A CIG-Correos denuncia as condicións nas que o persoal da Unidade de Reparto de Coristanco ten que desenvolveu o seu traballo a causa das altas temperaturas rexistradas no interior das oficinas. Malia as peticións a este respecto e os evidentes riscos para a saúde das traballadoras e traballadores, a empresa postal segue sen adoptar medidas preventivas eficaces.
Tras os escritos presentados pola CIG hai máis dunha semana, nos que se solicitaba tanto a contratación de persoal como a adopción urxente de medidas para combater a calor no actual local, Correos limitouse a cubrir unha baixa médica, sen dar resposta ao resto das peticións formuladas polo sindicato.
As medicións realizadas no propio centro de traballo durante os diferente días desta semana, rexistraron temperaturas de 27,2 ºC ás 08:55 horas e 29,6 ºC ás 14:41 horas, superando o límite de 27ºC estabelecido para oficinas no Real Decreto 486/1997 sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo.
Segundo trasladan as propias traballadoras, Correos comunicou que non dispón de ventiladores en Galiza e que deben solicitarse aos servizos centrais en Madrid. Mentres tanto, a única indicación facilitada pola empresa consiste en recomendar que, cando a temperatura supera os 27 ºC, o persoal abandone o posto de traballo durante dez minutos para saír á rúa e respirar.
Para a CIG, esta resposta evidencia a absoluta falta de planificación preventiva “dunha empresa que coñece perfectamente a situación, foi advertida formalmente pola representación sindical e, malia iso, continúa sen adoptar medidas eficaces para protexer a saúde das persoas traballadoras”.
Recomendacións improvisadas
A organización sindical lembra que o centro de Coristanco está situado nun local baixo cuberta, sen aire acondicionado nin sistemas de refrixeración adecuados, circunstancia que agrava os efectos das vagas de calor e converte a prestación do servizo nunha actividade especialmente penosa durante os meses de verán.
Ademais, a CIG denuncia que segue sen recibir contestación oficial de Correos sobre as medidas preventivas adoptadas nin sobre a previsión de traslado ao novo local, a pesar dos requirimentos remitidos á empresa nos últimos días.
A sección sindical considera inaceptábel que unha empresa pública pretenda afrontar un risco laboral evidente “con recomendacións improvisadas en lugar de aplicar medidas preventivas reais, como esixe a lexislación en materia de prevención de riscos laborais”.
Por todo isto, a CIG-Correos esixe a implantación inmediata de sistemas de ventilación ou refrixeración adecuados mentres non se produza o traslado ás novas instalacións e advirte que, de persistir esta situación, presentará nos vindeiros días a correspondente denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social.