Critican o custe económico da visita da conselleira de Medio Rural a Cervantes cando xa non había lumes
A Sección Sindical da CIG da Xefatura Territorial da Consellaría do Medio Rural en Lugo denuncia que a visita onte da conselleira de Medio Rural ao Concello de Cervantes implicou o desprazamento de numerosas brigadas e 5 helicópteros, nun momento no que xa non quedaban incendios activos na zona. Lembran que os helicópteros utilizados na extinción dos incendios forestais non son medios propios da Administración, senón de empresas privadas ás que se lle paga polas horas de voo. O custo por hora, oscila entre os 2.833 € dun Sokol aos 1.695 € dun B3. Aos que hai que engadir os 1.500 € que custa alzar o voo de calquera helicóptero.
"Non hai orzamento para manter operativo un servizo público básico durante todo o ano, nin sequera durante os días máis perigosos do ano, pero si que hai orzamento para desprazar a Cervantes o 18 de outubro brigadas de todo o distrito Becerreá-Ancares e dos distritos Lugo-Sarria e Terra Chá, cando non quedaba ningún incendio forestal activo nesa zona", denuncia Azucena Gavín, secretaria da Sección Sindical da CIG.
Apunta a representante sindical que tamén se desprazaron á zona 5 helicópteros desde as bases de O Marroxo (Monforte), San Xoán de Río, Toén, Portomarín e Silleda "a botar auga sobre as cinsas molladas".
"Falta de vergoña"
Cualifica de "pouca vergoña" que a persoa "responsábel da atomización do servizo, da ausencia de medios nos momentos críticos e da descoordinación do operativo" visite unha das zonas máis devastadas polos lumes "cando non queda máis que cinsa e desolación" e que isto supoña, ademais, un malgasto de diñeiro das arcas públicas que van parar "a empresas privadas que se lucran dos incendios forestais".
Neste senso, dende a Sección Sindical apuntan que a CIG "leva anos tentando negociar, incluso presentando unha proposición de lei no Parlamento. Tivemos que acudir aos xulgados para demostrar que o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais é necesario durante todo o ano. E a Consellaría do Medio Rural erre que erre con que o dispositivo é o axustado a cada época. Sempre votando atrás as propostas, sempre escusándose no tema económico".
Engade que aínda que aínda que nos últimos anos quedou demostrado que a época de alto risco de incendios forestais non se circunscribe exclusivamente aos meses de verán, a Consellaría botou á rúa o pasado 28 de setembro a 450 bombeiros forestais, a pesar de que as condicións meteorolóxicas facían prever unha situación de risco máxima. Polo que, asevera Gavín, "é mentira que o pasado domingo estivera todo o dispositivo operativo".
Políticas de desmantelamento dos servizos
A Sección Sindical censura tamén as políticas levadas a cabo pola Xunta de Galiza propiciando a implantación masiva de especies forestais pirófitas, desmontando os servizos básicos no rural, permitindo o desmantelamento da produción agrogandeira, abandonando conscientemente durante anos a prevención e atomizando o dispositivo de extinción até facer imposible a súa coordinación. "Ademais de ser uns incompetentes e irresponsábeis non teñen a máis mínima vergoña", sentenza.