Convocan protestas ante a ruptura das negociacións do convenio provincial do metal de Pontevedra
A CIG, CCOO e UGT veñen de anunciar a convocatoria dun calendario de mobilizacións ante a ruptura das negociacións para renovar o convenio provincial do metal de Pontevedra. As tres centrais maioritarias desenvolverán protestas en Vigo e Valga e levarán a cabo unha asemblea conxunta para analizar os intentos da patronal de precarizar aínda máis o sector.
A decisión dos sindicatos chega tras 14 xuntanzas e unha vez que o empresariado rompeu as negociacións “levantándose da mesa e mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións”.
Por iso, ante a imposibilidade de chegar a acordos “cunha patronal instalada nunhas lóxicas de precarización e empeoramento das condicións de traballo” as centrais apostan por saír á rúa para visibilizar a necesidade que teñen os traballadores/as do sector “dunha modernización do convenio, con redución de xornada, subrogación, licenzas, limitación dos centros especiais de emprego, acoso laboral, contratación indefinida, categorías, plans de igualdade, dietas, plus de gardas e unha suba salarial acorde o esforzo que os cadros de persoal fixeron durante todo este tempo de pandemia”.
Deste xeito, decidiron convocar unha serie de mobilizacións para o vindeiro mes de marzo. A primeira delas terá lugar o día 1 diante de Talleres Fontán, en Vigo, mentres que o día 11 trasladaranse a Valga para levar a cabo unha concentración diante de Urovesa. As dúas protestas desenvolveranse de 11:00 a 12:00 horas.
Ao mesmo tempo, o mércores 24 de marzo celebrarán unha asemblea de traballadores/as do sector fronte o Náutico de Vigo, nas proximidades da estación marítima. Dende a CIG, CCOO e UGT fan un chamamento a participar tanto nas protestas como na asemblea como único xeito de lograr unha mellora das condicións laborais.