Critican a configuración do xurado para a selección da praza de cabo de bombeiros do Concello de Pontevedra
A federación de Administración da CIG de Pontevedra vén de criticar a configuración do xurado encargado da selección da praza de cabo de bombeiros do Concello de Pontevedra ao entender que incumpre a propia resolución que regula o procedemento. En concreto, denuncian que un dos membros do xurado ten relación directa cos aspirantes, xa que é o seu superior xerárquico.
A secretaria comarcal da CIG-Administración de Pontevedra, Dina Porral, amosou a súa “incredulidade, estupor e receo” despois de que o Boletín Oficial da Provincia publicase a conformación do tribunal para xulgar o proceso selectivo de promoción interna a unha praza de cabo de bombeiros.
“Hai tempo que vimos advertíndolle ao Goberno local que non nos parecían axeitados certos membros nomeados para tribunais; sobre todo no caso de procesos de promoción interna; pero neste caso o estupor é máximo, pois xa se contradín eles/as mesmos/as; ou igual esperaban que alguén impugnara e quedar así ben coas persoas nomeadas”.
Segundo indica a responsábel sindical, a propia resolución recolle que <<os membros do tribunal cualificador poderán ser recusados/as, cando nos mesmos/as concorra algunha das circunstancias previstas para a abstención, de conformidade co establecido nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público>>.
“Pois ben, xa deberan saber que un membro dese tribunal, en concreto don Vicente Ferrería Balchada, sarxento do Servizo de Extinción de Incendios do Concello de Pontevedra, incumpre alomenos un dos puntos, o apartado e) do artigo 23:
<<Tener relación de servicio con persona natural o jurídica interesada directamente en el asunto, o haberle prestado en los dos últimos años servicios profesionales de cualquier tipo y en cualquier circunstancia o lugar>>.
Porral indica que este membro do xurado ten relación de servizo con todos/as os aspirantes por ser o seu superior xerárquico. “Dáse a casualidade de que un dos aspirantes formou parte xunto a Vicente Ferrería do tribunal de acceso ás prazas de bombeiros; máis casualidades; tres dos aspirantes ían na mesma candidatura de eleccións sindicais no 2019 que Vicente Ferrería”.
Imparcialidade
Na CIG-Administración de Pontevedra entenden que se trata de “demasiadas casualidades”, ao tempo que consideran que “tampouco parece moi axeitado, máis ala de amizades ou enemizades persoais, que sexa un superior e compañeiro o que xulgue aos opositores/as ao posto”.
Ademais, dubidan da imparcialidade deste membro do tribunal á hora de corrixir os exercicios da fase de oposición, “pois como se expuxo traballa con eles/as todos os días, e por moi íntegros/as que sexamos sempre teremos preferencias por uns compañeiros/as ou outros/as”.
Por todo isto, instan o Concello de Pontevedra a “reflexionar” sobre que tipo de procesos selectivos quere levar a cabo e a modificar o tribunal, mentres que á persoa nomeada como xurado solicítanlle que renuncie “por vontade propia e coherencia” no caso de que non sexa cesada. “En caso contrario, e como até o de agora, vanse ter que xudicializar todos os procesos selectivos”, rematan.