Coronacrise e libre comercio

Luciana Ghiotto - 13 Ago 2020

Se algo fixo a globalización, ou o proceso de internacionalización do capital, foi reducir ou eliminar as barreiras para dar vía libre ao capital. O mundo enteiro foi convertido nun único mercado baixo a lóxica da acumulación capitalista.

A fondura da crise que estamos a vivir é innegábel. Os diagnósticos son abondosos e apuntan cara a unha crise do capitalismo, crise financeira, crise ecolóxica e climática, crise sanitaria, crise das institucións globais, entre outros modos de comprendela. Sen dúbida, unha das formas máis espectaculares que colleu esta crise é baixo a súa forma financeira; en xaneiro de 2020, co crecemento de casos de coronavirus en China, os posuidores de bonos fixeron unha venda masiva, xerando alerta nos mercados financeiros globais, chegando até o abalar de principios de marzo. A expansión da débeda en anos recentes foi exponencial, desde o ano 2017 houbo un novo crecemento nas emisións de débeda pública nas economías máis avanzadas, superando o nivel da débeda pública na segunda posguerra[1]. Fronte a este novo terremoto no sistema financeiro, os estados aparecen novamente, tal como fixeron en 2008, como o salvavidas para as empresas en quebra e como soporte para o fráxil sistema financeiro a escala planetaria. Fronte ás crises, os establishments económicos non só non poñen en dúbida o rol interventor do Estado, senón que o reclaman.

 Porén, esta crise que acaba de estourar está a evidenciar un problema moito máis profundo: a incapacidade do capitalismo de lograr unha reestruturación da produción que garanta un aumento da taxa de ganancia a longo prazo. Isto maniféstase como unha crise de sobreprodución nun contexto onde a economía e o comercio non se expandiron a grande escala desde 2008. Durante a última década, a economía global caracterizouse por un lento e débil crecemento. No entanto, no mesmo período si vimos como se ampliaba a rede de tratados comerciais e de investimento que tentan xerar marcos de certeza para os investidores a escala global. A arquitectura legal composta por miles de tratados foi mutando de acordo ao modo en que se desenvolven as cadeas globais de valor, e a certos modos necesarios de regulación estatal fronte ao caos da acumulación. A integración das redes produtivas alcanzaron tal profundidade que o libre comercio non pode ser posto en dúbida, nin se permite que os Estados adopten prácticas que tendan a erixir barreiras proteccionistas.

 Neste ensaio explicaremos que, en contextos de crises, se volve aceptábel (e requirido) o papel dos estados como prestamistas de última instancia, reguladores das economías e salvadores das empresas produtivas a piques de quebrar. Así e todo, estes non poden erixir barreiras extraordinarias á circulación do capital e das mercadorías. Dada a profunda interrelación das redes de produción global, resulta aceptábel certa regulación estatal, pero non o freo á liberalización comercial, a roda debe seguir virando.

A crise de 2008, o inicio da gran recesión e os Tratados de Libre Comercio “de nova xeración”

 Para podermos comprender o momento actual é imprescindíbel remitirse á crise de 2007-2008. Esa crise pode ser entendida como o comezo dunha gran recesión que non foi resolta e que non levou a un novo proceso sostido de acumulación de capital[2]; de feito, os seguintes dez anos poden ser lidos como a expresión entrecortada desa crise[3]. A crise de 2008 non se pechou porque os estados tiveron alí un papel crucial rescatando as empresas produtivas e o sector financeiro en quebra, evitando así unha reestruturación exitosa do capital que permitise saír do ciclo de crise a curto prazo. Dese modo, empurrouse a crise cara a diante mediante o crecemento exponencial da débeda.

 Despois de 2008, a economía mundial caracterizouse por un crecemento anémico ou débil nas economías máis importantes. Este crecemento estivo marcado por unha sobreacumulación de capital produtivo[4]. A pesar das baixas taxas de xuros e a inundación de liquidez durante a primeira década do novo século, non se xerou un crecemento económico sostido. Durante a crise de 2008, as exportacións globais retardáronse en 3,4%, e en 2009 diminuíron un 11,3%[5], unha caída sen precedentes desde a crise de 1930. Os niveis de crecemento e comercio estabilizáronse na post-crise grazas ao rol da economía chinesa como gran consumidora de recursos naturais e mobilizadora de investimentos a escala global a través de proxectos de infraestrutura como o Belt and Road Initiative. Con todo, desde mediados de 2018 produciuse unha nova caída na actividade industrial global e no comercio. No último trimestre de 2019, o comercio caeu 1,2%[6]. Antes do inicio da pandemia, as perspectivas de crecemento da economía mundial publicadas pola OCDE eran do 2,9% para 2020, aínda que o Fondo Monetario Internacional (FMI) anunciou recentemente a retracción de preto do 3% da economía global, unha caída peor que a vivida tras a crise de 2008[7]. O problema a curto prazo para a saída desta crise é que China non está posibilitada para xogar o mesmo rol que na post-crise de 2008, porque China mesma se volveu o escenario da sobreacumulación mundial, e porque foi o país directamente afectado polo Covid-19, xerando un freo xeneralizado da produción[8].

 En 2008, o intento de saída coordinada das potencias foi a través do relanzamento dun novo G-20 –aggiornado- para facer fronte á crise global. A convocatoria a un foro ampliado (o que outrora fora o G7) mostraba a necesidade de buscar certos graos de cooperación para saír da crise, máis aló do rol central (financeiro e político) dos EUA. O acordo xeral era que se fundaría unha nova orde global sustentada na supervisión, a orde e a regulación mundial[9]. O máis relevante é que o G20 nas súas reunións de 2008 e de 2009 acordou permitir as medidas fiscais necesarias para estabilizar o sistema financeiro global. Porén, tamén se acordou non caer na tentación proteccionista tendo en conta de que as redes de produción globais requirirían un comercio libre e aberto para funcionar[10]. Tratouse entón dunha crecente regulación nun contexto de continua liberalización, a declaración da Cimeira do G20 de novembro de 2008 en Washington subliñou a importancia de non se illar, de rexeitar o proteccionismo e de “non establecer barreiras ao investimento ou ao comercio de mercadorías e servizos, de impor novas restricións ás importacións, ou pór en marcha medidas (…) para estimular as exportacións”[11].

 A saída “reguladora” do G20 non funcionou; de feito, foi abandonada rapidamente. Así e todo, a necesidade de avanzar en certos modos de intervención aceptada dos Estados en situación de crise plasmouse nos tratados de libre comercio (TLC) negociados despois de 2008, especialmente nos chamados mega-rexionais. A conexión entre a crise do 2008 e a última onda de TLC vese especialmente mediante a incorporación dos novos temas relevantes para a acumulación de capital no marco da internacionalización da produción, especialmente o comercio electrónico e os servizos dixitais. Pero o central para ver a conexión coa crise é que estes tratados incorporan certa reconfiguración das funcións regulatorias dos Estados, especialmente de face ao sector financeiro[12]. O Tratado Transpacífico (TPP) negociado polos EUA (aínda que este despois se retirase) sumou un capítulo de Servizos Financeiros onde se acepta un maior papel de rescate dos Estados, a partir da incorporación de excepcións á cláusula de Trato Nacional para o sector financeiro estranxeiro. Así, o papel de rescate estatal da banca “nacional” e o sector financeiro en contextos de crises é permitido. Como vemos, a nova onda de tratados da última década pode ser lida á luz da saída (transitoria) que se deu para a crise de 2008.

 Mais a saída da crise de 2008 non xerou un impulso para o crecemento do PIB global e o aumento do comercio, senón que se sostivo sobre a expansión do crédito. A relación entre a débeda total (fogares, empresas e gobernos) e o PIB global ascende a 322%, relación que aumenta a 383% nos países desenvolvidos[13]. O crédito converteuse nunha especie de colchón para evitar unha gran crise, a cal foi novamente botada cara a adiante . Por iso, a única saída a curto prazo para o sistema no seu conxunto é aceptar a centralidade da actuación dos Estados como “salvadores” do sistema[14]. Agora como en 2008, o rescate realízano os Estados e os seus bancos centrais, creando o estímulo monetario necesario para manter lubricada a maquinaria do sistema financeiro (bancos, aseguradoras, fondos de risco) e produtivo (lembremos que en 2008 o goberno norteamericano tamén salvou a mega-corporacións como a General Motors). Outra vez, a crise-e-reestruturación foi prolongada e adiada[15].

 O problema é que ese “tirar para adiante” estalou parcialmente entre decembro de 2019 e marzo de 2020 co freo da produción en China, que afectou enormemente a industrias como a automotriz. Un dato non menor é que o 9% da produción de cocheos de China se prodecen en Wuhan, epicentro da pandemia. Este freo implicou unha enorme incerteza sobre o futuro do sistema produtivo na súa totalidade, debido á incapacidade de saber por canto tempo quedarían paralizadas as cadeas de valor que teñen a China no seu elo principal. O freo expresouse rapidamente como venda masiva de accións, como unha crise no sistema financeiro. En marzo, os mercados colapsaron, coa intervención da Reserva Federal (Fed) norteamericana e do Banco Central Europeo, os mercados globais sostivéronse e evitaron que se disparase o prezo do dólar. Con todo, esta intervención foi moito máis forte que calquera papel que estas institucións teñan desde a crise de 2008. Por iso, segundo Adam Tooze estamos só ante o inicio da onda expansiva (shockwave) dunha crise que podería estourar en pouco tempo máis [16].

O comercio non se toca: a necesidade de circulación das mercadorías en tempos de crise

 A expansión do coronavirus en China e o consecuente peche de fábricas atinxiron fortemente todos os mercados, especialmente pola alta dependencia do encadeamento produtivo con ese país. Ao comezo de 2020 xa se fixo evidente un freo xeneralizado en tres sectores[17]. Primeiro, na produción (crise de oferta) debido ás medidas de distanciamento social. Isto xa está a xerar un forte aumento da capacidade ociosa e enormes perdas en diversos sectores das economías. Segundo, isto leva a unha caída da demanda global. Sen produción non se require tanto carbón, ferro, cobre ou minerais. A caída de demanda de commodities dos países centrais e de China xa está a golpera as economías dependentes das devanditas exportacións, como as latinoamericanas. Terceiro, o freo na oferta e na demanda exprésase nunha caída brutal da circulación, do comercio. A OMC estima que a caída do comercio mundial pode abalar entre o 13% e o 32%, de acordo con  a rapidez e capacidade dos estados de afrontar a crise[18]. Pola súa banda, a UNCTAD proxectou a caída do investimento estranxeiro directa entre un 30% e un 40% até 2021[19].

 Fronte a esta situación sombría, circulan varios diagnósticos e propostas das institucións e foros gobernamentais fronte á crise no comercio global. Varios organismos como a OMC, a UNCTAD e a CEPAL, e foros como a OCDE e o G20, publicaron documentos cunha serie de propostas de políticas públicas orientadas a manter o comercio aberto e funcionando. A posición común é acerca da necesidade de que os Estados interveñan para resolver (dalgún modo) a crise sanitaria e garantan o rescate ás empresas. Pero tamén existe un consenso acerca de que o comercio aberto e as cadeas globais de valor son os motores fundamentais para a recuperación da crise económica. Así como o rol activo dos Estados está a mitigar e contendo o shock económico, na área do comercio os gobernos só deberían implementar “medidas necesarias, efectivas e cientificamente probadas para enfrontar a pandemia de Covid-19”[20].

 A preocupación é que a crise esperte unha onda de políticas proteccionistas e aumento de aranceis, como sucedeu noutros momentos de crises. Nese sentido, Roberto Azevedo, Director Xeral da OMC, sostivo que “os gobernos están a introducir estímulos fiscais e monetarios” para facer fronte á crise, e “iso é positivo”.Segundo Azevedo, o comercio ten un papel importante para ser parte da “resposta global” que esta crise require, xa que o comercio aberto axudará a traer “a recuperación económica máis rápida e forte para todos”[21]. A OCDE sostén que é central que os Estados impulsen “a confianza no comercio e os mercados mundiais mellorando a transparencia sobre as medidas e intencións de política relacionadas co comercio”, así como “evitar facer o panorama máis sombrío coa implementación de innecesarias restricións e outras barreiras comerciais"[22]. Nese sentido, é necesario mellorar a coordinación na facilitación do comercio global e especialmente no comercio dixital (sector que de feito sae beneficiado da crise). E no caso de que se apliquen barreiras técnicas ao comercio (ou barreiras non-arancelarias), entón a necesidade para tal política debe estar baseada en probas científicas, tal como se explicita en gran parte dos TLC asinados a nivel global.

 Á súa vez, varios Estados están a negociar ou aprobando TLC durante a pandemia, o cal mostra que o libre comercio non se pon en dúbida . Hai numerosos exemplos desta situación, a Asemblea Nacional de Ecuador, en plena crise sanitaria que o leva a ser un dos países con maior taxa de mortalidade pola Covid-19 na rexión, aprobou o 21 de abril o acordo cos países europeos de EFTA (Asociación Europea de Libre Comercio)[23], e na mesma semana pechou negociacións para un TLC con Chile. O Parlamento vietnamita apréstase a aprobar o acordo comercial coa UE na súa próxima reunión a fins de maio, a través de videoconferencia parlamentaria[24]. Entrementres, a UE continúa en plena pandemia as súas negociacións comerciais cos EUA, China, Australia e Nova Zelandia[25], á vez que acaba de anunciar a fin das negociacións para a “modernización” do acordo comercial con México, o cal foi denunciado por numerosas organizacións sociais[26]. O Mercosur anunciou que a próxima rolda para un TLC con Corea do Sur será en maio, aínda que agora sen a participación de Arxentina nas negociacións (aínda que Arxentina deixou en claro que non se retira da última etapa de revisión técnica e legal do acordo coa UE)[27]. Pola súa banda, e no marco do TLCAN, os EUA presionaron a México para que reabra as plantas situadas na fronteira no medio de fortes paros laborais porque os traballadores denuncian a falta de medidas de hixiene e de protección da súa saúde[28].

 O libre comercio é intocábel. Todo o sistema depende cada vez máis da circulación do capital, de xeito rápido, doado e sen atrancos. “Desregulación” non é o mesmo que “liberalización”, regular a banca, por exemplo, é correcto a  ollos do Banco Mundial[29] ou do G20 na post-crise de 2008, pero a liberalización dos mercados de mercadorías non se discute. A principios de abril, o xornal Financial Times vaticinaba a fin do neoliberalismo e clamaba pola necesidade dun novo “contrato social” onde os Estados teñan un papel máis activo na economía[30], outorgando grandes empréstitos[31] e mesmo a posibilidade de que nacionalicen empresas en quebra (como recentemente permitiu a UE[32]). Pero nese movemento de rescate das empresas hai que garantir que as empresas vendan. En termos materialistas, a mercadoría débese realizar no mercado global e dese xeito termine o ciclo de reprodución do capital. Isto implica que a roda do capital siga virando: que as mercadorías continúen circulando, que non se restrinxan as aduanas nin se establezan barreiras arancelarias (nin para-arancelarias) innecesarias que freen a importación e exportación de produtos. Como diría David Harvey, que o ciclo do “consumo demencial”[33] continúe, porque este mantén a roda da produción andando.

 Se algo fixo a globalización, ou o proceso de internacionalización do capital, foi reducir ou eliminar as barreiras para dar vía libre ao capital. O mundo enteiro foi convertido nun único mercado baixo a lóxica da acumulación capitalista. Entón, desde a lóxica do capital, é certo que a libre circulación se volve crucial, pola centralidade que ten a extracción de materias primas, o acceso a traballo barato e disciplinado, e logo a localización final da produción. Pero actualmente estamos ante un sistema caracterizado pola sobrecapacidade produtiva, a existencia de enormes cantidades de capital e produción excedente con menores marxes de beneficio, unido a unha caída do consumo global. O asinamento de novos TLC e o mantemento dos existentes non garanten exportar máis nin atraer máis investimentos estranxeiros. O seu único sentido é impor as mellores condicións posíbeis para a libre circulación do capital e das mercadorías. Mais sen unha reestruturación efectiva do capital a escala planetaria, non se recomporá a taxa de ganancia nin o comercio poderá xerar unha recuperación económica “que beneficie a todos”, como sostén Roberto Azevedo.

 O éxito (pasaxeiro) do capitalismo parece entón estar baseado nunha nova brutal expansión do crédito, o cal ten aos Estados e os seus bancos centrais como protagonistas indiscutíbeis. Ao mesmo tempo, os Estados tentan esquivar a crise sanitaria e financeira con políticas de expansión monetaria, de protección do emprego e de sostemento da produción. Tratan, á súa vez, de atraer parte do capital circulante cara aos seus territorios para equilibrar as súas contas nacionais, para o que fortalecen os niveis de confianza dos banqueiros e os investidores acerca de que a súa ganancia está garantida, por exemplo, mediante a negociación de novos TLC e o mantemento dos existentes. O problema é que, se a crise se prolonga durante varios meses, as medidas expansivas comezarán a debilitarse: por exemplo, as economías emerxentes como as latinoamericanas non teñen a capacidade económica dos países desenvolvidos para manter enormes subsidios por moito tempo. Por outra banda, os gobernos atoparán que os TLC vixentes restrinxen enormemente a marxe de manobra para realizar políticas mercado-internistas que axuden a saír da crise. Nun contexto de enorme incerteza, entón, a trampullada a nivel dos gobernos é notoria.

 Ningún Estado individual (nin colectivo) podería resolver a crise, só prolongala cara ao futuro como sucedeu en 2008. Fronte a esta incapacidade inherente dos Estados, o problema entón recae ao lado das saídas non-capitalistas da crise; como construímos un “mundo post-coronavirus” que non estea baseado no rescate dos que especulan senón que se centre nas persoas? Pódese avanzar en novos pactos sociais globais[34], na construción de novos internacionalismos que poñan no corazón da crítica a irracionalidade do comercio e propoña alternativas radicais e posíbeis? Isto dependerá en definitiva da conformación dunha correlación de forzas favorábel que permita novas construcións globais.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

[1] François Chesnais: “La economía mundial al principio de la gran recesión Covid-19”, abril de 2020. En: www.herramienta,com.ar/articulo.php?id=3168

[2] Rolando Astarita: “La crisis global se acelera y profundiza”, abril de 2020, en Blog de Rolando Astarita; David Harvey: “Política anticapitalista en tiempos de Covid-19”, marzo de 2020, en AA.VV., Sopa de Wuhan; David Harvey: El enigma del capital y las crisis del capitalismo, 2012, Madrid, Akal; Chesnais, op.cit.

[3] Adam Tooze: “Shockwave”, abril de 2020, London Review of Books.

[4] Astarita, op.cit.

[5] Leo Panitch e Sam Gindin: La construcción del capitalismo global; la economía política del imperio estadounidense, 2015, Madrid, Akal.

[6] OMC en: https://www.wto.org/english/res_e/statis_e/daily_update_e/merch_latest.pdf

[7] Inforegión en: https://www.inforegion.com.ar/2020/04/14/por-el-coronavirus-la-economia-mundial-caera-un-3/

[8] Chesnais, op.cit

[9] Jorge Arguello: ¿Quién gobierna el mundo? El rol del G-20 en el nuevo orden mundial, 2018, Bos Aires, Capital Intelectual.

[10] Panitch e Gindin, op.cit.

[11] G20: “Summit on Financial Markets and the World Economy”, en: https://georgewbush-whitehouse.archives.gov/infocus/financialmarkets/index.html

[12] Luciana Ghiotto: “Tratados de Libre Comercio y crisis: apuntes para una crítica de los tratados de nueva generación”, en Orozco (coord.) Del TLCAN al T-MEC: 25 años de libre comercio, Cidade de México, CLACSO GT Fronteras, Regionalización y Globalización, 2019 (en prensa).

[13] Chesnais, op.cit.

[14] Julio C. Gambina: “La pandemia agrava la tendencia recesiva y sus efectos regresivos en el empleo y los ingresos populares”, 21 de marzo de 2020; en Blog de Julio Gambina.

[15] John Holloway: “La Corona-tormenta”; curso La Tormenta, Coronacrisis I; abril de 2020. En: www.comunizar.com.ar

[16] Tooze, op.cit.

[17] Astarita, op.cit.

[18] OMC, en: https://www.wto.org/spanish/news_s/pres20_s/pr855_s.htm. Revisado en abril de 2020.

[19] UNCTAD, Investment Trends Monitor: Impact of the Covid-19 on global FDI and GVCs. Marzo de 2020. En: https://unctad.org/en/PublicationsLibrary/diaeiainf2020d3

[20] Declaración: The Trade Policy Response to Covid-19: A Call for Urgent OECD Action; Business at OECD, 7 de abril de 2020.

[21] Mensaje de vídeo do Director Xeral da OMC, Roberto Azevedo: Previsiones sobre el comercio 2020. En: https://www.wto.org/spanish/tratop_s/covid19_s/covid19_s.htm#dgvideo. Revisado en abril de 2020

[22] OCDE (2020) Covid-19 and international trade: issues and actions. Policy Brief, 10 de abril de 2020, en: https://read.oecd-ilibrary.org/view/?ref=128_128542-3ijg8kfswh&title=Covid-19-and-international-trade-issues-and-actions

[23] https://www.eltelegrafo.com.ec/noticias/economia/4/acuerdo-comercial-efta-bienes

[24] https://www.bilaterals.org/?vietnam-s-parliament-to-ratify-fta&lang=en

[25] wedish Trade Policy, 24 de abril de 2020, en: https://twitter.com/setradepolicy/status/1253699231371661313

[26] https://www.bilaterals.org/?preocupante-renovacion-del-acuerdo&lang=en

[27] Entrevista a Luciana Ghiotto: “Argentina necesita salir acuerdo con la UE”, por Vanessa Dorado. 26 de abril de 2020. En: https://americalatinasintlc.org/2020/04/26/argentina-necesita-salir-del-acuerdo-mercosur-ue/

[28] https://www.bilaterals.org/?us-pressures-mexico-to-reopen&lang=en

[29] En Panitch e Gindin, op.cit.

[30] Financial Times: “Virus lays bare the frailty of the social contract”, 3 de abril de 2020; en: https://www.ft.com/content/7eff769a-74dd-11ea-95fe-fcd274e920ca

[31] En Arxentina, o goberno anunciou en abril de 2020 un paquete de apoio ás empresas que inclúe o desembolso de 70.000 millóns de pesos en salarios complementarios, 11.000 millóns en créditos a monotributistas e 26.000 millóns en garantías para eses créditos. En total, o gobierno anunciou o compromiso de cerca de 1.000 millóns USD para as pemes. En: https://www.infobae.com/economia/2020/04/20/el-paquete-total-del-gobierno-para-ayudar-a-empresas-y-cuentapropistas-suma-850000-millones-3-del-pbi/

[32] https://www.cronista.com/internacionales/Europa-se-prepara-para-la-nacionalizacion-masiva-de-empresas-20200423-0002.html

[33] David Harvey, 2020, op.cit.

[34] Maristella Svampa. “Reflexiones para un mundo post-coronavirus”, Nueva Sociedad, abril de 2020.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web CADTM, do 10 de agosto de 2010]