Correos elimina o único rexistro que quedaba en Galiza e non contratará persoal este verán
Delegadas e delegados da CIG-Correos concentráronse esta mañá diante do edificio da entidade na rúa do Franco, en Compostela, para denunciar a supresión do rexistro de Santiago, o último que quedaba e Galiza. Lembran que o rexistro é un canle de comunicación entre empresa e traballadores/as e que agora para dirixirse ou tramitar de forma oficial calquera solicitude deberán gastar os cartos nun envío por procedemento administrativo. Consideran que esta decisión discrimina ao persoal de Galiza respecto do de outras comunidades autónomas, nas que si hai rexistro.
Xunto a isto, as delegadas e delegados denunciaron que o recorte de servizos, debido á falta de contratación, se verá agravado este verán. Segundo explica John Vivanco, responsábel nacional do sector, “a empresa escúdase na baixada do volume de traballo e tamén na dificultade de realizar contratos coa reforma laboral. Escusas para non cubrir as prazas vacantes, nin contratar por baixas, vacacións ou por calquera outra circunstancia”.
O resultado é, segundo Vivanco, que “vemos barrios sen repartir e a carteiros multiplicándose por varias seccións de reparto coa conseguinte mingua na calidade do servizo”. Fronte a isto denuncia que Correos gasta centos de miles de euros en propaganda duns servizos de banca, pago de tributos ou venda de produtos, entre outros, “que logo non se poderán realizar por falta de persoal e nalgúns casos tamén pola falta de produtos nas oficinas”.
Medre da precariedade
O precario mantemento na flota de vehículos de correos (rodas gastadas, pantallas das motos raiadas, limpa parabrisas en mal estado…) é outra das eivas que, segundo denuncia a CIG-Correos, están a sufrir diariamente os traballadores/as de Correos, ademais do mal funcionamento dos sistemas informáticos nas oficinas e no reparto (PDA) que se bloquean acotío xerando colas e queixas nos usuarios e usuarias destes servizos.
Xunto a isto Vivanco cuestiona o exceso de xefaturas. “Cada vez son máis en comparación ao número de postos base”, afirma e engade que “recentemente nomearon a outros mil postos de xefatura co que xa van preto dos 10.000”.
En canto a retribucións económicas o colectivo de traballadores/as de Correos tamén sofre unha considerable perda de poder adquisitivo acumulada, neste caso, desde o ano 2011 con conxelacións salariais e subas por debaixo do IPC, sumado á non actualización do suplido por achega de vehículo para o persoal rural e á penalización e descontos nas baixas ao persoal laboral.
A isto Vivanco engade a falla de transparencia nas bolsas de contratación, outro dos problemas que arrastra a empresa, “pois non son accesíbeis para os candidatos/as que as compoñen, impedindo así o control das mesmas ou posíbeis chamamentos indebidos. Non se pode saber quen están na bolsas e o máis grave é que nin sequera o saben os propios integrantes das bolsas”.
Diante desta situación desde a CIG-Correos denuncian que o persoal “está farto de tanta presión e de esixencias de obxectivos de venda” e exixe “poder traballar en condicións dignas” ademais da equiparación de dereitos co resto do persoal da administración xeral do Estado, recuperación do poder adquisitivo, incremento do suplido por aportación de automóbil e un catálogo de enfermidades profesionais, entre outros.