Convocan unha protesta en Ourense para rexeitar a represión sindical no Grupo INDEA
A CIG e a UGT convocan unha mobilización este xoves 26 ás 12:00 horas diante das instalacións de INDEA AURIENSE, no polígono industrial de Pereiro de Aguiar, en Ourense, para rexeitar a represión sindical por parte da empresa tras o despedimento de tres delegados (dous da central nacionalista e un do sindicato estatal) que se negaron a asinar un ERTE.
Dende a CIG-Industria explican que o Grupo INDEA (Hispamoldes, Hispaplasti, Plásticos de Palencia), que está a exercer unha campaña de acoso contra a representación sindical, xustifica as rescisións de contrato pola supresión da sección de axuste e erosión.
Precisamente a central nacionalista leva dende 2020 denunciando a intención da compañía de desmantelar a fábrica ourensá, deixando só unha oficina técnica e trasladando a produción a China e Portugal, tal e como sinalaron hoxe en rolda de prensa os responsábeis sindicais.
Os problemas nestas empresas da automoción comezaron a raíz da súa adquisición por parte fondos de investimento Sapa Group e Quarza, co obxectivo de crear “un provedor de referencia na industria europea da mobilidade sostíbel”, que bautizaron como Grupo INDEA. Pois ben, dende a CIG-Industria advirten que a nova propiedade “non aposta por Ourense e está a deixar morrer as empresas ”, ademais de aplicar ERTE sen acordo.