Crise dos refuxiados en Europa

Patrick Cockburn - 22 Set 2020

A vontade de se lanzar a novas guerras e mantelas no tempo sería menor se os dirixentes estadounidenses, británicos e franceses tivesen que pagar un prezo político polos seus actos. Por desgraza, os votantes non se dan conta de que o fluxo de refuxiados, ao que se opoñen moitos deles, é consecuencia dos inmensos desprazamentos causados por estas guerras no estranxeiro posteriores ao 11-S

 Sen ningunha consideración, os desesperados refuxiados que chegan amoreados en pequenos botes ás praias de seixos do sur de Kent son vistos como invasores. A pasado fin de semana manifestantes contra a inmigración explotaron eses medos e bloquearon a estrada principal cara ao porto de Dover para “protexer as fronteiras británicas”. Mentres tanto, o secretario do interior Priti Patel culpaba os franceses de non faceren nada por evitar o fluxo de refuxiados a través da Canal da Mancha.

 Os refuxiados atraen moita atención nas etapas finais, moi visíbeis, dos seus traxectos entre Francia e Gran Bretaña. Pola contra, por absurdo que pareza, existe pouco interese en coñecer por que soportan tantas penalidades e se arriscan á súa detención ou mesmo á morte.

 Existe en Occidente a suposición instintiva de que é perfectamente natural que as persoas fuxan dos seus propios estados fracasados (suponse que o fracaso deses estados foi causado pola súa propia violencia e corrupción) para buscar refuxio en países máis prósperos, ricos e seguros.

 Pero o que en realidade presenciamos na chegada deses botes de goma medio inundados que abanean arriba e abaixo na Canal da Mancha é a punta do iceberg dun tremendo éxodo de persoas provocado pola intervención militar de Estados Unidos e os seus aliados. Como resultado da súa “guerra global contra o terror”, declarada tras os ataques de Al Qaeda a Estados Unidos o 11 de setembro de 2001, non menos de 37 millóns de persoas se viron desprazadas dos seus fogares, segundo un informe revelador publicado esta semana pola Brown University.

 O estudo, que forma parte dun proxecto titulado “Os custos da guerra”, é o primeiro en calcular os movementos masivos de poboación causados pola violencia utilizando os datos máis recentes. Os seus autores conclúen que “polo menos 37 millóns de persoas fuxiron dos seus fogares polas oito guerras máis violentas que o exército de Estados Unidos iniciou ou nas que participou desde 2001”. Desta cifra, polo menos 8 millóns son refuxiados que fuxiron fóra do seu país e 29 millóns son desprazados internos. As oito guerras examinadas no informe son as de Afganistán, Iraq, Siria, Iemen, Libia, Somalia, noroeste de Paquistán e Filipinas.

 Segundo os autores do estudo, o desprazamento de poboacións provocado polas guerras posteriores ao 11-S apenas ten precedente. Comparan as cifras dos últimos 19 anos coas de todo o século XX para concluír que só a Segunda Guerra Mundial provocou un maior desprazamento de masas. Doutro xeito, os desprazamentos post-11-S superan os producidos pola Revolución Rusa (6 millóns), a Primeira Guerra Mundial (10 millóns), a partición da India e Paquistán (14 millóns), a partición de Bengala e creación de Bangladesh (10 millóns), a invasión soviética de Afganistán (6,3 millóns) e a Guerra de Vietnam (13 millóns).

 Os refuxiados só son visíbeis ao que cruzan unha fronteira internacional, pero os desprazados internos son moito máis difíciles de seguir, malia seren tres veces e media máis numerosos. Poida que se despracen múltiples veces en función das flutuacións dos perigos aos que se enfrontan. En ocasións regresan ás casas, só para descubrir que foron destruídas ou que os seus medios de vida desapareceron. Con frecuencia deben escoller entre o malo e o peor cando cambian as frontes de batalla, o que os obriga a unha existencia nómade no seu propio país. O Consello Noruegués para os Refuxiados sostén que “practicamente todos os somalís foron desprazados pola violencia polo menos unha vez na súa vida”. En Siria hai 5,6 millóns de refuxiados, pero tamén 6,2 millóns de desprazados con familias malnutridas que loitan por sobrevivir.

 Algunhas destas guerras foron iniciadas como consecuencia directa do 11-S, especialmente en Afganistán e en Iraq (aínda que Saddam Hussein non tiña nada que ver con Al Qaeda nin coa destrución do World Trade Centre). Outras, como a que asola actualmente Iemen, foron iniciadas por Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e outros aliados en 2015. Pero non podería terse iniciado nin continuar cinco anos devastadores sen a tácita luz verde de Washington. Dado que o 80 por cento da poboación iemení sofre grandes necesidades, a única razón pola que non hai máis refuxiados é que se atopan atrapados en Iemen polo bloqueo saudita.

 A vontade de se lanzar a novas guerras e mantelas no tempo sería menor se os dirixentes estadounidenses, británicos e franceses tivesen que pagar un prezo político polos seus actos. Por desgraza, os votantes non se dan conta de que o fluxo de refuxiados, ao que se opoñen moitos deles, é consecuencia dos inmensos desprazamentos causados por estas guerras no estranxeiro posteriores ao 11-S.

 Siria superou a Afganistán en 2013 como país do mundo orixe de máis refuxiados. Mentres a violencia e o colapso económico continúen, o número de sirios forzados a fuxir dos seus fogares non parará de aumentar. Unha característica común ás oito guerras post-11-S é que ningunha delas terminou, malia anos de combate inconcluso. Por iso a cifra de desprazados é moito maior que a dos conflitos extremadamente violentos pero moito máis breves do século XX. A natureza interminábel destes conflitos actuais parece ser parte da orde natural das cousas, pero iso non é así en absoluto.

 As potencias estranxeiras pretenden estar traballando incesantemente para acabar con estas guerras, pero só buscan a paz nos seus propios termos. En Siria, por exemplo, o presidente Bashar al-Ásad, con forte apoio de Rusia e Irán, gañou militarmente a guerra en 2017-2018. En calquera caso, pasou moito tempo desde que os EUA e Occidente desexaban realmente desfacerse de Assad porque temían que fóra a ser substituído por movementos como o ISIS ou Al Qaeda.

 Pero Washington e os seus aliados tampouco querían que Assad, Rusia e Irán obtivesen unha contundente vitoria, así que deixaron que o se alongase un conflito no cal os sirios son miserábel carne de canón. Similares cálculos cínicos sobre o custo de permitir que o outro lado obteña unha clara vitoria mantiveron activas as outras guerras, sen ter en conta o inmenso custo humano.

 Estados Unidos non é o único responsábel destes conflitos e o desprazamento de masas que producen. A escusa pública para a guerra de Libia, iniciada por británicos e franceses co apoio de Washington en 2011, foi a de salvar o pobo libio de Muamar el Gadafi. En realidade serviu para entregar o país a señores da guerra e gánsteres asasinos que converteron o país na porta de saída a través da cal os inmigrantes do norte de África intentar chegar a Europa.

 Mesmo líderes tan parvos como David Cameron, Nicolás Sarkozy e Hillary Clinton deberían prever as desastrosas consecuencias políticas destas guerras. Xeraron unha inevitábel vaga de refuxiados e inmigrantes que deu impulso á extrema dereita xenófoba de toda Europa e que foi un factor decisivo no referendo do Brexit de 2016.

 En Gran Bretaña, a chegada de refuxiados e inmigrantes aos acantilados de Calais volveu converterse en tema candente da actualidade política. No outro extremo de Europa, os migrantes dormen ao raso xunto ás estradas de Lesbos tras o incendio do campamento no que vivían.

 Estas vagas de migración -e a reacción violenta antiinmigrantes que tanto envelenou a política europea_ non terminarán mentres haxa 37 millóns de persoas desprazadas debido a oito guerras.

 E iso só ocorrerá cando se poña fin ás propias guerras, como debería ocorrer hai xa tempo, e as vítimas dos conflitos post-11-S deixen de crer que calquera país é mellor para vivir que o seu propio.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 19 de setembro de 2020]