Cruz Roja ameaza o persoal do albergue municipal de Vigo para que renuncie ás melloras do novo convenio
A Asemblea Nacional de Cruz Roja Española, entidade que xestiona o Centro Integral de Inclusión e Emerxencias Sociais (CIIES) do Concello de Vigo, está a intentar mediante ameazas de despidos e de modificación das condicións de traballo que o persoal renuncie ás melloras laborais que marca o convenio estatal de Acción e Intervención Social. A ONG negábase a aplicar o convenio a nivel salarial a pesar da sentenza que a obrigaba, pero finalmente tivo que facelo para evitar unha sanción da Inspección de Traballo.
Segundo explica a delegada de persoal, da CIG, os traballadores/as do albergue situado na rúa Marqués de Valterra seguen sen cobrar todas as cantidades que lles corresponden segundo o convenio de aplicación no sector, xa que aínda que a empresa actualizou os salarios no mes de marzo “négase a pagar os pluses de festivos, fins de semana, nocturnidade e turnicidade”.
A dirección trasladoulle que a súa intención é abonar estas cantidades en horas libres, “pero o convenio establece que esta medida ten que ser pactada co persoal”. Cruz Roja pretendía chegar a un acordo coa representante sindical “sen falar cos traballadores/as”.
Ao mesmo tempo, envioulle correos nos que ameazaba con despedimentos e modificacións substanciais das condicións de traballo no caso de que non se aceptasen as súas propostas. “Pedímoslles que, tal coma lles obriga a lexislación, xustifiquen a suposta necesidade de modificar as condicións de traballo pero non o fan”, sinala.
Ademais, a empresa leva máis de dous meses sen contestar os correos que lle envía a delegada de persoal. “Intentamos establecer unha mediación a través da Inspección de Traballo pero non contestaron”, critica. E tamén está a tomar represalias contra os empregados/as: négalles os períodos vacacionais que solicitan co argumento de que o novo convenio só obriga a dar 10 días de vacacións nos meses de verán. “A estas alturas seguimos sen o cadrante horario anual, pero aínda así esíxennos que pidamos xa as vacacións”.
Incumpre a súa propia oferta de licitación
Esta problemática remóntase a finais do ano 2016, cando a ONG faise coa xestión do albergue municipal vigués pero non subroga os traballadores/as nas mesmas condicións que tiñan coa empresa anterior. A delegada de persoal intenta sen éxito dialogar coa dirección para que aplique o convenio correspondente, o estatal de Acción e Intervención Social.
En xaneiro do ano seguinte os traballadores/as vense obrigados/as a presentar unha demanda de conflito colectivo contra a entidade. O Xulgado resolve a favor dos empregados/as nunha sentenza feita pública o 19 de outubro na que establece que o convenio de aplicación é o anteriormente citado.
A pesares de esta sentenza pasan máis de cinco meses sen que a empresa a cumpra e tras case medio ano de espera finalmente a empresa decide facelo o pasado marzo para evitar a sanción proposta pola Inspección de Traballo tras as denuncias presentadas.
Ao mesmo tempo, na actualidade continúa a incumprir a oferta coa que concorreu ao concurso de licitación para facerse coa xestión do albergue xa que presentou melloras de persoal polas que recibiu puntos “pero que agora se nega a aplicar”.