Convocan protestas para lograr melloras laborais na Confraría de Pescadores San Martiño do Grove
Os empregados/as da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove veñen de anunciar a convocatoria dunha xornada de folga e dunha concentración para reclamar melloras nas condicións de traballo, tras máis de 10 anos sen unha revisión salarial nin melloras laborais nin sociais.
O cadro de persoal da Confraría está formado por un total de 23 traballadores/as, entre gardapescas marítimos, persoal de lonxa e peixería e persoal técnico e de oficinas, aos que se lle aplicaba o convenio de oficinas e despachos de Pontevedra. Pero hai xa máis de 10 anos que deixou de facerse, polo que dende entón levan sen actualizar os soldos nin mellorar as condicións laborais e sociais.
Diante disto, nos últimos dous anos a representación do persoal mantivo varias xuntanzas coa dirección para abordar a situación e a necesidade de abrir un marco estábel de negociación co obxectivo de revisar e actualizar as condicións laborais, “mais déronnos largas en todo momento”, segundo sinala o delegado de persoal, da CIG.
Diante disto, e ante a imposibilidade de chegar a unha solución negociada, o representante sindical convocou unha asemblea de traballadores/as o pasado luns na que se decidiu convocar mobilizacións. “Antes desta convocatoria intentamos novamente chegar a un acordo coa dirección e mediante a Inspección de Traballo, pero os resultados non foron satisfactorios”.
En consecuencia, este luns 28 os traballadores/as desenvolverán unha concentración diante da Confraría a partir das 11:30 horas, mentres que para o vindeiro venres 2 de outubro teñen convocada unha xornada de folga.