Correos de Lavacolla denega as horas de descanso ao persoal que forme parte dunha mesa electoral
A CIG-Correos denuncia que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos está denegando continuamente en todos os procesos electorais o permiso electoral de 5 horas de descanso no día inmediatamente posterior da celebración da xornada electoral para aqueles traballadores ou traballadoras de nocturno do CTA de Lavacolla que forman parte dunha mesa eleitoral.
Por iso vén de poñer esta circunstancia en coñecemento da Delegación do Goberno para que se diten as ordes oportunas, a fin de que se garanta a todo o seu cadro de persoal o desfrute do permiso electoral por formar parte dunha mesa electoral.
A este respecto o secretario de Organización de CIG-Correos, Manuel Anxo Alvarez Amado, lembra que a Xunta Electoral Central recolle, no relativo a “permisos de traballadores designados membros de Mesa”, que “no caso de traballadores con horario nocturno, a quenda de noite que comeza o día da votación compútase como xornada laboral do día electoral, ao tempo que o dereito de redución de cinco horas da xornada de traballo pode exercerse na quenda de noite seguinte do traballador, sempre e cando esta quenda se inicie o día inmediatamente posterior ao das eleccións”.