Correos négalle á CIG información sobre os listados das bolsas de contratación de 2022
Correos denegoulle á representación da CIG documentación sobre os listados das persoas admitidas e excluídas das bolsas de emprego temporais 2022, vulnerando así o acceso á información aos delegados e delegadas que está recollido na Lei Órganica de Liberdade Sindical e no ET. A representación da CIG vén de remitir un novo escrito á dirección Noroeste da empresa postal reiterando a solicitude e lembrándolle as responsabilidades legais en caso de non atender dita petición.
Ao contrario do acontecido en procesos anteriores (como o do ano 2017 e a actualización feita en 2018), nesta ocasión Correos non fixo público o listado de persoas admitidas e excluídas das bolsas de emprego destinadas á cobertura temporal de postos operativos na provincia da Coruña. Esta ocultación, subliña o delegado sindical da CIG, Fernando Novás, ademais de vulnerar a lexislación, "impide a transparencia e a información sobre o proceso de contratación temporal de Correos".
Un proceso que, engade, é complexo e de difícil discernimento, polo que a falta de información "impide totalmente que tanto os traballadores e traballadoras como a representación do persoal poidan vixialo e fiscalizalo, dando pé a posibles adxudicacións arbitrarias dos contratos temporais con total impunidade".
Neste senso, Novás salienta o gran número de contratos temporais realizados durante o período de vixencia das bolsas anteriores (de 2017 a 2022), que ascende a 17.271 só na provincia da Coruña. "E non son poucas as consultas, reclamacións e demandas que no pasado recente se tramitaron precisamente pola presunta adxudicación irregular de contratos temporais, mesmo cos listados publicados".
Para non facilitar esta información, Correos alega que a CIG non é parte asinante do III Convenio Colectivo e polo tanto non participa na Comisión provincial de emprego, marco no que a empresa di que fixo entrega da documentación sobre as contratacións. "Pero Correos non pode denegarlle á CIG os listados das bolsas 2022 por non asinar o convenio colectivo nin a redacción das bases poden, en ningún caso, excluírnos do dereito á información pública e de interese para os traballadores e traballadoras que nos atribúe a lei", asevera o delegado da CIG.
Fernando Novás denuncia que este proceder vulnera a Lei de Liberdade Sindical, o Estatuto das persoas traballadoras e mesmo a Lei de Transparencia, xa que limita o acceso á información non só ao delegado sindical da CIG, senón tamén a todo aquel persoal representado pola central nacionalista. Unha discriminación que reviste maior gravidade por canto estamos ante un proceso de acceso a postos de traballo nunha empresa pública.
Por iso, no escrito remitido ao Xerente de Persoal e Relacións Laborais da Área Noroeste de Correos, Sr. Cadillo, tamén se demanda "a apertura de expediente disciplinario, co fin de depurar responsabilidades, da persoa ou persoas que puideran ter incorrido nun presunto trato discriminatorio á CIG na provincia da Coruña e ás persoas afiliadas a esta central sindical, así como pola ocultación de información ás persoas que participaron no proceso selectivo".