Crise económica e desordes mundiais

Michel Husson - 16 Out 2018

O cadro da economía mundial tras dez anos de crises é sombrío: a Unión Europea está dividida, entre Brexit e ascenso da extrema dereita; a zona euro fracciónase; moitos dos chamados países emerxentes están sometidos a movementos erráticos de capitais; as débedas non deixaron de acumularse; as desigualdades agudízanse…

 Dez anos despois da creba de Lehmann Brothers, multiplícanse as contribucións en torno a dúas cuestións: Como ocorreu? e Pódese reproducir? Pero case todas están centradas nos movementos financeiros, pasados ou por vir. O punto de vista adoptado aquí é algo diferente, porque tenta identificar as raíces económicas das desordes mundiais. O seu fío condutor é o seguinte: o esgotamento do dinamismo do capitalismo e a crise aberta hai dez anos conducen a unha mundialización cada vez máis caótica, portadora de novas crises, económicas e sociais.

O capitalismo asfixiado

 O dinamismo do capitalismo baséase en última instancia na súa capacidade para obter melloras de produtividade ou, dito doutro xeito, en facer crecer o volume de mercadorías producidas nunha hora de traballo. Tras as recesións xeneralizadas de 1974-75 e 1980-82, as melloras de produtividade desaceleráronse tendencialmente. Pasamos do que algúns cualifican como a Idade de Ouro (para salientar o carácter excepcional deste período) ao capitalismo neoliberal, ameazado hoxe día por un estancamento secular. Durante este período, o capitalismo logrou a proeza de restablecer a rendibilidade malia a desaceleración das melloras de produtividade, como o mostra o gráfico 1(1).

Gráfico 1. Crecemento da produtividade do traballo

 

 Isto só foi posíbel grazas á freada case universal dos salarios, cuxa parte no conxunto da renda descende tendencialmente. E este resultado debeuse tamén a un conxunto de mecanismos que actúan uns sobre outros (mundialización, financeirización, innovacións tecnolóxicas, endebedamento), cuxas contribucións relativas sería inútil descompoñer. As desigualdades son parte integrante deste modelo coherente, aínda que a súa coherencia non podía ser duradeira(2). As contradicións deste modelo conduciron á crise de 2007-2008. A mundialización é desde logo un dos elementos esenciais deste modelo, pero a crise tivo o efecto de modificar as súas características.

O gran cambio do mundo

 A década anterior á crise caracterizouse polo ascenso dos chamados países emerxentes, e en particular China. Esta urxencia alcanzouse grazas a unha nova organización da produción, cuxos diferentes segmentos se reparten en varios países, desde a concepción á produción e distribución ao consumidor final. Estas cadeas de valor mundiais instauráronse baixo a éxida das empresas multinacionais, tecendo unha verdadeira rede que apreixa a a economía mundial. Hoxe en día, un smartphone é concibido, producido e comercializado por traballadores dos catro recunchos do mundo.

 Esta nova forma de mundialización serviu de escapatoria á crise de comezos dos anos 1980, abrindo unha reserva de man de obra de baixos salarios, acrecentada aínda máis tras o afundimento do socialismo real. Pero conduciu a un verdadeiro cambio da economía mundial, como mostra o reparto da produción manufactureira mundial (deixando separadamente a produción de enerxía): entre 2000 e 2018 aumentou un 62%, pero a case totalidade deste progreso se realiza nos chamados países emerxentes, onde máis que se dobrou (152%), mentres que progresou debilmente nos países avanzados (16%). Os países emerxentes realizan hoxe día o 42% da produción manufactureira mundial, fronte ao 27% en 2000 (gráfico 2)(3). Nalgúns países, como China e Corea do Sur, esta industrialización cada vez está menos confinada en industrias de ensamblaxe (téxtil ou electrónica) e rexístrase un ascenso de sectores de produtos de alta tecnoloxía, ata de bens de produción.

Gráfico 2. Produción industrial mundial : volumes

 

(En miles de millóns de dólares de 2010)

 A oposición entre países avanzados e emerxentes é, así e todo, un enfoque enganoso. A comezos de século, Rosa Luxemburg podía definir o imperialismo como "a expresión política do proceso da acumulación capitalista que se manifesta coa competencia entre capitalismos nacionais"(4). Nicolas Bukharin describía un "proceso de nacionalización do capital, é dicir, a creación de corpos económicos homoxéneos, encerrados nas fronteiras nacionais e refractarios os uns respecto dos outros"(5). Cada país imperialista partía entón á conquista do mundo, de aí a primeira guerra mundial, cualificada de inter-imperialista.

 Mais hoxe en día o mapa dos Estados e o dos capitais xa non coinciden. Hai que abandonar xa que logo a representación dunha confrontación asimétrica entre países imperialistas e países dependentes, e substituíla por un concepto de economía mundial estruturada segundo unha lóxica de desenvolvemento desigual e combinado levado a cabo polas empresas transnacionais.

Estados e capitais

 Desde o momento en que o mapa dos Estados e o dos capitais son cada vez máis dispares, hai que pensar doutro xeito as relacións que os manteñen. Desde logo, non desapareceron os lazos privilexiados entre tal multinacional e o seu Estado, e este intentará defender os intereses das súas industrias nacionais. O distanciamento vén máis ben do feito de que as grandes empresas teñen como horizonte o mercado mundial e que unha das fontes da súa rendibilidade reside na posibilidade de organizar a produción a escala mundial minimizando custos e localizando os seus beneficios nos paraísos fiscais. Non teñen ningunha obriga que as force a recorrer ao emprego doméstico, e as súas saídas están en gran parte desconectadas da conxuntura nacional do seu porto de enganche. Isto quere dicir que o débil crecemento do mercado interior dun país é soportábel para as empresas dese país, sempre que dispoñan de saídas alternativas no mercado mundial. A tarefa dos Estados, e isto é particularmente certo en Europa, xa non é defender os seus campións nacionais, senón facer todo o posíbel para atraer os investimentos estranxeiros ao seu territorio.

 Esta organización da produción mundial foi feita posíbel e construída por decisións políticas orientadas a derrubar todos os obstáculos a unha libre circulación dos capitais a través do mundo. Foi posta en marcha por institucións e tratados internacionais, e moitas veces imposta aos países dependentes en forma de plans de axuste estrutural.

 A mundialización conduce xa que logo a un entrelazamento de relacións de poder, organizadas no que podería chamarse unha dobre regulación contraditoria. Por unha banda, os Estados pretenden defender o seu rango na escala de potencias nacionais, garantindo ao mesmo tempo as condicións de funcionamento do capitalismo mundializado. Doutra banda, eses mesmos Estados deben conciliar os intereses diverxentes dos capitais orientados cara ao mercado mundial cos do tecido de empresas que producen para o mercado interior, e xestionar a conflitividade social interior.

 As relacións de poder económico están estruturadas hoxe en día en dous eixes: un eixe vertical clásico que opón aos Estados nacionais, e un eixe horizontal que corresponde á competencia entre capitais. As institucións internacionais funcionan como unha especie de sindicato de Estados capitalistas mais non existe hoxe nin ultra-imperialismo, nin goberno mundial. O capitalismo contemporáneo escapa pola contra a calquera verdadeira regulación e funciona de xeito caótico, dividida entre unha concorrencia exacerbada e a necesidade de reproducir un marco de funcionamento común. As prerrogativas do Estado-nación non foron suprimidas, ao contrario do que din algunhas teses unilaterais. Tratándose da economía mundial, hai unha que subsiste: o control das materias primas.

O dominio das materias primas

 A loita permanente polo acceso ás materias primas non cesou, e xera desequilibrios e conflitos. Pénsase evidentemente na enerxía: o petróleo, o uranio, etc. Habería que engadir as terras espoliadas(6) en beneficio da agricultura produtivista, a hidroelectricidade e a explotación mineira. O acceso ao auga xera tamén moitos conflitos rexionais.

 A mundialización ten como efecto desestabilizar a agricultura campesiña, xa sexa inzando o país con importacións de produtos alimenticios, ou polo acaparamento das terras. Ao mesmo tempo, o motivo de moitos investimentos internacionais é deslocalizar as producións máis contaminantes a países con lexislacións pouco esixentes. Todos estes mecanismos veñen ademais agravados polo cambio climático, de tal xeito que se pode avanzar a idea de que as transferencias en sentido amplo (residuos, contaminacións, requecemento, secas, choivas torrenciais, produtos agrícolas subvencionados, sementes baixo patente, fertilizantes e praguicidas) son "as causas dos exilios forzados"(7).

 Este cadro comporta, así e todo, o risco dun determinismo un tanto simplista que levaría a esquecer a articulación con outros factores sociais e políticos. Soster, por exemplo, que a guerra civil en Siria foi fomentada baixo man para preservar os intereses dos grandes grupos petroleiros, sería evidentemente moi redutor. Pero esta determinación -á que se engaden as vendas de armas- existe, como o mostra unha desacougante análise de dous economistas(8). Mostran que os períodos en que a taxa de ganancia dos catro maiores grupos petroleiros (BP, Chevron, ExxonMobil, Shell) descende por baixo da media das grandes empresas, son seguidas por un conflito, desde a guerra dos Seis Días até a terceira guerra do Golfo en 2014. Aínda que os autores conceden que a súa "historia de Oriente Medio é en gran parte unha fábula" e que "os dramas da rexión (…) teñen a súa propia lóxica específica", o seu artigo lembra a necesidade de combinar correctamente a vontade de dominación dos recursos e outras determinacións.

O esgotamento da mundialización

 A primeira década deste século estivo dominada por un eixe China/Estados Unidos (falouse de Chinamérica) funcionando cunha lóxica de complementariedade. Estados Unidos vivía a crédito cun déficit exterior financiado pola reciclaxe dos excedentes, sobre todo de China. Os investimentos en China en forma de joint ventures contribuían ao dinamismo da economía chinesa. Outros países integráronse nesta división internacional do traballo: os famosos emerxentes ou mesmo os PECO [países de Europa central e oriental: 11 países, aínda que moi heteroxéneos] con respecto a Alemaña. E desenvolveuse o eixe económico transatlántico entre Europa e Estados Unidos. Esta mundialización era eficaz desde o punto de vista do capital e toda a ideoloxía dominante se dedicou a gabar as súas vantaxes, a convencer da necesaria adaptación á concorrencia global, ou a brandir a ameaza das deslocalizacións.

 Agora parece coma se a última década, inaugurada pola crise de 2008, fixese aparecer aos poucos os límites desta organización. Aínda que non se pode falar de fin da mundialización, hai que salientar os signos manifestos dun esgotamento que parece duradeiro. O desenvolvemento das cadeas de valor mundiais viña motivado, non só pola procura de baixos custos salariais, senón tamén polo potencial dos países emerxentes en termos de melloras de produtividade. A súa ralentización no centro podía ser compensado polo seu dinamismo na periferia. Agora ben, un dos fenómenos máis rechamantes da última década é que o progreso da produtividade no Sur se desacelerou claramente. Nos países emerxentes, "o crecemento anual medio da produtividade global dos factores dividiuse por máis de tres, pasando de 3,5% (2000-2007) a un pouco máis de 1,0% (2011-2016)"(9). Este é sen dúbida o factor que contribúe a explicar a desaceleración espectacular do comercio mundial. Até daquela, progresaba dúas veces máis rápido que a produción nacional; hoxe aumenta ao mesmo ritmo.

 Unha das razóns é que China se desengancha das cadeas de valor: "as importacións de inputs destinados a ser reexportados representan xa menos do 20% das exportacións totais de mercadorías, fronte ao 40% durante os anos 90. Varios factores explican esta retirada: alza de salarios, reorientación cara a actividades de maior contido tecnolóxico, vontade dun mellor reparto dos froitos do crecemento, apreciación do tipo de cambio"(10).

 Deixando á parte China, podería mesmo falarse da fin da urxencia. Os outros países BRICS (Brasil, Rusia, India, Sudáfrica) non conseguiron superar duradeiramente, como o fixeron China e Corea do Sur, unha especialización inicial baseada no fornecemento de materias primas. Pierre Salama fala de "reprimarización"(11) no caso de Brasil e outros economistas mencionan unha desindustrialización precoz(12). Ademais, os países emerxentes están sometidos a movementos erráticos de capitais que inducen unha inestabilidade crónica dos seus balances exteriores e da súa moeda. Os recentes casos de Turquía e de Arxentina son un exemplo rechamante, pero poderían citarse tamén os países do sur de Europa, abandonados polas entradas de capitais.

Dislocación social

 A crise serviu de revelador doutro fenómeno -que as políticas de austeridade contribuíron a exacerbar-: a dislocación social procreada pola mundialización. Esta non foi nin «feliz» nin «inclusiva». Moitos estudos, mesmo procedentes de institucións internacionais como o FMI e a OCDE, sinalaron os seus efectos corrosivos, sendo o máis destacado a polarización dos empregos.

 En todos os países avanzados obsérvase o mesmo fenómeno: o emprego aumenta polos dous extremos. Nunha punta da escala progresan os empregos moi cualificados, na outra os empregos precarios; entre ambos, a clase media estáncase e as súas perspectivas de ascenso social esváense. Ao mesmo tempo, van a máis as desigualdades de rendas. A mundialización non é a única responsábel, e é moi difícil, senón imposíbel, extraela dun modelo de conxunto no que a financeirización e a posta en pé de novas tecnoloxías tamén teñen a súa parte, así como a relación de forzas entre capital e traballo.

 É a ocasión para lembrar que moitos países non son nin avanzados nin emerxentes, e que unha parte importante da poboación mundial vive en segmentos de países que son mantidos apartados da dinámica da mundialización capitalista. As liñas de fractura atravesan así as formacións sociais e contribúen á desestruturación das sociedades.

 Non é, polo tanto, sorprendente constatar a recente multiplicación de estudos sobre as desigualdades de rendas. Branko Milanovic, un dos especialistas mundiais nesta temática(13), resume así unha conclusión xa compartida: "As desigualdades de rendas medran no interior dos países, pero redúcense a nivel mundial co ascenso de China"(14). E este profundamento das desigualdades no interior dos países "inflúe sobre a estabilidade política dos Estados-nación".

 Ante este cuestionamento, as institucións internacionais entoan o seu mea culpa sobre o tema: faría falta redistribuír mellor as vantaxes da mundialización para a facer máis inclusiva. Pero este piadoso desexo é contraditorio cun dos resortes da mundialización, como é unha concorrencia fiscal exacerbada. O tipo medio de impostos sobre os beneficios nos países avanzados pasou do 44%, a comezos dos anos 1990, ao 33% en 2017, e até ao 27%, tendo en conta as medidas adoptadas por Donald Trump(15). E o movemento é mundial: o tipo medio descendeu tamén un terzo durante ese mesmo período(16).

 A contradición é patente: a atracción implica un descenso constante dos recursos fiscais que non poden, xa que logo, ser dedicados a unha redistribución que corrixa os efectos da mundialización para a facer inclusiva. Esta desfiscalización xeneralizada dos beneficios é a porta aberta á evasión fiscal, que reduce aínda máis os recursos dos Estados: o 40% dos beneficios das multinacionais foron localizados nos paraísos fiscais en 2015(17). O Estado social está minado desde o interior e non é sorprendente que a adaptación á economía mundializada vaia parella ao seu «adelgazamento». As funcións do Estado non son neutralizadas pola mundialización, son reorientadas: o Estado social convértese nun Estado antisocial que ten como prioridade a atracción e a competitividade da súa economía.

 A crecente desconfianza ante a Unión Europea pode ser interpretada tamén como o efecto de retorno da crise da mundialización, en tanto se considera cada vez máis ás institucións europeas guiadas por un proxecto de adaptación á lóxica da economía mundializada.

O efecto Trump

 A capacidade disruptiva de Donald Trump parece non ter límites pero as súas medidas proteccionistas non teñen en conta o xeito como funciona a economía de Estados Unidos, nin o entrelazamento actual dos capitais. Sobre o primeiro punto, un dos elementos esenciais de Chinamérica era permitir a Estados Unidos o descenso da taxa de aforro das economías domésticas (e xa que logo o crecemento do consumo), coa contrapartida dun importante déficit comercial financiado polos capitais procedentes do resto do mundo, en particular de China. Ademais, Donald Trump leva a cabo, con reducións de impostos, unha política expansionista que profunda o déficit. Un cáustico comentarista escribiu: "se existise un plan secreto para facer estalar o déficit comercial, pareceríase moito á actual política americana"(18).

 O que tampouco comprende a administración baixo a éxida de Trump é que o comercio mundial afecta principalmente a bens e servizos intermedios, cuxa parte é "case dúas veces máis importante que a dos bens e servizos destinados á demanda final"(19), como recordaba recentemente o director xeral do Banco de compensacións internacionais. No seu caso tratábase evidentemente de defender o libre cambio, pero a constatación corresponde á realidade.

 No caso de Estados Unidos, unha boa parte das súas importacións corresponden a investimentos estadounidenses en países como China ou México. Segundo o FMI, Estados Unidos posuía en 2015 o 44% do stock de investimentos directos realizadas en México, e a parte de exportacións chinesas cara aos Estados Unidos proveniente de empresas con participación estranxeira era un 60% en 2014(20).

 Non é, polo tanto, de estrañar que o mundo dos negocios estadounidense estea dividido e que moitos sectores teman o encarecemento da súas importacións de bens intermedios ou as medidas de represalia: "a inquietude suscitada polo impacto do proteccionismo do Sr. Trump non deixa de aumentar no conxunto da economía americana, onde moitas empresas se serven das cadeas de valor mundiais para conservar prezos baixos e beneficios elevados, e temen que este época poida chegar axiña á súa fin "(21). Así, un grupo de empresas presentou un recurso ante o tribunal de comercio internacional de New York para cuestionar a sobretaxa do 25% sobre as importacións de aceiro(22). As empresas punteiras da informática tamén criticaron os límites á inmigración, que podería reducir a captación de cerebros no seu favor.

 A política mercantilista de Donald Trump é incoherente. O déficit comercial de Estados Unidos corresponde contabelmente ao feito de que o aforro nacional non é suficiente para financiar o investimento interior, ao que vén engadirse o impacto do déficit orzamentario, agudizado polas reducións de impostos. Nestas condicións, o déficit non se vai reducir malia as taxas sobre as importacións, a menos que se reduza o consumo das economías domésticas, e xa que logo o crecemento de Estados Unidos(23). Na práctica, deberán seguir afluíndo as entradas de capitais do resto do mundo para financiar o déficit comercial. Pero isto supón que o papel do dólar como moeda de reserva non se vexa cuestionado. Agora ben, esta condición estaría ameazada se os que financian os Estados Unidos se visen disuadidos para posuír dólares, ben porque baixe o seu tipo de cambio, ou por mor das medidas agresivas tomadas na súa contra.

 As medidas de Trump afectan tamén a Europa e, xa que logo ao eixe, transatlántico, por exemplo cando renuncia ao proxecto de tratado -o Tafta (Asociación transatlántica de comercio e investimento)- que precisamente tiña como un dos seus obxectivos intensificar as relacións entre Estados Unidos e Europa, co fin de deixar de lado a China(24).

O novo despregamento chinés

 Se Donald Trump decidiu de forma manifesta acabar co eixe Estados Unidos/China, China pola súa banda está tamén emprendendo unha nova vía, baseada en tres principios. O primeiro é recentrar a súa economía cara ao mercado interior, o que está facendo moi progresivamente. Segundo eixe: o goberno chinés avanza o obxectivo dunha mellora da súa produción, co ambicioso programa Made in China 2025. Para rematar, China desenvolve o proxecto titulado «O cinto e a ruta»: trátase dun programa xigantesco de infraestruturas de cerca un billón de dólares, que afecta a máis de 60 países. O «cinto» une -por terra- China con Europa occidental vía Asia central e Rusia; a «ruta» é marítima e permitirá unir África e Europa polo mar de China e o océano Índico(25).

 Branko Milanovic ve niso un verdadeiro proxecto de desenvolvemento que rompe coas regras do consenso de Washington, segundo o cal: "abonda con privatizar, desregulamentar e liberalizar os prezos, os intercambios exteriores, etc., para que os empresarios privados aproveiten a ocasión, e o desenvolvemento chegará por si mesmo"(26). Podemos non compartir esta apreciación positiva, que subestima o enorme risco financeiro inflixido aos países afectados, como Paquistán ou Sri Lanka, ameazados polo sobreendebedamento. Para China é tamén sen dúbida a ocasión para aumentar a súa influencia sobre os países asociados, nunha lóxica que leva a algúns a falar dun “novo imperialismo chinés”(27).

 Pero non é menos certo que esta nova ruta da seda e o programa Made in China 2025 significan un redespregamento substancial da economía chinesa e unha nova estruturación da economía mundial. A OCDE é moi consciente diso e está preocupada insistindo "nos límites do que China pode facer por si soa" e suxerindo que "serán necesarias importantes contribucións dos países da OCDE", o que supón un "papel crecente dos mercados" e o reforzamento dos "dereitos de propiedade e da competencia"(28).

Populismo: a verdadeira herdanza da crise financeira

 A orde mundial anterior á crise está hoxe cuestionada polo avance -e o acceso ao poder- de forzas de extrema dereita defensoras dunha crítica da mundialización, que se reforzou coa crise. Un editorialista do Financial Times escribiu que "o populismo é a verdadeira herdanza da crise financeira mundial"(29).

 Desde logo, hai que evitar todo mecanicismo. Por exemplo, os países europeos máis afectados pola austeridade (Grecia, España, Portugal) quedan pouco afectados polo ascenso da extrema dereita, mentres que esta está no poder en Italia, Austria, Hungría ou Polonia. A afluencia de refuxiados durante os últimos anos xogou evidentemente un papel, pero este factor tivo tamén un impacto diferenciado segundo países. A fórmula alxebraica xeral combina os efectos do neoliberalismo e a xenofobia, pero en proporcións variábeis.

 Pódese citar neste sentido un estudo fascinante sobre os determinantes do voto a favor do Brexit(30). O autor parte do descenso nos gastos sociais entre 2010 e 2015. Como media é o 23,4%, pero varía moito dun distrito a outro (de 46,3% a 6,2%), o que permite deseñar un mapa da austeridade que pode compararse cos votos a UKIP (Partido para a independencia do Reino Unido) que coincide ademais cos votos a favor do Brexit en 2016. A relación entre ambos é moi estreita e o autor arríscase a afirmar que en ausencia de medidas de austeridade o Brexit sería minoritario. As cousas son, porén, máis complicadas, na medida en que os descensos de gastos sociais foron máis sinalados nos distritos máis afectados polos efectos do modelo neoliberal: desindustrialización, paro e polarización de empregos. As determinacións son polo tanto complexas, e aínda que o autor non fai xogar ningún papel á inmigración, a xenofobia non estivo ausente entre os argumentos de campaña a favor do Brexit.

 Un recente estudo(31) utiliza datos económicos e electorais que cruza cos resultados da European Social Survey, unha enquisa sobre opinións dos cidadáns. Establece que "as rexións que coñecen un aumento maior do paro son máis susceptíbeis a rexeitar os inmigrantes de base económica". A crise "modificou a opinión dos europeos sobre o impacto dos inmigrantes na economía, un efecto especialmente forte para as persoas máis afectadas polas consecuencias negativas da mundialización e as melloras tecnolóxicas". Os autores introducen así unha diferenza entre os "motores económicos e culturais do populismo": os seus resultados mostran que o rexeitamento aos inmigrantes ten un fundamento económico máis que cultural. Non hai correlación entre o paro e a percepción do papel dos inmigrados na vida cultural do país. É coma se os partidos de extrema dereita transformasen a base económica do rexeitamento aos inmigrados nun rexeitamento cultural» ou, dito doutra forma, unha xenofobia afirmada.

 Wolfgang Streeck fala dunha nova oposición entre as interpretacións "de esquerda" e "de dereita" da inmigración, que sería "ortogonal" ao conflito clásico esquerda-dereita entre traballo e capital(32). Para rematar, Patrick Artus "comprende o malestar social" dos asalariados dos países da OCDE e explícao por tres factores aos que se enfrontan: "desindustrialización e bipolarización do mercado de traballo; menor capacidade dos Estados para financiaren os gastos de protección social; descenso da parte dos salarios, coa competencia salarial e a elevada esixencia de rendibilidade do capital"(33).

Os malos tempos

 O cadro da economía mundial tras dez anos de crises é sombrío: a Unión Europea está dividida, entre Brexit e ascenso da extrema dereita; a zona euro fracciónase; moitos dos chamados países emerxentes están sometidos a movementos erráticos de capitais; as débedas, e sobre todo as débedas privadas, non deixaron de acumularse; a parte das riquezas creadas revertida a quen as crea diminúe case en todas partes, e as desigualdades agudízanse; o Estado social está minado pola concorrencia fiscal, etc. No canto de se reabsorberen, os efectos desta crise agraváronse. A razón de fondo é que non existe modelo que poida substituír o que entrou en crise hai dez anos, que sexa aceptaábel para a oligarquía mundial. Todos os principios de organización da economía mundial esfarélanse aos poucos, en particular baixo os violentos golpes de Donald Trump. Só China dispón dun programa coherente de reestruturación dunha parte da economía mundial no seu beneficio.

 Nestas condicións, moitos comentaristas anuncian xa unha nova crise (se cadra tamén para precaverse da súa cegueira dez anos antes) sen que ninguén poida dicir cal será o elemento desencadeante. Mais o desacougo dominante provén do feito de que xa non existen municións dispoñíbeis. Gordon Brown, o primeiro ministro británico no momento da crise, expresou moi ben este temor: "Cando se produza a próxima crise, descubriremos que non temos nin marxe de manobra fiscal ou monetaria, nin vontade de usala". E apunta o que sen dúbida é máis inquietante, "faltaranos a necesaria cooperación internacional"(34).

 Os instrumentos de coordinación perderon a súa esenca ou foron abandonados pola potencia aínda dominante. Xa non hai piloto da mundialización. O desafío climático implicaría, con todo, por natureza unha cooperación internacional, por non falar da bifurcación cara a outro modelo de desenvolvemento. Pero as desordes na economía mundial, as políticas hostís ao investimento público, e sen dúbida a lóxica inherente ao capitalismo, fan que esta perspectiva pareza traxicamente fóra do alcance hoxe en día.

___________________________________________________________________________________________________

Notas:

[1] Michel Husson, «Le ralentissement de la productivité mondiale», note hussonetn°126, 17 setembro 2018.

[2] Michel Husson, «Dix ans de crise … et puis Macron», A l’encontre, 25 agosto 2017.

[3] Source: CPB World Trade Monitor. Ver Michel Husson, «Les nouvelles coordonnées de la mondialisation», note hussonetn°125, 16 setembro 2018.

[4] Rosa Luxembourg, L’accumulation du capital, 1913.

[5] Nicolas Boukharine, L’économie mondiale et l’impérialisme, 1917 (extraits) ; Imperialism and World Economy.

[6] Michel Husson, «L’accaparement des terres, entre Monopoly et colonisation», L’Humanité-Dimanche, 9 agosto 2018.

[7] Nicolas Sersiron, «Les transferts négatifs sont les causes des exils forcés», CADTM, 22 agosto 2018.

[8] Shimshon Bichler et Jonathan Nitzan, «Energy Conflicts and Differential Profits: An Update», outobro 2014.

[9] Amandine Aubry et al., «Le ralentissement de la productivité dans les pays émergents est-il un phénomène durable?», Trésor-Econ° 225, xullo 2018.

[10] Christine Rifflart et Alice Schwenninger, «La Chine se normalise et son commerce devient ordinaire», OFCE, 12 xullo 2018.

[11] Pierre Salama, Les économies émergentes latino-américaines, Armand Colin, 2012.

[12] Fiona Tregenna, «Deindustrialization and premature deindustrialization», in E. Reinert et al. (eds.) Elgar Handbook of Alternative Theories of Economic Development, 2016.

[13] Branko Milanovic, Global Inequality. A New Approach for the Age of Globalization, 2016.

[14] Branko Milanovic, «Changes in the global income distribution and their political consequences», Oslo, agosto 2018.

[15] Patrick Artus, «Pourquoi la concurrence fiscale se fait-elle par la taxation des profits des entreprises et pas par les autres impôts» 28 agosto 2018.

[16] «Les taux d’impôt sur les sociétés dans le monde», La Lettre Vernimmen, n° 159 maio 2018.

[17] Thomas Torslov, Ludvig Wier, Gabriel Zucman, « The Missing Profits of Nations », vox.eu, 23 xullo 2018.

[18] Phil Levy, «President Trump’s ‘Secret Plan’ To Grow The Trade Deficit», Forbes, agosto 13, 2018.

[19] Agustín Carstens «Global market structures and the high price of protectionism», Bank for International Settlements, 25 agosto 2018.

[20] Mary E. Lovely, Yang Liang, «Trump Tariffs Primarily Hit Multinational Supply Chains, Harm US Technology Competitiveness», Peterson Institute for International Economics, maio 2018.

[21] James Politi, «US tariffs see small businesses plead for mercy as trade war bites» Financial Times, 24 agosto 2018.

[22] Elsa Conesa, «Acier: des industriels américains attaquent les surtaxes de Trump», Les Échos, 27 xuño 2018.

[23] Michel Husson, «Les limites (comptables) de Donald Trump», note hussonetn°123, 28 agosto 2018.

[24] Michel Husson, «Pourquoi il faut bloquer le Transatlantic Free Trade Area (TAFTA)», A l’encontre, 26 novembro 2014.

[25] Faseeh Mangi,« China’s Vast Intercontinental Building Plan Is Gaining Momentum », Bloomberg, 9 abril 2018.

[26] Branko Milanovic,«The west is mired in ‘soft’ development. China is trying the ‘hard’ stuff», The Guardian, 17 maio 2017. Nun chío, Milanovic engade este comentario cáustico: “penso que China ofrece algo concreto (estradas, camiños de ferro, pontes) mentres que a Unión Europea ofrece interminábeis conferencias dedicadas ao tema de moda onde os consultores da UE se embolsan os cartos da UE”.

[27] Alice Jetin-Duceux, «Les stratégies de la Chine à l’étranger», CADTM, xuño 2018. Robin Lee et al.,«China’s Overseas Expansion: An Introduction to its One Belt, One Road and BRICS Strategies», febreiro 2018.

[28] OCDE, Business and Finance Outlook, 2018.

[29] Philip Stephens, «Populism is the true legacy of the global financial crisis», Financial Times, 30 agosto 2018 ; «Le populisme est le véritable héritage de la crise financière mondiale», tradución de Gilles Raveaud, 6 setembro 2018.

[30] Thiemo Fetzer, «Did Austerity Cause Brexit?», University of Warwick, xuño 2018. Moitos estudos tentan establecer un vínculo entre austeridade e avance da extrema dereita. Un deles está dedicado ao ascenso do nazismo en Alemaña (Gregori Galofré-Vilà et al., 2017). Outros tratan da Alemaña contemporánea (Christian Dippel et al., 2015), sobre os Estados Unidos (David Autor et al., 2017) ou Suecia (Carl Melin et Ann-Therése Enarsson, 2018).

[31] Yann Algan, Sergei Guriev, Elias Papaioannou, Evgenia Passari, « The European Trust Crisis and the Rise of Populism », BPEA Conference Drafts, September 7–8, 2017.

[32] Wolfgang Streeck, «Between Charity and Justice: Remarks on the Social Construction of Immigration Policy in Rich Democracies», Culture, Practice & Europeanization, 2018, Vol. 3, Nº. 2.

[33] Patrick Artus, «Les évolutions inexorables des économies créent le malaise social», Flash CDC, 24 agosto 2018.

[34] Gordon Brown, «We are sleepwalking into another financial crisis»  BBC, 13 setembro 2018.

___________________________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 30 de setembro de 2018]