Correos reforza o servizo de reparto en Lalín, mais o persoal segue coas protestas ao consideralo insuficiente
Correos vén de reforzar o servizo de reparto en Lalín tras unha semana de mobilizacións do persoal convocadas pola CIG, que continuará coas protestas ao consideralo insuficiente, sen descartar paros ou xornadas de folga.
Hoxe venres rematou a primeira semana de concentracións do persoal da unidade de reparto de Lalín, que abrangue os concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada. Correos reforzou o reparto coa formalización dun contrato na quenda de mañá e outro na de tarde, sendo medida que os traballadores/as consideran “claramente insuficiente” a pesares de que a maiores tamén se incorporou un dos empregados que se atopaba de baixa.
Insisten na dificultade de ter que afrontar a campaña electoral con catro efectivos menos na unidade durante a quenda de mañá, e que esta situación de falta de persoal vaise repetir de novo unha vez que remate a campaña “xa que Correos tomou a decisión de non realizar ningunha contratación para substituír as persoas en situación de IT, como xa demostrou na pasada campaña de Nadal, co reforzo do servizo só nesas datas”.
Por iso apostan por continuar coas mobilizacións para facer visíbel a problemática que están a padecer e para reclamar unha solución. Neste senso, non desbotan mesmo a posibilidade de convocar paros ou incluso xornadas de folga nos próximos días.
Finalmente, José Blanco Pichel, da CIG-Correos de Pontevedra salienta a unidade que está a amosar a maioría dos traballadores/as diante do que consideran unha “inxustiza” e un “desleixo” por parte da xefatura, “que sempre se aproveita do sobreesforzo que fai o persoal nestes casos; porque a fin de contas son os carteiros/as os que están en contacto coa veciñanza e son a cara visíbel e a imaxe da empresa, e sobre eles/as recae a responsabilidade do reparto”.