Convocan protestas na empresa INDEA de Ourense polo despido dunha traballadora lesionada no seu posto

A CIG-Industria chama a mobilizarse este xoves día 11 diante das instalacións de compañía ás 11:30 horas
Ourense - 09 Xun 2026

A CIG-Industria de Ourense vén de anunciar a convocatoria dunha concentración este xoves 11 de xuño ás 11:30 horas diante da empresa INDEA (antiga Hispaplasti), con sede no polígono de Pereiro de Aguiar, para esixir a readmisión dunha traballadora despedida por causa dunha lesión laboral.

A compañía, agora propiedade da transnacional SAPA, rescindiulle o contrato unha vez que a empregada -afectada de epicondilite, unha lesión causada polo traballo repetitivo na cadea de inxección- solicitou unha adaptación do seu posto. A empresa negoulle a adaptación e, semanas despois, ingresoulle un finiquito e unha carta de despedimento obxectivo por ineptitude sobrevida. “Chámanlle ineptitude ao que eles mesmos fixeron: destruír a súa saúde”, denuncian dende a central sindical.

Na CIG-Industria lembran que a traballadora desenvolveu unha lesión musculoesquelética crónica pola natureza do seu traballo, “polo que pediu o que é un dereito: a adaptación do posto. Pero a empresa negoulle ese dereito e converteuna en culpábel da súa propia lesión para xustificar o despedimento”.

Unha actuación empresarial que a central non considera xestión de recursos humanos senón “violencia laboral”. Neste senso, sinalan que “o patrón é claro: SAPA absorbeu Megatech, que ten outra planta de inxección de plástico xusto en fronte de INDEA. Nos próximos meses haberá axustes de persoal, cambios de categoría e movementos entre empresas. Esta traballadora é a primeira, pero non vai ser a última se non nos opoñemos a esta política empresarial”.

Polo que chama a participar na protesta deste xoves para esixir a readmisión inmediata da traballadora despedida, a adaptación real dos postos de traballo sen represalias, que as lesións musculoesqueléticas derivadas do traballo repetitivo sexan recoñecidas e tratadas como enfermidades profesionais e garantías fronte aos procesos de reestruturación.