Correos desmente, en resposta á CIG, calquera intención de mercar Unipost
Correos vén de desmentir, en resposta a unha pregunta formulada pola CIG, “calquera tipo de rumor que poida existir acerca da compra de Unipost S.A. pola Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A”. O sector de Correos da CIG-Administración dirixiuse por escrito ao presidente da compañía responsábel do Servizo Postal Universal (SPU) para informarse da veracidade e fundamento dos rumores que, dende o pasado outubro, están difundindo varios medios e organizacións sindicais, sobre unha operación de gran calado no sector postal español, afirmando o interese da empresa estatal Correos en mercar a Unipost e absorber os 2.400 traballadores/as desta.
Estes rumores, explica o secretario de Organización da CIG-Correos, John Vivanco, están a crear intranquilidade entre o persoal de Correos e “falsas” expectativas as traballadoras e traballadores de Unipost. De aí que a central sindical, preocupada polo futuro da empresa estatal e o acceso e consolidación do persoal eventual da compañía, e co ánimo de aclarar e tranquilizar o persoal de ambas as dúas empresas, se dirixira ao presidente da compañía postal.
Tamén explican dende a CIG-Correos que unha operación desa envergadura “podería poñer en perigo o equilibrio da xa depor si inestábel situación da empresa estatal, suxeita sempre aos cambios de rumbo do goberno, marcados por non se sabe que criterios”.
Consolidación de emprego
A este respecto, Vivanco apunta que a absorción de 2.400 postos de traballo de Unipost, como demandan CCOO e UGT, “anularía as posibilidades de consolidación de emprego do importantísimo colectivo de persoal temporal de Correos, que leva anos con contratos en precario, cubrindo e encubrindo a necesidade real de prazas nos servizos operativos de Correos (persoal de reparto, clasificación e atención ó público) e conseguindo sacar adiante, xunto co persoal fixo, o servizo postal día a día, a pesar das dificultades engadidas da temporalidade/eventualidade.
A isto hai que engadir a “inasumíbel ausencia” de probas de acceso suxeitas aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que dende CIG sempre se esixiu para a Administración e empresas con capital público.
O sector de Correos da CIG solidarízase cos traballadores e traballadoras de Unipost, ofrécelles reunirse para compartir información, traballar en común e formular posíbeis colaboracións, aínda que entende “que a solución para este persoal non pasa por 'desvestir un santo para vestir outro'”.