por iso alertou de que hai unha estratexia compartida e impulsada polas elites económicas e políticas para tratar de impedir o dereito de folga ou, cando menos,, atallar os seus efectos.

A modo de exemplo denunciou servizos mínimos que na práctica son de máximos; declaracións de folgas como “abusivas e ilegais”; condenas a traballadores/as por participar nestas; multas para afogar as organizacións sindicais que discrepan e se enfrontan ao sistema ou ameazas e chantaxes ás traballadoras e traballadores chamados/as á mesma. Isto xunto á conculcación do dereito de información e de que se poñan as forzas de seguridade ao servizo da patronal, “perseguindo e criminalizando a quen defendemos a folga como elemento imprescindíbel para camiñar cara á xustiza social”.

Vilarreal expresou a solidariedade de ELA coa Intersindical CSC, e “o noso apoio máis firme ás persoas e organizacións perseguidas, sancionadas e condenadas por participar, organizar, impulsar ou apoiar as folgas”. E concluíu asegurando que “sen folgas o futuro está escrito, co folgas podémolo cambiar”.

Represión laboral e social

Pola súa banda, a secretaria xeral de LAB, Garbiñe Aranburu, denunciou a dobre “involución” social e política no Estado español. No primeiro caso utilizando a crise como pretexto para seguir afondando nun “modelo capitalista salvaxe insostíbel que impide á maioría social garantir unha vida digna”. E no segundo, coa utilización da “maquinaria represiva do Estado” que, lembrou, leva moitos anos actuando mais que, apuntou, ten agora o seu “expoñente máximo” no que está pasando en Catalunya e coa aplicación do 155.

Aranburu denunciou a imposición dun modelo económico, social e político “antidemocrátrico” que ten expresión nesa situación de excepcionalidade que se vive en Catalunya e que crea o contexto para que se poida levar adiante unha demanda como a presentada contra o sindicato CSC. “Un ataque contra o sindicalismo de contrapoder e sociopolítico”, asegurou.

A loita a favor da soberanía é a mellor ferramenta contra o modelo neoliberal que se nos quere impor

 A secretaria xeral de LAB denunciou, xunto a isto, o proceso de precarización xeneralizada da clase traballadora que, “non sería posíbel sen a alianza estratéxica entre o capital e os partidos políticos sistémicos” que está “despoxando de soberanía os pobos, para deixalos en mans dunha elite económica”.

Ademais advertiu que, a través das diferentes reformas, o que se fixo foi dar “maior poder á patronal e deixar a traballadoras/es e sindicatos sen medios para a defensa colectiva dos intereses da clase traballadora”.

Por iso denunciou “a ofensiva xeneralizada por parte das institucións da patronal e dos medios de comunicación contra o sindicalismo” e salientou que “o sindicalismo de contrapoder e sociopolítico é máis necesario que nunca”, porque aposta por reforzar a mobilización “para obrigar as institucións a cambiaren as políticas públicas que se instauran”. Un sindicalismo que liga ademais “o proceso de transformación social cun proceso de transformación nacional”, porque “a loita a favor da soberanía é a mellor ferramenta para loitar contra o modelo neoliberal que se nos quere impor”.

Situación de excepcionalidade política

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou a situación “de auténtica excepcionalidade” que se vive hoxe en Catalunya. Cualificou de “antidemocráticas” as actuacións do Estado no que considerou que “non hai realmente separación de poderes”, como corresponde a un Estado de dereito e no que “reaparece, unha vez máis, a máis rancia e reaccionaria cara do réxime do 78 herdeiro da ditadura franquista”.

Reaparece a máis rancia e reaccionaria cara do réxime do 78, herdeiro da ditadura franquista

 Carril rexeitou a “criminalización da lexítima protesta e da mobilización social” que se está dando en Catalunya e as políticas desenvolvidas por un goberno do PP “cheo de corrupción e podrido que ilustra á perfección a decrepitude do sistema político español”.

A ese respecto afirmou que estamos, non só nunha crise económica e social brutal no Estado, senón tamén ante unha crise “política e institucional” consecuencia desa corrupción. Acusou a PSOE e Ciudadanos de colaborar, permitindo a represión e lamentou a “equidistancia” da esquerda española porque, amparándose nas actuacións represivas do Estado, non poñen en cuestión “nin a súa estruturación, nin a súa deriva no social”.

Represión

O secretario xeral da CIG denunciou tamén que son precisamente as organizacións políticas e sociais as que están “no punto de mira do réxime” porque “estamos dispostas a loitar, a mobilizar, a defender os dereitos e a resistir ante a decrepitude dun modelo fracasado”. Advertiu que ese centralismo que se defende desde o Estado “é a mellor maneira de garantir a explotación de clase” e afirmou que “non temos medo e non damos un paso atrás para seguir mantendo a nosa firme e decidida aposta, que pasa polo recoñecemento da realidade plurinacional e dos dereitos das nacións que conforman o Estado español”.

Estamos dispostas a loitar, a mobilizar, a defender os dereitos e a resistir ante a decrepitude dun modelo fracasado

 Carril reafirmouse na loita contra as políticas do PP, contra as reformas laborais, contra a reforma da negociación colectiva e contra as das pensións, que “provocan un empobrecemento xeneralizado no conxunto do pobo”. Rexeitou a maquinaria represiva do Estado e denunciou casos como o da criminalización da folga convocada en Catalunya pola CSC, mais tamén a denuncia de Navantia contra a CIG, exixindo danos e prexuízos, pola folga das traballadoras e traballadores das auxiliares ou a negativa do Goberno a conceder un indulto a Carlos e Serafín, traballadores do transporte de viaxeiros que participaron na folga de Transporte de 2010.

Fronte a isto lembrou que un de cada catro indultos concedidos polo Goberno correspondeu con persoas condenadas por delitos de corrupción e denunciou que, entrementres, “grupos do fascismo e violentos actúan con total impunidade como tamén o fan os corruptos que saquean o pobo directamente coa súa política de recortes de dereitos sociais ou metendo directamente a man no peto do pobo”.

Carril concluíu lembrando as demandas das catro organizacións sindicais e manifestando, en representación de todas “a nosa solidariedade con todas as persoas que están a ser represaliadas e, en xeral, co pobo de Catalunya”.