Cos resultados definitivos, a CIG-Ensino acada, con 9.765 votos, o seu teito electoral e reforza a súa maioría
O respaldo unánime á CIG-Ensino, nunhas eleccións cunha participación superior ao 70% do censo composto por 33.068 docentes, garante durante catro anos máis a firmeza e a defensa dos dereitos do profesorado fronte á política de recortes e á burocratización imposta polo goberno da Xunta. Ademais, ao ser o sindicato máis representativo en Galiza seguirá contando con presenza en todos os órganos de decisión (Mesa Xeral das Administracións Públicas e Mesa sectorial docente) e consultivos (Consello Escolar) do Estado erixíndose como única voz do profesorado e do ensino público galego nos mesmos.
A CIG-Ensino quere agradecer non só o enorme apoio ao sindicato nestas eleccións senón a elevada participación, superior ao 70%, moi por riba da medida do estado e que, sen dúbida, reforza o logro dunha maioría tan cualificada.
Co 100% dos votos escrutados en todas as provincias e a correspondente proclamación oficial dos resultados, confírmanse os resultados históricos acadados pola CIG-Ensino nas eleccións sindicais celebradas o pasado 1 de decembro e que son froito, sen dúbida, do traballo inquebrantábel durante os últimos 4 anos de defensa do profesorado e do ensino público nun contexto caracterizado polos recortes da Xunta, a pandemia, os cambios lexislativos do goberno central, o incremento da burocracia e da diversidade nas aulas e os ataques contra o galego.
Os 9.765 votos acadados polas candidaturas conformadas por preto de 1.000 docentes de todas as etapas e niveis educativos e tipos de ensinanzas non universitarias, duplicando os obtidos pola segunda organización sindical, nunhas eleccións nas que ademais a abstención foi moi baixa, algo menos do 30%, supón un reforzo do modelo combativo, libre, democrático e plural que representa a CIG-Ensino e supón unha mensaxe clara do profesorado á administración galega.
Fartura coas políticas da Xunta
Como aconteceu nas distintas mobilizacións promovidas a iniciativa da CIG-Ensino nos centros e nas rúas durante os últimos anos, o profesorado amosa a súa fartura con respecto ás políticas da Xunta e opta por reforzar en número de delegados e delegadas, pasando de 60 a 67, a representación do sindicato nacionalista nas Xuntas de Persoal provincial. Este incremento é o maior experimentado entre dous comicios por parte da CIG-Ensino.
Con todo, a CIG-Ensino quere poñer o acento non tanto na cifra final de representantes electos senón nunha tendencia clara e firme, consolidada no tempo, da referencialidade e hexemonía da CIG-Ensino entre o profesorado galego.
Isto implica que tanto o modelo sindical que a CIG representa como as propostas que defende teñen un forte arraigo entre o persoal docente galego e que, con independencia do reparto final de delegados e delegadas, existe unha determinación incontestábel: o sindicato consegue practicamente o mesmo apoio que a suma de todos os demais sindicatos con representación.
Os datos son contundentes tanto en número de votos (608 máis con respecto a 2018, superando os 9.157 conseguidos hai 6 anos), como de porcentaxe (o 46% do voto ao total das candidaturas con representación) ou de representación (pasando de 60 a 67 delegadas electas nas Xuntas de Persoal provincial).
Maioría absoluta na mesa sectorial
Na Mesa Sectorial docente, o órgano onde se negocia todo o relativo á xestión do persoal e á ordenación académica a nivel galego, a CIG-Ensino segue ostentando a maioría absoluta con 8 representantes, que suman máis que os das outras tres organizacións xuntas (hai que ter en conta que UGT entra na Mesa malia non acadar o 10% dos votos necesarios por ter condición de sindicato máis representativo a nivel do Estado). De non se ter en conta esta condición da UGT, a CIG-Ensino acadaría 9 postos de 15 representantes, por seis dos demais sindicatos (4 CCOO e 2 de ANPE).
De novo a Consellaría de Educación debería tomar nota do recado que mandan estes resultados e aceptar negociar a recuperación dos dereitos roubados nos últimos anos a respecto das ratios, do horario lectivo e das retribucións do profesorado, demandas nas que a CIG-Ensino se mantivo firme e non aceptou acordos miserentos por non volver ás condicións que tiñamos antes da chegada de Feijóo á Xunta.
Medra o apoio en todas as provincias
Pero se a nivel nacional os datos son incontestábeis tamén a nivel provincial a CIG-Ensino crece en número de votos, acadando os mellores resultados até o momento en todas elas. Consegue a maioría absoluta na Coruña (incrementando a representación até acadar as 26 delegadas) e mantena en Pontevedra (con 22 representantes na Xunta de Persoal), sobe en Lugo pasando de 10 a 11 delegadas e en Ourense supera o seu resultado de hai catro anos tanto en votos como representantes, chegando a 8 delegadas e delegados dun total de 27.
A forza sindical líder en todo tipo de centros e ensinanzas
A CIG-Ensino gaña e supera amplamente a todas as organizacións sindicais en todo tipo de centros e ensinanzas cuns resultados que coinciden coa tendencia xeneralizada.
En centros de infantil, primaria e educación especial (EEI Educación Infantil, CRA, CEIP, CEP e CEE) obtén 3.828 votos. Nos Institutos de Educación Secundaria suma un total de 4.225 votos. En Centros Públicos Integrados tamén obtén un amplo respaldo con 812 votos. Nos CIFP amosa o seu carácter hexemónico con 522 papeletas e é a forza máis votada con moita diferenza sobre a seguinte nos distintos centros que imparten ensinanzas artísticas e de réxime especial con 83, Conservatorios con 97, Escolas Oficiais de Idiomas, con 118.
Os datos, revisados centro a centro, arroxan unha conclusión moi relevante: a CIG-Ensino gaña as votacións en 594 mesasdun total de 873 (68%) e empata como forza máis votada con algún outro sindicato noutras 47. Isto é, fomos a primeira opción do profesorado en tres de cada catro centros educativos.
A seguinte forza sindical en número de mesas nas que consegue ser a máis votada(CCOO), gaña no 18%das mesas, ANPE no 3%, UGT e CSIF en menos do 2% e STEG en menos do 1% das mesas. Se as normas que regulan as eleccións sindicais primasen o centro e non a provincia dispararíase tanto o número de representantes da CIG como a propia porcentaxe de representación.
Estes datos non fan máis que reafirmar o profundo compromiso de todo o profesorado galego, sen excepción, na defensa do ensino público. Un colectivo que ve como as súas demandas de maior dotación de persoal, sobre todo para atender a cada vez maior diversidade, heteroxeneidade e problemáticas de diversa índole que hai nas aulas, caen en papel mollado con amortización de xubilacións, supresión de desdobres, redución de cadros de persoal, peche de unidades e centros, redución de cotas de profesorado e aumento das itinerancias e da impartición de afíns.
Fiel ao servizo do profesorado
Todas estas problemáticas, unidas ao clamor da comunidade educativa de reducir as ratios e a recuperación do horario lectivo e dos dereitos salariais que nos foron roubados nos últimos anos van ser o eixo fundamental da acción sindical da CIG-Ensino que agradece e recolle a confianza depositada da única forma que entende o sindicalismo: manterse fiel ao servizo do profesorado e sen prebendas, adoptando unha posición coherente en cada un dos conflitos que afectan a diversos colectivos e acollendo a todo o persoal docente, sen exclusións, sexa cal sexa a etapa na que imparte ou a súa situación administrativa, nas súas reclamacións e demandas.
Ao teu carón no día a día e nos órganos de negociación
Os resultados da CIG-Ensino, xa nunha perspectiva máis práctica, vanlle permitir seguir podendo exercer o sindicalismo de proximidade que caracterizou desde sempre a este sindicato, mediante a atención continua dos seus locais, manter o modelo de permanencia constante nos centros coa celebración de asembleas periódicas nas que sobre todo se pretende escoitar o profesorado, levar a cabo outro tipo de asembleas centradas nos principais procedementos que teñen lugar ao longo do curso (CXT, Oposicións, CADP...) pero tamén sobre calquera tema de actualidade que así o requira; múltiples actividades de formación e de innovación pedagóxica, unha estratexia de comunicación áxil tanto coa afiliación como con todo o profesorado e adaptada aos tempos actuais, con información constante na web e nas redes sociais, atendendo sempre á filosofía de estar onde o profesorado nos precise.
Mais, como é obvio, o sinal de identidade dun sindicato é loitar e defender os dereitos laborais do profesorado. E nesa liña a CIG-Ensino seguirá promovendo distintas campañas e mobilizacións até acadar melloras para o colectivo, ao igual que insistirá na necesidade de derrogar o Decreto do Plurilingüismo e outras medidas lesivas para o galego que están a converter o ensino nun dos principais elementos desgaleguizadores da nosa sociedade.
A nivel de representación, a Consellaría de Educación debe tomar nota de que durante 4 anos máis, e goberne quen goberne, a posición da CIG-Ensino vai ser firme e tenaz na Mesa Sectorial, tanto na da administración pública galega como sobre todo na docente, e que non descarta tomar todas as medidas que sexan precisas para acadar melloras laborais para o profesorado e para a calidade da atención educativa do noso alumnado.
Por último, e non menos importante, as particularidades de Galiza tanto no que ten a ver coa nosa ordenación académica, como coa xestión de centros e persoal, como en materia de currículos van estar representadas pola voz da CIG-Ensino nos órganos de representación do Estado, nomeadamente na Mesa docente estatal na que estes últimos anos se aprobaron novas leis educativas que supuxeron cambios de máis ou menos de calado para o profesorado.
Malia que o obxectivo da CIG-Ensino é contarmos cun Estatuto docente galego e cunha Lei galega de Educación que permitan que como galegas e galegos teñamos todo o protagonismo á hora de decidir tanto sobre as nosas condicións de traballo como na regulación das ensinanzas que impartimos, seguiremos teimando por levar as nosas problemáticas a todos aqueles ámbitos nos que, de non ser pola nosa presenza, a representación do profesorado galego quedaría totalmente anulada, como se pode comprobar coa nula atención que lle prestan as organizacións sindicais estatais ao que acontece no noso sistema educativo.